Tribuna Viva
O movemento LGBT+ galego conmemora o Día da Visibilidade Trans
Hoxe, 31 de marzo, co motivo do día internacional da visibilidade trans, foron convocadas concentracións por parte do movemento LGBT+ galego para esixir os dereitos das persoas trans e a aprobación da lei trans estatal.
O 31 de marzo é unha conmemoración anual, adicada ás persoas trans vivas. Este día de loita e resistencia trans foi fundada pola activista trans Rachel Crandall en 2009 e pasou a ser internacional no 2014. Ata que chegou este día, só existía o Día Internacional da Memoria Trans, centrado en recordar ás persoas trans vítimas dos crimes de odio que, por desgracia, aínda seguen a ter lugar en todo o mundo.
A pesar da pandemia, os colectivos sairon á rúa este 31 de marzo en forma de concentracións nas prazas da Coruña, Compostela, Ourense, Pontevedra e Vigo para
demandar a aprobación da lei trans estatal, acadando un grande éxito de asistencia, a cal os propios colectivos LGBT+ indican que se conseguíu en parte grazas ao apoio de numerosos colectivos feministas de todo o país.
Esta nova Lei Trans, demanda central da xornada, suporía superar o modelo actual de patoloxización, e axilizaría o proceso de transición legal. Asi o texto recolle que unha persoa trans pode autodeterminar o seu xénero sen tutelaxe de ningún tipo e mudar o seu nome e sexo na súa documentación legal a partir dos 16 anos. Tamén recolle ás identidades non binarias -persoas que non encaixan na dualidade de home ou muller- sendo debatida a posibilidade de eliminar a referencia ao sexo no DNI. Recoñece tamén outras cuestións vinculadas a áreas como o deporte, a educación, as prisións e o emprego.
Ademais, os colectivos consideran unha cuestión fundamental o feito de que esta norma permite a mudanza de nome e xénero legal das persoas migrantes, que na actualidade se ven sometidas a tempos de espera de ata máis de 10 anos, reforzando a súa situación de vulnerabilidade fronte á pobreza extrema.
Segundo o recollido na lei vixente dende o ano 2007, as persoas trans deben pasar por un proceso médico que se inicia co diagnóstico de “disforia de xénero” realizado por un psiquiátra, cuestión que o propio Colexio Español de Psiquiatría denuncia como non só innecesario, senón fóra das súas capacidades posto que non hai ningún xeito riguroso de determinar o xénero real dunha persoa. Logo de obter este diagnóstico, deben pasar por unha hormonación de dous anos ou unha cirurxía xenital para poder acadar ao cambio documental, o cal en calquera dos casos supón a esterilización destas persoas.
Ademais, esta norma tampouco recoñece as identidades non binarias, e segundo denuncian os colectivos forza ás persoas trans a asumir uns roles de xénero estereotipados e sexistas para poder obter a súa documentación.
Dende o movemento LGBT+ galego afirman que loitarán ata a onde sexa necesario por facer que esta lei poida ver a luz. “Loitamos porque a disforia de xénero non sexa unha enfermidade a ser diagnosticada. Loitamos polas persoas trans menores que non poden acceder decidir sobre o seu corpo e a súa identidade, sendo condenadas a vivir no armario ou atravesando unha pubertade non desexada, someténdose na vida adulta a operación cirurxicas que podían ter sido evitadas. Loitamos polas migrantes, loitamos por todas, loitamos por unha vida digna para todas as persoas trans.”
Coordinadora Nacional de Avante LGBT+