Tribuna Viva
Cerponzóns de novo invadida polos xabaríns
Ano tras ano a parroquia de Cerponzóns segue sendo un dos lugares por onde os xabarins fan un arraso naquelas leiras que teñen produtos recentemente plantados ou a piques de recoller a colleita, que con tanto traballo levan os veciños e veciñas dos lugares da parroquia, nestes últimos días recibimos queixas desde os lugares de Tilve, Meán, Leborei, Pidre...non se libra ningún dos lugares da parroquia.
Sabemos que os cazadores levan organizando desde fai un tempo varías batidas, pero é tal a cantidade de exemplares que hai, que non dan a basto.
A Asociación de Veciños O Chedeiro leva anos denunciando esta situación, fai tres anos que xa nos puxemos en contacto con responsables da Xunta de Galicia e cos servizos provinciales do departamento de Conservación de Natureza, non tivemos mellora ningunha, o contrario, cada vez hai máis xabarins.
Algúns dos veciños seguen organizándose, intentan evitar que arrasen as súas leiras e tratan de buscar por todos os medios algún medio para espantalos, os anos anteriores ata teñen estado polas noites en grupos para asustalos e que non chegasen ás leiras, hoxe en día polos motivos coñecidos por todos non poden facelo, véndose completamente indefensos, dormen intranquilos, pois saben que quizais á mañá seguinte venlle o mundo encima ao ver o arraso que os xabarins fixeron nas súas propiedades, tanto sacrificio para nada.
Directivos de O Chedeiro mantiveron un novo encontro con responsables da directiva da Sociedade de Caza Pontillón do Castro, a súa predisposición é total e seguirán colaborando e realizando batidas, dentro das súas posibilidades.
Pero a solución está nos nosos gobernantes, polo tanto desde a Asociación de Veciños alzamos a voz a través deste medio para que chegue aos responsables.
A cantidade de poboación de xabarins que hai actualmente é tal que podemos dicir que estamos ante unha nova praga, as estatísticas dino, o crecemento de xabarins na nosa Comunidade multiplicáronse de tal forma que son moi elevadas as perdas na agricultura. Ademais o aumento de accidentes de tráfico, en calquera camiño ou vial da nosa parroquia podemos atoparnos con eles, co consiguiente susto e perigo que conleva.
O noso temor, polo que se observa, é que si non se toman medidas, a este ritmo nuns poucos anos duplicaranse a cantidade de xabarins.
Creemos necesario que xa é hora de que este problema se xestione seriamente, actúese coordinadamente as partes implicadas, é dicir, as administracións,os cazadores e calquera outra entidade relacionada co mundo animal.
Si non se toman as medidas adecuadas mal imos, é dicir, intentar lograr que o seu crecemento non siga en aumento (para iso habería que chegar a cazar polo menos dous terzos da poboación de xabarins), cousa que está complicada xa que o número de cazadores diminuíu considerablemente, isto fai que haberá que buscar novas solucións que contribúan a diminuír as poboacións de xabarins.
Directiva da Asociación de veciños O Chedeiro de Cerponzóns