Tribuna Viva
Malestar pola evolución das obras no local social entre a veciñanza dos Campos en Mourente
O 6 de Xuño do 2017 o Concelleiro Alberto Oubiña e o Arquitecto Mauro Lomba presentaron o proxecto das obras do local social dos Campos. Un encontro no que afirmaron que este proxecto era o froito das aportacións dos veciños, Un extremo que non se axusta a realidade
Precisamente é a desatención das suxestións dos residentes (que son os potenciais usuarios e os coñecedores das necesidades e demandas ) o que está a xerar un malestar crecente na comunidade.
Entre outras cousas estamos vendo moitos aspectos que non parecen ter sentido. Algúns exemplos son:
1- Os aseos que se fixeron non son só totalmente antiestéticos (un bloque de formigón demasiado armado e, segundo o que nos din, sen cuberta algunha que mais que un aseo parece un búnker), se non que ademais carecen de ventilación natural, funcionalidade que consideramos básica nas circunstancias actuais.
2- A localización do almacén é tal que tapona por completo a plataforma onde está previsto organizar as actividades ó aire libre. Poderíase situar noutros puntos do recinto. A noso entender, si ben e certo que a prioridade á hora de seleccionar a súa localización debe ser a funcionalidade e a operatividade, tamén debería de ter en conta a redución ó máximo posible do seu impacto visual.
3- Incidindo no punto anterior, salientar que se ben os soportais acristalados creemos van quedar moi bonitos, debido a localización escollida para o almacén, non van a poderse ver dende a rúa nin dende o parque porque quedan agochados.
4- En canto a entrada principal do local, isto para os veciños é xa unha auténtica aberración. Alí colocouse un petril que asombra por completo o acceso. Ademais non sería necesario se se houbese planificado unha entrada recta e chaira, facendo deste xeito totalmente accesible o paso das persoas con problemas de mobilidade, cun mellor, máis estético e funcional acceso ó local.
En definitiva, os veciños somos conscientes de que as persoas responsables deste deseño tan particular, unha vez rematada a obra, marcharán a outros cometidos e seremos nós os que teremos que convivir e soportar estas anomalías, que a noso entender son froito da sen razón e que poderían evitarse e/ou arranxarse se se atendesen as nosas propostas..
A Asociación de veciños O Carballo, dende o principio manifestamos o noso ofrecemento de axuda e colaboración. Por outra banda, nunca nos gustou a polémica pero chegados a este punto vémonos na obriga moral de facer pública esta situación porque do contrario seríamos cómplices deste despropósito.
Aínda se está a tempo de emendar algúns erros e reconducir a situación. Pero é necesario que os políticos e os técnicos municipais atendan as críticas construtivas e suxestións dos veciños, que serán os futuros usuarios de este local social, e lle dean solucións antes de que sexa tarde. Nos, como cidadáns responsables e implicados, seguiremos empregando os medios que están nas nosas mans para tratar de que así sexa.
Os Campos, Mourente. Asociación de veciños O Carballo