Marta Rodríguez Engroba
Must show go on?
Creo que, na longuísima lista de defectos que teño, se hai algún que non figure, é o da hipocresía, algo, por certo, que me perxudica en non poucas ocasións, porque falar claro e actuar en consecuencia cos propios principios non é algo, desde logo, que cotice a alza, pero, que lle imos facer,! son así, e creo que, a estas alturas da miña vida, as probabilidades de que cambie son moi escasas, por non dicir inexistentes.
E precisamente por isto, porque non son hipócrita, non me vou engadir a esas persoas que o pasado Luns falaban do que semella xa imparable fenómeno mediático tras o programa de televisión no que, por unha "módica" cantidade, Rocío Carrasco contaba a súa experiencia como presunta vítima de violencia de xénero do seu ex marido, Antonio David Flores alegando que viran algún fragmento mentras facían zapping, que llo contaran, ou que pasaban por casualidade polo salón da súa casa camiño da cociña cando a tele estaba acendida.
Eu, nin fixen zapping, nin andaba de paseo pola casa.
Quería velo, si, porque me preocupa, e en Si, hai saída nos preocupa, e moito, o tratamento mediático que nos medios de comunicación se lle da a todo canto atinxe a violencia machista, e dadas as peculiaridades deste caso, comezando pola principal, a identidade da presunta vítima, moito nos temíamos o que ía a acontecer, e, desde logo, as nosas sospeitas non soamente se confirmaron, se non que o fixeron con creces.
Teño que admitir que o pasei francamente mal vendo o que non sei nin como cualificar, e que o meu escasísimo consumo habitual de tabaco medrou considerablemente nas horas que durou o programa, de pura indignación, de impotencia, e, dito isto, gustaríame debullar algunhas das miñas reflexións posteriores, que son, reitero, miñas, como muller, como nai, como vítima de violencia de xénero, e como parte integrante dun colectivo que convivimos coa dor de tantas mulleres maltratadas.
Cando hai sete anos pensei que chegara o momento de materializar o meu proxecto de tentar axudar a vítimas de violencia de xénero e formar Si, hai saída, contando, ademais, a miña experiencia, pensando que, tal vez, podería animar a algunha muller a tomar a decisión que eu tomei no seu día e que, sen dúbida, me salvou a vida, tiven claro cal era o primeiro paso que debía dar:
Falar co meu fillo, saber qué pensaba, e como se sentiría ante a miña confesión pública, malia que, neste caso, o meu maltratador non era seu pai, do que eu xa levaba moitos anos separada, se non a miña segunda parella, máis, ainda así, era evidente que lle podería afectar ou facelo sentir incómodo, e él era, é, e seguirá sendo sempre, a miña prioridade.
Non soamente non puxo ningún impedimento, se non que me apoiou no meu propósito, pero, de non ter sido así, teño claro que faría as cousas doutro xeito.
Seguiría adiante coa formación da asociación, por suposto, pero o enfoque tal vez sería diferente, e todo isto tendo en conta que meu fillo e eu vivíamos xuntos e a nosa relación sempre foi estupenda, polo que, sinto ter que dicilo, pero non son quen de entender como a Sra. Carrasco, que chorou desesperada ante a cámara por ter perdido aos seus fillos, porque, di, llos quitaron, tomou unha decisión de tal envergadura sen tentar sequera ter unha conversa previa con eles, sen pararse a pensar como se sentirían despois das súas manifestacións, habida conta das graves acusacións que ía lanzar contra o seu pai, co que eles elixiran vivir, e as posteriores consecuencias que a súa confesión, sen dúbida, implicarán para eles, afirmando, eso si, que se considera unha boa nai, algo que eu, por suposto, non son quen para valorar. Tan so me remito aos feitos.
Se a súa intención é tentar recuperalos, francamente, na miña humilde opinión, creo que escolleu o camiño máis errado.
Non me cabe na cabeza, por outra banda, como nun programa de televisión que terá, supoño, asesores legais, se xulga e se condena, sen ningún xénero de dúbida, a alguén, que, independentemente da impresión que nos cause a cada un de nos, nunca foi condenado xudicialmente, e, neste punto, vaia por diante que non me pronuncio en modo algún sobre a posible veracidade da versión da Sra. Carrasco, xa que, nin son quen, nin teño,obviamente, toda a información que se requeriría para isto, algo, por certo, do que parecen dispoñer non soamente os tertulianos do programa, colaboradores, etc, se non tamén media España, dándoa por boa sen máis.
Se hai algo que me rechía ata resultarme totalmente insoportable, é que algo tan grave e doloroso como a violencia machista se trate nunha canle que ten o seu prato forte na emisión de programas que son o paradigma do máis noxento machismo, da cousifcación da muller, e un caldo de cultivo perfecto para a violencia de xénero, como xa se demostrou nalgún deles, e que se faga, ademais, ao máis puro estilo reality, "talk show", ou como se lle queira chamar, mesmo con sorteo de cartos polo medio.
Demencial é o único cualificativo que se me ocorre para definir as intervencións da Ministra de Igualdade e as posteriores manifestacións da Delegada do Goberno de Violencia de Xénero que, baseándose tan so no que nese programa se escoitou, non dubidaron en posicionarse, algo que ningún político, creo, debería facer, mantendo a obxectividade e tendo en consideración as graves e máis que evidentes irregularidades nas que se estaba a incurrir, e menos ainda cando están a gobernar.
Non me serve, así mesmo, a excusa da que xa se sabía ía ser elevada audiencia para xustificar que un tema tan sangrante como a violencia machista se tratara na última canle na que se debería facer, nin menos ainda que aleguen que vai axudar a que se tome conciencia da violencia psicolóxica.
E que acaso os testemuños de tantas e tantas vítimas que a sufren non teñen valor, sendo preciso que chegue a Sra. Carrasco para que aporte unha credibilidade que, polo que se ve, elas non posúen?.
É, sinxelamente, insultante.
Desesperante e arrepiante o que as mulleres vítimas de violencia de xénero poden agardar dun Goberno que actúa e se manifesta con tal lixereza e irresponsabilidade e qué dicir dunha sociedade que fica indiferente, na súa maior parte, ante as situacións de maltrato da súa contorna, pero que, unha vez máis, despregan toda a súa "concienciación" ante un personaxe mediático co que, polo visto, conviviron, xa que semellan coñecer a perfección as súas circunstancias, erixíndose en xuiz e parte.
Curiosamente, neste caso non se trata, como adoita suceder, de "cousas de parella nas que é mellor non meterse". Unha vez máis, as variñas de medir son infinitas.
É grave, gravísimo, que ninguén semelle darlle nin a máis mínima importancia as manifestacións dalgúns tertulianos, así coma as dos sucesivos personaxes que cada día van xurdindo, por suposto, facendo caixa, afirmando ter sido coñecedores ou mesmo, nalgúns casos, testemuñas directas, da situación que estaba a vivir a Sra. Carrasco, obviando que están a falar dun delito de omisión de socorro, e sen que isto traiga consecuencias para ningún deles, por non falar da súa miserenta calidade humana, se é que teñen algunha, que os tivo calados durante anos, pero que non lles impide falar agora a golpe de talonario.
Prefiro non entrar na cuestión económica. Sinxelamente reafirmarme, unha vez máis, na crenza de que, neste pais noso de pandeireta, o negocio da dor, cobrar por relatar o sufrimento, otorga credibilidade, algo que eu vivín e continúo a vivir na miña actividade con Si, hai saída.
Son moitos os que me miran con receo e mesmo me rexeitan por non cobrar por contar a miña experiencia e elevan a categoría de "referente" a quen pasa a bandexa relixiosamente tras o seu relato.
E o mesmo ocorre coas labores de asesoramento e axuda as vítimas.
Non encher os petos con ningunha remuneración é un "delito" que nos converte no inimigo.
O realmente tráxico é, no meu xuizo, a constatación, unha vez máis, de que a violencia de xénero é un negocio moi lucrativo, cada vez máis, para moitos.
Razón de peso para non erradicala.
Podería seguir, porque ese "show" ao que deron en chamar "docuserie" deu para moito, pero non habería espazo abondo para todo canto me gustaría dicir, máis si me vou permitir unha última reflexión.
Repito que non vou a valorar a veracidade do relato da Sra. Carrasco, máis hai unha parte dela que si creo, totalmente, e esta é, reitero, unha reflexión persoal. única e exclusivamente.
Creo a parte da historia que non está a contar.
Non sei o que lle pasaría hai anos co Sr. Flores, pero recoñezo perfectamente esa cara desencaixada, ese romper a chorar tentando camuflar os motivos reais dos saloucos, ese illamento, ese tentar facer crer aos demais que estaba a ser querida, protexida......e, o peor de todo, tentar crelo eu mesma.
Créame, Sra. Carrasco, de muller a muller, de vítima a vítima, mentras Vd. non se decida a chamar polo seu nome a todo o que lle fai dano, non tan so ao pasado, non vai achar esa paz que dí estar buscando, por moitos milles de euros que lle paguen.
Por certo, en cantos destes miles estima que se pode valorar o sufrimento dos seus fillos?.
Mentras tanto, eu pregaríalle que se tomase un momento para reflexionar se, precisamente por eles, o show debe continuar.
Que lle di o corazón, Sra. Carrasco, must show go on?.
Asociación Si, hai saída