Tribuna Viva
Comunicado da asociación de veciños Santa María de Ponte Sampaio
Reunida a Xunta Directiva na data de hoxe, acorda:
Vén de recibir con incredulidade a corrente proposta do Partido Popular de construír un pavillón de deportes nos liberados terreos do antigo campo de fútbol da Xunqueira.
Resulta sorprendente que o PP defensa no vindeiro pleno municipal esta idea que suporía unha desfeita para o espazo máis singular da parroquia, que aínda non entende que as cousas xa non se fan co "ordeno e mando".
A proposta do Partido Popular é unha aberración nun momento no que todas as sociedades apostan por recuperar os seus espazos naturais e costeiros, e como é o caso da nosa Xunqueira, unha reivindicación pola que levamos décadas loitando.
Ademais, é incrible que un partido político con representación municipal aínda non saiba que non se pode actuar neses terreos, dado que están en proceso de reversión de Costas ao Concello de Pontevedra.
Polo tanto, só nos cabe concluír que esta ocorrencia do PP non responde ao intereses veciñais de Ponte Sampaio, senón todo o contrario. Van na súa contra co único propósito de reforzar a imaxe dun militante na parroquia incapaz de asumir as decisións colectivas e incapaz de deixar atrás as prácticas caciquís doutros tempos.
Agardamos que o Concello non aprobe esta iniciativa no vindeiro Pleno e xa adiantamos que, de saír adiante, atoparanse cos veciños e veciñas de Ponte Sampaio unidos en contra do pavillón, como xa demostramos noutras reivindicacións anteriores.
Ponte Sampaio, 15 de abril de 2021.
José L. López Carragal. Presidente.