Tribuna Viva
Comunicado da Xunta de Persoal do Concello de Pontevedra
O pasado día 23.03.21 a Xunta de Persoal que representa os intereses dos traballadores e traballadoras do Concello de Pontevedra e integrada por delegados de persoal de CIG, CSIF, UGT, CCOO, SPPME e AFUMPO abandonaron a reunión da mesa xeral de negociación das condicións de traballo desa administración que se estaba a celebrar.
Malia que esa acción pode interpretarse como unha ruptura das negociacións o certo é que estas xamais existiron, xa hai un tempo que a política de persoal do Concello de Pontevedra desenvolvida pola Concelleira do ramo, María do Carme Fouces Diaz, redúcese á imposición de modificacións da RPT, de instruccións en materia de persoal, de vulneracións do convenio colectivo, e decisións que se implantan tras unha dación de contas aos representantes dos traballadores á que chaman negociación.
No entanto, a tendencia actual da Concellería de persoal é a de perseguir e neutralizar certos dereitos dos traballadores.
Desde que a mediados do ano pasado a Concelleira decidira, unilateralmente, arquivar o estudo da RPT aprobada por acordo acadado entre o goberno e os representantes dos traballadores, realizáronse varias das modificacións que interesaban á administración obviando aquelas que implicaban melloras nas condicións laborais do persoal en xeral.
Por outra banda, insiste en impoñer unha serie de requisitos formais que implicarían a imposibilidade de exercer certos dereitos dos taballadores. E o fai baseándose nunha instrucción interna da Xunta de Galicia que non resulta de aplicación. É tan obvia a súa incapacidade para negociar que se ten que refuxiar nos acordos da administración que máis critica en materia de persoal.
Ao noso xuízo isto pon de manifesto, unha vez máis, que a actual Concelleira non é unha persoa apta para acadar os acordos que esta administración precisa. Por respeto aos traballadores e traballadoras cuxos intereses representamos vímonos obrigados a abandoar a reunión do pasado día 23, pois non podemos permitir que os órganos de negociación queden reducidos a meras figuras decorativas impotentes ante actitudes despóticas e caciquís.
A nosa intención non é romper as negociacións senon tentar acadar unha solución o antes posible, para o cal solicitamos unha reunión co Alcalde de Pontevedra para tentar desbloquear o diálogo social no Concello.