Marta Rodríguez Engroba
Violencia de xénero e orde de afastamento cando a vítima é a que quebranta
Non é esta unha situación inusual.
Unha muller vítima de violencia de xénero, despois de soportar un longo calvario de insultos, vexacións e agresións, case sempre tras unha ainda máis violenta que as anteriores, chega ao límite e decide que xa non pode máis, que o seu inferno ten que rematar.
Acude a denunciar ao seu agresor, nerviosa, confundida e, por riba de todo, aterrorizada, porque sabe do que él é capaz, e máis despois de saberse denunciado, polo que solicita, ou máis ben prega, unha orde de afastamento, que lle é concedida, co cal pode respirar un pouco máis tranquila mentras tenta reanudar unha vida normal, sen medo, malia que o temor a que él a quebrante sempre a sobrevoa.
Un bo día pode suceder que non colla o teléfono cando a chama alguén dos que teñen a obriga de facerlle un seguimento e protexela, ou dos que están a axudala, ou tal vez acuda de novo a comisaría porque él a agrediu unha vez máis, malia existir esa orde de afastamento, e acaba por descubrirse que foi ela, a propia vítima, a que a quebrantou, propiciando o encontro co seu maltratador.
Nese mesmo momento, unha nova pedra, tal vez a máis pesada de todas, vai rebordar a súa xa sobrecargada mochila de culpas, cuestionamentos, e credibilidade en entredito, e vai ser xulgada e sentenciada sen piedade, e non soamente pola súa contorna, que con toda seguridade llo recriminará e lle retirará o seu apoio, se é que algunha vez o tuvo, se non tamén nos eidos institucionais, policial, xudicial….. que a culparán por ese quebrantamento, e, por suposto, escoitarase aquelo de: "Algunhas teñen o que merecen, porque non se deixan axudar. Semella que nos están a tomar o pelo".
Isto chega a facerse especialmente evidente cando o quebrantamento ten como resultado o asasinato da muller tras achegarse de novo ao seu verdugo, malia existir esa orde, sendo habitual escoitar dicir polo baixini a máis dun e dunha!, mesmo daqueles que están a encabezar as manifestacións de condolencia ou os minutos de silencio, "Pobre, pero a verdade é que o buscou….!", algo aos que non son alleos algún dos que traballan con estas mulleres, teóricamente para axudalas e protexelas, física e psicolóxicamente e que xustifican, deste xeito, un asasinato e, en máis ocasións das que sería de desexar, distraen a atención de algo que lles sinala directamente: que a muller non estaba a ser adecuadamente protexida.
Este tipo de situacións son as que nos provocan en Si, hai saída unha enorme indignación, xa que, cando evidenciamos algunha eiva na protección as vítimas da violencia machista, e non son poucas, lamentablemente, sempre se nos tenta rebater co mesmo argumento: A esmerada formación e amplos coñecementos na materia do persoal que as protexe e asiste, algo que, e que nos perdoen, se da de bruzos con esa actitude crítica e culpabilizadora.
Como é que profesionais tan expertos e tan presuntamente empáticos non son quen de entender razóns como a dependencia emocional do seu agresor que a maioría das mulleres maltratadas chegan a desarrollar?. Non se decatan de que o seu é, por dicilo dalgún xeito, unha adicción, alimentada, ademais, polas falsas promesas deles de que todo vai cambiar, que nunca máis as van maltratar, e que precisan, porén, ser axudadas a "desengancharse", algo que, desde logo, non se vai conseguir nunca rexeitándoas, facéndolles recriminacións, ou dándelles as costas?.
Toda adicción precisa un tratamento, unha terapia, e unhas pautas, nas que,por suposto, o rexeitamento non ten cabida, malia que case, nestes casos, se faga uso del.
O que precisan é chegar a entender que, nin o que é eles lles ofrecen é amor, nin tampouco o que elas sinten, porque o verdadeiro amor, nin doe, nin dana, nin se lle teme.
Tampouco se lles pasa pola cabeza que tal vez a causa de que se acheguen novamente a quen lles fixo tanto dano ou mesmo lles destrozou a vida é que ninguén as apoia, que se atopan totalmente soas, e que esa soedade as chega a abrumar, a pesarlles de tal xeito, que, non sabendo como xestionala, porque ninguén se molesta en tentar axudarlles a aprender a facelo, optan pola única alternativa que cren ter, regresar con quen as quebra en todos os sentidos?.
Non se lles ocorre que a algunhas, vendo pasar o tempo sen conseguir ningunha axuda das prometidas, sen recursos para sobrevivir, sen traballo, e, en moitos casos con fillos ao seu cargo, non lles queda máis opción que volver ao inferno?.
Ou que precisamente por eles, polos fillos, deciden volver?.
A razón?. Moi sinxela: Para protexelos.
Como nais que son, moitas delas, cando a xustiza lles otorga o que semella ser un dereito incuestionable dos proxenitores maltratadores, un rexime de visitas, prefiren ficar con eles para non perder aos nenos de vista, para protexelos do que poida suceder, a deixalos machar con él temendo o que lles agarda, pero semella que moitos expertos tamén ignoran isto.
É non terá a falta de protección que moitas sufren, malia ter dereito a ela, algo que ver?.
A súa denuncia está moitas veces, de feito case sempre, condicionada por esa protección que se lles ofrece, e cando se atopan soas, indefensas, co agresor acosándoas, o propio pánico lles fai tomar a peor das decisións, sen dúbida, pero a única que lles permite telo localizado e saber, polo menos, cando un novo golpe, unha nova agresión, lles vai caer enriba con toda a crueldade, ou, quen sabe, tal vez cun pouco de sorte, esquivala?.
Evidentemente, non se lles pode dar por ben feito quebrantar unha orde de afastamento, pero castigalas con recriminacións, con rexeitamento, ou do xeito que sexa, non é a solución.
A primeira e urxente prioridade e facerlles o seguimento oportuno e con toda rigorosidade, sexa o día que sexa, festivo ou non, verán ou inverno, para evitar eses achegamentos, e, quen sabe, tal vez tentar que entendan que a súa falta pode chegar a ter consecuencias, pero non como castigo, se non precisamente precisamente para protexelas.
Como?. Traballando con elas, ensinándolles a xestionar a súa dependencia, os seus sentimentos, os seus medos, pero de verdade, non coma un trámite máis, e por persoas que de verdade as entendan, non por quen ao mellor ten máis títulos pero cero empatía ou por quen é totalmente alleo a esta problemática, pero afín ao partido que goberna, ou ten máis galóns.
Comprendelas, chorar con elas se é preciso, escoitalas, acompañalas, tentar poñerse na súa pel e entender que non quebrantan por capricho, nin por amolar.
Quebrantan porque están destrozadas emocionalmente.
E, por riba de todo, o máis primordial: NON ESQUECER QUE ELAS SON AS VÍTIMAS.
Asociación Si, hai saída