Tribuna Viva
Estriceres solicita que se lle permita á veciñanza de Lourizán desprazarse a Cantodarea para a compra de produtos básicos
A Asociación Veciñal Estriceres solicita publicamente ao Concello de Pontevedra que lle pida á Xunta de Galicia que permita aos veciños de Lourizán os desprazamentos a Cantodarea para comprar suministros, como fan habitualmente, como causa xustificada.
Lamentan que o alcalde de Pontevedra non o fixera na reunión que tivo con Sanidade fai uns días, pois consideran que se deberían ter tido en conta as peculiaridades da parroquia.
A realidade socioeconómica de Lourizán é que se articula como unha parroquia máis de Marín, máis que de Pontevedra, especialmente nos casos de Estribela e Os Praceres, e nada disto se tivo en conta.
A lóxica indica que se lle debería permitir aos veciños da parroquia desprazarse para as compras básicas, sobre todo se pensando nas persoas maiores. E isto tamén é o máis recomendable desde o punto de vista sanitario.
Pensemos nunha persoa maior que non pode andar 50 mestros para ir ao supermercado e que se obriga a coller un bus para is a outro supermercado de Pontevedra a 7 km.
Con respecto ás declaracións de María Ramallo acerca de que os veciños de Estribela deben respectar a fronteira administrativa e non deben pasar a Cantodarea, hai que recordarlle que estamos a falar de dous núcleos de poboación que histórica, social e economicamente están unidos e funcionan como un só.
Ramallo que nos acordemos daquel alcalde que a precedeu que, brocha en man, púxose a pintar a liña divisoria, nun exemplo lamentable de promover a dividisión en lugar de traballar por unir e crear pontes entre as persoas.
Non imos facer referencia ás festas de San Xosé de Cantodarea e das de San Xoán que se celebran en parte en terreos de Estribela. Pero si que queremos recordarlle á María Ramallo que o ano pasado, cando mandou aos feirantes das festas do Carme que viñeran a instalarse coas súas caravanas aos Praceres, parece que non lle importaba moito saltarse as fronteiras administrativas.
E non digamos no caso do saneamento de Marín, no que está encantada de poder mandar todas as augas residuais do seu concello a Lourizán, porque, según afirma, a EDAR dos Praceres é a depuradora de Marín, que ten a sorte de que outros concellos veciños se encarguen de depurar as súas augas.
O importante neste caso, é que non ten sentido que a veciñanza de Estribela e Os Praceres, que acostuma a facer a compra en Cantodarea, teña que ir a Pontevedra cidade, especialmente a xente maior. Tampouco desde o punto de vista sanitario, e aquí está o quid da cuestión. Isto calquera persoa o comprende. Pero parece que para Ramallo os veciños de Lourizán non somos os seus veciños.
Parece que para a alcaldesa que ao non votar os veciños de Lourizán en Marín xa non merecemos ningún tipo de consideración e que pasamos a ser unha especie de cidadáns de segunda. Pode que sexa por defender a política da Xunta de Galicia, cos ollos pechados aínda que non teña lóxica, como neste caso.
O único certo, desde o noso punto de vista, é que os concellos de Pontevedra e de Marín deberían estar a traballar conxuntamente para solicitarlle á Xunta que os veciños de Lourizán poidan ir a comprar os produtos básicos a Marín como causa xustificada. En lugar diso, Ramallo está a dicir que as fronteiras administrativas entre Estribela e Cantodarea están para respectalas. E o Concello de Pontevedra non di nada.
Asociacion Estriceres