Marta Rodríguez Engroba
Os inxustificados e pouco feministas tópicos na violencia de xénero
Non deixa de sorprenderme, e moi desagradablemente ademais, que, a estas alturas, cando se nos repiten por activa e por pasiva os grandes avances que se acadaron na loita contra a violencia de xénero, ainda se continúen mantendo certos tópicos, se é que se lles pode denominar así, xa que, francamente, non podo evitar a sensación de que, en realidade, se trata de intentos, máis ou menos afortunados, de agochar que as cousas non se están a facer ben, ou, polo menos, non todo o ben que se debera.
Hai un que me rechía de xeito especial, principalmente porque me parece sumamente grave e moi significativo que se recurra a el cando se supón que estamos en plena era feminista, tentando erradicar certos estereotipos de marcada tintura sexista, e do que xa falei nalgunha ocasión.
Estou a referirme a esas "reivindicacións" que reclaman a presenza de máis mulleres policías nas unidades destinadas a atención as vítimas da violencia machista, alegando que, polo feito de ser mulleres, van empatizar máis coas vítimas, a sentirse máis identificadas con elas, ademais de ter unha maior sensibilidade, algo isto que é reclamado moi a míudo desde certos colectivos feministas, que sosteñen que, deste modo, as denuncias aumentarían, o cal o fai, no meu xuizo, ainda máis chamativo e a min, persoalmente, me resulta enormemente curioso e, por que non admitilo, francamente desalentador nestes tempos nos que, se supón, estamos loitando por acadar esa total igualdade entre homes e mulleres que non acaba de materializarse de todo por moito que nos vendan o contrario, porque, imos ver, eu pregunto:
Existe algunha base sólida, ou mesmo algunha desas estatísticas que tanto se manexan desde oganismos e institucións para dicirnos, principalmente, que todo vai ben, moi ben, que avalen tal hipótese?.
Está, acaso, científicamente demostrado que as mulleres, polo feito de selo, somos máis sensibles que os homes, e que esa sensibilidade a traemos xa "de serie ", que é algo específico do noso sexo, que nos ven de nacemento?.
Onde está escrito e demostrado, claro, que os homes non poidan ter idéntica sensibilidade, idéntica empatía que nos, ou mesmo, nalgúns casos, máis?.
Outra cousa é que, por unha trasnoitada cuestión cultural e educacional se nos inculcara tal idea que, polo que se ve, segue ainda moi ben asentada, por non mencionar que estou firmemente convencida de que en tal afirmación, coma en tantas outras, ten moito que ver o feito de que se fan baseándose exclusivamente na teoría, faltando, unha vez máis o traballo "de campo" coas vítimas, e disto, en Si, hai saída, despois de case sete anos mergullados na súa realidade, algo aprendimos.
E precisamente por isto, porque algo aprendimos, entre outras cousas porque temos as costas moitas horas vividas con elas na comisaría e no xulgado, podemos transmitir algúns dos seus sentimentos.
Cando unha muller chega a unha comisaría a denunciar ao seu maltratador emocionalmente destruída, as veces tamén físicamente, con medo, con moitas dúbidas, o que reclama, o que necesita, en primeiro lugar, é unha acollida cálida, que a traten con agarimo, que a escoiten, que non a cuestionen.
Necesita sentirse crida, comprendida, que non se minimice a súa dor, o seu medo, que non se lles reste importancia a eses episodios tal vez triviales para quen xa ten moitas horas de vo detrás desa mesa, pero desgarradores para ela, e, por riba de todo, que non a agobien, que non lle metan présa, que a deixen debullar o seu relato con toda a tranquilidade que a súa tremenda situación lle permita.
Fundamental, que lle formulen as preguntas e lle expliquen as súas opcións coa máxima claridade, que saiban co que contan....e co que non.
Que lle garantan protección, a ela e aos seus fillos nos casos nos que existen, pero a de verdade, coa que van contar realmente, e poder así decidir en consecuencia.
E desde Si, hai saída podemos asegurar que, se estas premisas se cumpren, agás en raras excepcións, o feito de ser atendida por un home ou por unha muller é para elas algo secundario.
Non imos negar que hai situacións, como pode ser describir unha agresión sexual, nas que tal vez se poida sentir un pouco menos violenta ante unha muller, pero, ainda así, isto vai depender fundamentalmente da actuación e da actitude que esta teña hacia ela.
máis dunha vez algunha vítima, inicialmente aliviada vendo que era unha muller quen a ía atender, a tomarlle declaración, nos confesaba a posteriori o incómoda que a fixera sentir, o brusco do seu ton, como algunha vez tamén nos vimos na necesidade de recordarlle a algunha muller policía que a que se sentaba ao outro lado da mesa era a vítima, non a delincuente.
Non sei se isto se debe a que tal vez sinta a necesidade de reafirmar deste xeito, cun ton que é calquera cousa menos amable, a súa autoridade, se a fai sentir máis "policía", pero o certo é que estas cousas pasan , facendo que a vítima se sinta ainda máis miserable do que o seu maltratador xa a fixo sentir.
Como tamén sucede que hai homes, policías, xuices.....que son quen de poñerse na pel desas mulleres que están rotas, que as comprenden, que as tranquilizan, que mesmo sufren por elas, e llo deixan ver, algo que elas valoran e que é unha pequena dose de bálsamo nesa ferida que tanto lles doe.
Reducir a sensibilidade, a capacidade de empatizar, a unha cuestión de xénero é, repito, descoñecer a realidade, porque non son, evidentemente, patrimonio de ningún dos dous.
Son patrimonio da persoa, do ser humano, así de sinxelo, e entendelo doutro xeito é, na miña opinión, un claro erro.
Teño que admitir que me resulta francamente decepcionante escoitar falar a todalas horas, desde certos eidos, de feminismo, de igualdade, e que, precisamente moitas das que o fan son as que sosteñen teorías como a que acabo de expoñer,e que teñen a mesma validez, por certo, que outra repetida ata a saciedade e deostada por elas, neste caso con razón, que nos atribúe a todalas mulleres ser posuidoras dun natural instinto maternal.
Exactamente a mesma.
Hai mulleres que non conciben as súas vidas sen ser nais e outras que, con so pensalo, se lles poñen os pelos de punta, o mesmo que hai homes que devecen por ser pais e outros que ante a mera mención do tema, sinten desexos irreprimibles de sair correndo.
Son istos, nin máis nin menos, estereotipos sexistas que, a estas alturas ainda recordan sospeitosamente a aqueles que din que as nenas queren ser princesas e os rapaces aguerridos guerreiros que as van protexer, salvar e mesmo manter.
Ser mulleres non nos fai mellores (tampouco peores, evidentemente), nin máis sensibles, e, de feito, algunhas integrantes de certos colectivos aos que antes aludín son un craro e triste exemplo disto, como tampouco nacer home implica un "plus" de rudeza , e isto se fai extensivo, por suposto, a policía.
Ao mellor deberían pararse a reflexionar por un momento se o que deberían reivindicar é que se seleccione, para ocuparse das vítimas de violencia de xénero a profesionais humanamente cualificados, porque para isto, por desgraza, non hai, que saibamos, nin concurso de méritos, nin baremos de valoración.
Os diplomas e os galóns non fan a ninguén mellor policía, nin tampouco o seu xénero.
A realidade é moito máis sinxela.
Hai persoas que son boas, e outras que non o son, homes e mulleres, tanto ten, como tamén existe un feminismo que é auténtico, e outro, como o que apoia este tipo de teorías, que é un simulacro, e mentras isto continúe sendo así, mentras istos tópicos sexistas continúen estando presentes, o único xeito no que camiñaremos para acadar a igualdade e para loitar contra a violencia de xénero, é cara atrás.
Asociacion Si, hai saída