Manuel Pérez Lourido
No comezo deste ano
Estamos no comezo do ano. Unha praia de area nova, a invitación a chantar unha bandeira, ou un feixe de bandeiras. A estratexia da esperanza, a promesa da reviravolta, a fundación dun novo instante no ar: pensar que podermos elixir os paxaros que cruzarán o ceo.
Os meniños na cidade dos meniños rebulían co seu escaso e mesto vocabulario, achegando pontes que é o oficio dos cativos: achegar pontes entre os seus e a existencia. Fornecer as horas, os días, as semanas, os meses e os anos da súa ilusión e da súa inocencia, facendo lembrar o que todos tivemos. Os meniños da cidade dos meniños posuían as rúas e falaban o seu idioma de momentos moi pequenos e desa aproximación á gloria que é a pureza de corazón.
No ano do demo, os cativos viaxaron apreixados polo medo dos adultos, pasaxeiros tamén do tren do medo e da incerteza. Os seus ollos obedientes zumegaban sorpresa por riba das máscaras. As súas noites, porén, eran máis lixeiras cas noites dos maiores: o territorio se cadra máis infestado porque o medo callaba aí moito máis eficazmente. Os pesadelos e as cantigas que se escoitaban de día proían polas noites, cando a xente axexaba polas xanelas dos soños para fuxir ata o día seguinte pero tiña un retrouso de mentiras nas orellas. As mentiras que se compraban e vendían a todas horas no mercado da economía e a política (a mesma cousa é) e pixelaban a realidade de modo que a vida semellaba feita de material de refugallo.
Unha choiva moi vella e un frío que ulía a nordés son os mecanismos do inverno para nos encoller os desexos, para nos espelir no baile das estacións. Frío que se pode soportar co alento dos dragóns que viven diso, de evitar que morramos de frío aínda que teñamos que alimentalos co sangue que nos chuchan. Un frío que mete medo, aínda que en verdade non mete tanto medo como se che da positivo unha PCR da covid ou se a túa empresa se mete nun ERE. As siglas sempre meteron moito medo, sempre agochan algo. Mentres, o inverno mastiga o seu retrouso de incomodidades e dores e nolas cuspe diante dos pes. Un territorio onde manda o desacougo, ese que lle fixo exclamar a Pimentel “estamos rodeados / dunha natureza miserenta”. A respectable teima de poñerlle nomes ás cousas.
Estamos no comezo do ano, vistamos polos pes, collamos alento, hai outra vida máis adiante.