Marta Rodríguez Engroba
Portadas que "cosifican"... ou non. Unha vez máis, segundo a quen
Teño que confesar que, unha vez máis, esta semana cometín de novo ese pecado que tan mal visto está por algunhas mulleres e certos colectivos ( e que quede claro o de algunhas e certos) que se autodefinen como feministas, e que nos acusan a min, e, porén, a Si, hai saída, a asociación de axuda a vítimas de violencia de xénero da que formo parte, de non selo, dos que non vou repetir por enésima vez cal é a miña opinión, e merquei unha revista de moda.
Si, así, como soa!. Merqueina, porque, culpable!, gústanme as revistas de moda, e non fago uso desas desculpas que utilizan algunhas, non todas, por suposto, hai a quen, sinxelamente non lles gustan, de "so lles boto unha ollada cando vou a perruquería", outro pecado, por certo, no que caigo a miúdo, tamén vou a perruquería!, primeiro porque agora, por mor da pandemia, nas perruquerías non hai revistas, e, segundo, porque me gusta conservalas e ollalas de novo de cando en vez….Son o peor!.
Malia isto, a miña compra desta semana non forma parte das habituais, non porque teña nada en contra dela, se non porque xa teño unhos aniños e esa revista está dirixida a un público feminino dunha idade máis ben xuvenil, polo que obviamente, os modelos e artigos de moda que aparecen nela nada teñen que ver conmigo, máis despois de ver certas publicacións nas redes nas que se falaba da persoa que aparecía na portada, do seu posado e de ler algúns dos comentarios ao respecto que chamaron poderosamente a miña atención, non soamente polo seu contido, se non, principalmente, polos autores a autoras, quixen vela de preto, e ler a entrevista que se recollía no interior.
Estou a referirme a revista Cosmopolitan e a portada na que aparece a atleta plusmarquista e campiona de Europa en pista cuberta, a galega Ana Peleteiro, a que moitos e moitas xa converteron en referente feminista, mesmo desde o eido institucional.
Vaia por diante o meu respecto a Ana Peleteiro e que non teño absolutamente nada en contra do seu posado, so faltaría!.
É moi libre de facer o que lle pete, máxime tratándose do seu corpo, e se a natureza e probablemente o deporte contribuiron a que teña un físico espectacular, e ensinalo lle reporta beneficios económicos, pois moi ben, alá ela.
A reportaxe gráfica que acompaña a entrevista é, certamente, chamativo, pola beleza da atleta e polas poses e xestos suxestivos, dignos de toda unha modelo, pero, como xa dixen, esa non é a cuestión.
O que me rechiou foi ler, mesturados entre moitos dos comentarios e das mensaxes que lle dedicaban nas redes, ademais, de como é lóxico, moitos parabéns, algúns escritos por moitas desas persoas que se autodenominan feministas, que teñen, polo visto, atribucións para decidir quen o é e quen non, que habitualmente rexeitan e demonizan este tipo de publicacións, cualificándoas de frívolas, cando non de algo peor, e acusándoas, o mesmo que as modelos que posan nelas, de cousificar a muller, sobre todo se as imaxes amosan xenerosamente a súa anatomía, parabenizando a Ana Peleteiro, alabando a súa fermosura, a das fotos e manifestando a honra que é aparecer nunha publicación destas características.
Pois moi ben, xa temos presentes, unha vez máis, as diferentes variñas de medir empregadas por certo "feminismo", porque, a ver se me aclaro:
Se a que posa é outra actriz, ou modelo, ou calquera famosa das que adoitan facelo ou que mesmo se dedican a isto profesionalmente, está sendo cousificada, e degrada, como tantas e tantas veces lín e escoitei, as mulleres, especialmente se amosa xenerosamente os seus encantos, polo cal cobra, o colmo!, e a cabeza lle serve soamente para suxeitar as extensións que case seguro dirán que leva, independentemente de que sexa ou non así.
En canto a revista en cuestion hai, como mínimo, que queimala públicamente na praza do pobo ou da cidade e xa non digamos a quen as merca, que contribúen a esa cousificación, ademais de ter moi pouquiño cerebro por ler esas cousas tan pouco profundas, non sendo, por descontado, dignas xa non de pertencer, se non nin de achegarse a ese selecto grupo de "gurús do feminismo".
Agora ben, neste caso, tratándose de Ana Peleteiro, non hai cousificación ningunha, onde antes dixeron digo, agora din diego, e a publicación frívola e prohibida para toda aquela muller que quixera ser digna de acceder ao "Olimpo" do seu particular feminismo, pasa a ser pouco menos que de lectura obrigatoria.
Isto por non mencionar que a súa "doutrina" rexeita enérxicamente calquera clase de piropo, (non burradas, que é algo moi distinto que eu tampouco tolero) que aluda ao físico da muller, porque tamén nos cousifica, e as únicas alabanzas que debemos tolerar son as que teñen que ver co noso intelecto e as nosas capacidades, que non acabo eu tampouco de entender que unhas teñan que ir en detrimento das outras, que semella, según as súas teorías, que se unha muller destaca polo seu físico e se lle fai notar ten que andar escasa de neuronas, pero neste caso, isto tampouco ocorre.
Francamente, cada vez entendo menos, e menos ainda soporto tanta hipocresía e tantas variñas de medir, pero, se algo teño máis que claro, é que o que é unha auténtica ofensa é que lles chamen feminismo.
O auténtico feminismo, o de verdade, nada ten que ver con isto e non merece que se lle asocie con esta hipócrita dobre moral.
O auténtico feminismo é, entre outras cousas, sinónimo de respecto e de coherencia.
O auténtico feminismo non exclúe. É o movemento de todas e para todas.
Asociación Si, hai saída