Antón Masa
Xa abonda
Os incidentes acontecidos ao longo desta pasada semana na fabrica de ENCE en Lourizán non fan máis que ratificar todas aquelas cousas que desde hai tempo sabemos en Pontevedra e que só algúns pretenden seguir negando.
Os escapes de SO2 do domingo día 11 e o incidente deste pasado sábado 17 (aínda sen aclarar en todo o seu alcance pero confirmado xa polas persoas afectadas) deixan ver con claridade a falta de seguridade no proceso fabril de ENCE, como deixan ver tamén os perigos aos que segue exposta a cidadanía na comarca; pero deixan patente, sobre todo, que o comportamento da empresa non ten mudado ao longo dos anos.
Os directivos de ENCE seguen baseando no silencio, na falta de transparencia e na absoluta falta de respecto a súa relación coa veciñanza; seguen a utilizar a mentira para xustificar o seu inexistente respecto polo medio ambiente e os recursos naturais, a terxiversación para tratar de desprestixiar a quen reclamamos a saída inmediata do complexo ENCE-ELNOSA da Ría, e a "pasta" (en forma de subvencións, bolsas de estudo, anuncios nos medios,) para mercar o silencio agradecido.
ENCE segue incumprindo boa parte da lexislación; segue a contaminar a Ría e a atmosfera; é responsábel de moita da contaminación bacteriolóxica existente na Ría; segue a provocar permanentemente nauseabundos cheiros na comarca; segue incidindo negativamente na calidade de vida e na saúde das persoas; segue a impedir a posta en valor dos nosos montes e segue sendo incompatíbel coa creación de postos de traballo de calidade, que só poderán vir da man da explotación racional dos nosos recursos. E non se pode tratar de reducir o problema de ENCE como pretenden os seus directivos- á existencia de fumes (por suposto inocuos!) e á incidencia visual na paisaxe. Por desgraza, ENCE é moito máis do que vemos!
Hoxe ENCE ten que saber que a compra de estómagos agradecidos serve de ben pouco fronte á realidade incontestábel dos seus escapes (moitas veces non percibidos pola poboación); ten que saber que xa ninguén cre nas súas campañas propagandísticas de eliminación de cheiros (lembran aquela do "9-2-92: NOS VAMOS A DAR DONDE MÁS NOS HUELE", que aseguraba que nesa data terían eliminado definitivamente os seus cheiros?) e que por máis cartos que dean seguirá existindo unha ampla maioría social que esixa a saída de ENCE e ELNOSA da Ría.
Hoxe, con seguridade, moitas daquelas persoas que deron apoio público á empresa naquela desafortunada campaña de "Si yo fuese ENCE diría" non terían aceptado as migallas que a empresa deu a cambio. Porque hoxe a realidade, teimosa coma sempre, fixo máis patente as súas mentiras e hoxe somos máis quen estamos fartos e fartas de aturar a súa noxenta presenza na nosa Ría e nas nosas vidas. Resulta moi gráfico neste sentido que un dos clubes patrocinados pola empresa pasteira, o Pontevedra C.F., teña colocado a propaganda de ENCE na parte traseira dos calzóns dos seus xogadores porque, hoxe máis que nunca, na comarca de Pontevedra estamos ata o cu de ENCE!.
20.08.2013
Asdo.: Antón Masa, presidente da APDR