Celso Xavier Milleiro Sánchez
Folga
O vindeiro 8 de marzo celebrarase o Día Internacional da Muller Traballadora. Nos últimos tempos imos sacando do esquecemento histórico, ao que se condenou unha parte do noso pasado local, a importante labor que as mulleres de Marín desempeñaron contra a inxustiza social e a prol das melloras dos dereitos colectivos.
Cando foi a primeira folga desenvolvida por mulleres? Se cadra se trata dunha resposta complexa. En 1885, as peixeiras de Marín tomaron o Campo de San Roque de Pontevedra en protesta contra a tarifa de consumos e acto seguido queimaron a praza que improvisaran. Dous anos despois, un grupo numeroso de mulleres amotináronse fronte a Casa do Concello de Marín pola suba do arrendo.
En 1896 iníciase o movemento obreiro organizado no termo municipal, dende o primeiro intre a participación delas nas asembleas de operarios foi importante, sobre todo das traballadoras ligadas ao sector conserveiro.
Existía unha concienciación da súa implicación nas sociedades de resistencia e sobre todo na creación dunha sociedade únicamente de mulleres nas fábricas de conservas e salgadura. En 1902 declarouse a primeira folga coñecida, contra Heraclio Méndez, na fábrica de Aguete ao non contratar mulleres asociadas. En 1903, 70 operarias das fábricas de Santos e Otero declararíanse en folga, polo que se mandou á Benemérita para manter a orde.