Marta Rodríguez Engroba
Referentes... de que?
Permitídeme que comparta con vós tres breves historias.
Breves, pero reais, moi reais.
A protagonista da primeira é unha muller que pasou por unha relación tormentosa, perigosa, que se prolongou no tempo, e da que, malia ter rematado, ainda non conseguiu desengancharse.
A súa é unha fixación morbosa, que lle impide pasar páxina, algo que non é estraño nas vítimas de violencia de xénero, e que a fai tentar estar ao tanto de cada movemento que el fai.
Di tamén que ten medo, porque él move fíos, moitos fíos, mais, non obstante, tal vez, debeu pensar, non estaría mal tentar negociar, cambiar silencio por certas prebendas para ela e quen sabe se para algún achegado, e, dito, e feito.
Eu calo, ti beneficias, e todos contentos.
Agora, nun tempo máis que récord, fala de feminismo, de estereotipos de xénero. De feito, ten a ousadía de formar, segundo ela afirma, a outras mulleres.
Non importa que cando remata a clase, a conferencia, corra a mergullarse de novo na súa obsesión.
É un referente na materia, din.
A segunda aparece en certos medios de comunicación tentando promocionar a súa faceta profesional e de "super working woman", que conxuga maxistralmente maternidade en solitario, e emprendemento empresarial, con gran éxito, claro, como soamente unhas cantas privilexiadas saben facelo, e aínda lle sobra tempo para tentar ter un físico espectacular, algo que é vital para ela, principalmente cando sae nas fotos, algo que cada vez fai con máis frecuencia.
Por saber, sabe moito de case todo, mesmo de violencia de xénero, sobre o que tamén se permite disertar, explicando neses mesmos medios como identificala, a que se debe, como sair dela....Ah!, e, por suposto, declárase como a máis feminista entre as feministas.
A súa mellor amiga foi vítima desa violencia machista da que tanto fala, e ela soubo, viu, mesmo aconsellou....ao seu particular xeito, claro, ese que dí, entre outras cousas, que ser muller leva implícito ter que aturar, en maior ou menor grado, certas cousas dos homes, malia que doan.
Dixéronlle que a súa declaración sería fundamental no xuízo.
Negouse.
É un referente.
A terceira é unha fixa das manifestacións feministas, pero das "feministas de ben", das que berran contra o patriarcado, pero ao mesmo tempo mira o reloxo atenta á hora de marchar, porque unha muller decentemente casada nin se manifesta a segundo e que horas nin esquece ter a mesa posta e o xantar quentiño cando chega o seu home, que non hai que cabrealo sen necesidade.
Presume de que é activista as 24 horas do día e de que en canto compre sair a manifestarse, a levar a pancarta, sempre está aí, berrando contra ese sistema que tanto a oprime, non coma outras, que quedan na casa, ou baixan as orellas e van traballar en lugar de facer folga, ou de acudir a tal ou cal concentración.
Ten especial coidado, iso si, de colocarse na cabeceira da manifestación de turno, onde se lle ve ben e ten a foto asegurada, que non é cousa de ir e que ninguén se decate de que está alí, loitando polos dereitos das mulleres.
Sempre esquece, sen embargo, cando fala da súa entrega total e absoluta ao activismo, comentar algo.
Lóxico... ten moitas cousas na cabeza, é o que ten o activismo "full time", por iso esquece, como dixen, mencionar que ela si se pode permitir o luxo de exercer ese activismo cando lle peta porque cobra xenerosa e relixiosamente dese sistema do que tanto renega, e, por suposto, sen perigo de perder os seus ingresos por moitas folgas que faga, ou por máis horas que invirta en manifestarse ou en concentrarse.
Tamén fala moito de feminismo, de sororidade, reparte apertas feministas, apertas por certo tamén subvencionadas polo sistema que tantos arrepíos lle dá, pero non dubida en lapidar dialecticamente a canta muller non é do seu agrado, sexa polo motivo que sexa, ou que non pase polo aro do seu particular feminismo.
É, coma as dúas anteriores, un referente.
Estas tres mulleres son algúns dos exemplos que nos deixa cada 8M, ano tras ano, que son aplaudidas e avaladas non soamente polas que descoñecen a súa realidade, porque o atrezo ben usado tapa moitas miserias, moitas mentiras, ou polas que, aínda sabendo, comulgan coas súas particulares e cuestionables doutrinas, se non tamén polas institucións, por moitos políticos, que ano tras ano as empoderan, as apoian e comparten posta en escena con elas, sen pararse a considerar nin por un momento o dano que fan, ou, peor ainda, descoñecéndoo por completo, porque, no fondo, a eles, o mesmo que as súas protexidas, o feminismo, a loita contra a violencia de xénero, non é algo que lles quite o sono, que lles importe nin pouco nin moito, se non, sinxelamente, unha ferramenta, moi útil ademais, e das que venden, para axudarlas a medrar.
Para eles, as mulleres loitadoras de verdade, as auténticas feministas que apostan pola loita conxunta, respectuosa, inclusiva, e bastante mais calada, nin contan, nin existen.
É máis, estorban, non como as primeiras, que son un salvoconduto para os votos, para acadar o poder ou para manterse nel.
Algúns falan delas as costas, din, polo baixo, cando cren que non son escoitados por quen non convén, que son o peor, que saben perfectamente que o seu é unha gran mentira, pero que, claro, cando se é político, cando se representa a unha institución, hai que estar onde en con quen hai que estar, malia que apoialas, fomentar a súa farsa, leve a moitas mulleres que se atopan nunha situación de gran vulnerabilidade emocional a formarse conceptos, ideas, e mesmo a tomar decisións totalmente erradas, que tal vez impliquen consecuencias fatais para elas.
Publicamente, din, teñen que estar ao seu carón, apoialas, e facerlle ver ao mundo que elas son as de verdade, as auténticas, que son, en definitiva, referentes.
O peor é que moitas mulleres, tal vez no peor momento das súas vidas, cheguen a consideralas como tales, como eses referentes que necesitan atopar desesperadamente.
E eu pregaríalles, mirádeas detidamente, analizade, malia que só sexa por unha vez, o seu comportamento, as súas manifestacións, a súa ousadía.
Tentade pensalo obxectivamente. De verdade vos parecen referentes?.
Referentes de que...?
Asociación Si, hai saída