Manuel Pérez Lourido
Followers
Viña de publicar un par de artigos de contido político e xa se me baixaran algúns dos que me seguían en twitter. Seguirme a min en twitter éche ben sinxelo: poño algo cada cinco anos, e iso se hai lúa ese día, mellor dito, esa noite. Sí, este texto vai ir de min mesmo (coma todos, pois todo o que escribimos revela algo dun mesmo).
Dende que Ayuso anunciou que deixaba de ser presidenta da comunidade madrileña para volver a ser presidenta da comunidade madrileña (pero sen o estorbo de andar a pactar con outros), non sei eu se gañaría followers en twitter ou os perdería con semellante decisión. Non é doado entender twitter. Non é doado entender nada, así, en xeral. E xa non falamos de entender a Ayuso. Din que é un verso solto do PP, pero igual queren dicir que é un verso á deriva. Como Tambo, de quen eu mesmo dixen (xa avisei): Tambo é un filme doutra época, un / tempo deitado e á deriva / regresando sempre ao mesmo sitio. Tamén Ayuso fai todo isto para volver ao mesmo sitio.
A min fíxome moita ilusión, para que negalo, que me deixara de seguir xente en twitter. Pensaba que estaba máis morto ca vivo nesa rede social, pero non podes estar morto se alguén deixa de prestarte atención. Un momento… se cadra teño que darlle unha volta. Igual o que te define en twitter son os teus seguidores e non os que che deixan de seguir. Igual son só os novos seguidores, e o resto están aí por rutina ou preguiza. O igual nin unha cousa nin a outra ou todas a un tempo.
Gustaríame tamén que fose certo, e non casualidade, que os que me abandonaron en twitter o fixeran polas miñas opinións políticas. Ese sería un magnífico uso das miñas opinións políticas: depurar a nómina dos meus seguidores en twitter. Alguén dirá que hai que pensar ben o que se di. Eu estou por non abusar da autocensura, salvo que sexas como o voceiro do FC Porto. Na súa conta de Instagram e co gallo da eliminación da Juventus a mans (ou pes) do equipo que lle paga, quixo deixar constancia de que Cristiano Ronaldo era un porco e de que os seus seres queridos (os de Cristiano) estaban fanados e, por se iso era pouco, chamoulle ladróns aos italianos.
A saber como vai a conta de twitter do home este.