Calros Solla
A 'fascinatio' de Portalén (e II)
Cómprelles advertir aos que din ter descuberto a pólvora que "Porta do Alén" ou a súa versión contraída "Portalén" son as denominacións literarias que enxeñei para nomear o que os meus informantes coñecían por "porta do Outro Mundo", "A Porteliña", "Coto dos Chirimelos" ou "Marco da Ventana". Tal denominación "Portalén" apareceu impresa por vez primeira na primeira edición do libro Almanaque de encantos. Mitoloxía da Terra de Cerdedo (2005). Ás veces, unha simple cita aforra moitas vergoñas, mais, neste mundo do "todo vale", o egocentrismo dos cara lavadas ten patente de corso. Diante de tamaño desaforo, o xornalista e escritor Manuel Gago (en mensaxe privada que cometo a ousadía de reproducir) facía fincapé "no desprezo enorme polo traballo dos demais" e "a nula importancia que lles merece a algúns o medio ou o contexto da galeguidade". Pola súa banda, o arqueólogo e historiador André Pena Granha engadía con retranca que o apropiamento indebido responde ao degoxo de notoriedade e/ou monetización dalgúns aproveitados, que branden a impostura do "Quita ti que me poño eu" ou "Xa que o sabes, voucho dicir". Neste senso, os membros do colectivo Capitán Gosende temos a honra de afirmar que nós non vivimos disto senón para isto.
Ao longo de dezaoito anos, este exercicio de creación e recreación da mitoloxía popular deveu en arañeira encantada, unha rede que se foi tecendo a por de enfiar nas almas cativadas polo relato mítico do monte do Seixo e, asemade, nunha trampa literaria na que foron caendo sabidos e interesados interpretadores.
A maiores, no pasar dos anos, o exercicio interactivo das visitas guiadas propiciou que moitos dos amigábeis participantes me fixesen destinatario doutro monte de relatos e experiencias persoais que, con Portalén como fío condutor, fun entesourando por se, nalgún momento e coa debida discreción, pagaba a pena escolmar e dar ao prelo. Ao longo destas dúas décadas, o Roteiro da Montaña Máxica foi ditando pequenas historias persoais, fornecendo un sublime anecdotario intrahistórico. Engado algúns breves exemplos:
Segundo as miñas anotacións, alá polo ano 2004, un home que participara nalgún dos roteiros organizados o ano anterior, envioume, agradecido, un afectuoso correo no que me comunicaba que, grazas a Portalén, lograra comunicarse coa súa muller, finada había case unha década. Ao parecer, o remitente pousara, en ofrenda, nalgunha das regañas da peneda, o seu anel de compromiso, e a defunta, valéndose do vento rumoroso, leu a inscrición que o viúvo gravara na alfaia tras o falecemento da súa consorte: "..., espérame al otro lado de la puerta".
En 2007, unha muller que tamén tomara parte nalgún dos roteiros, informoume a través do correo que, tras atravesar Portalén e permanecer "naquela dimensión" uns minutos que se lle fixeron horas, ficou preñada do seu compañeiro falecido en alta mar. Nove meses despois, pola mesma canle, fíxome saber que dera a luz unha nena e que, por nome, lle ía pór Mariña (como a santa do Seixo).
Ao longo de 2009, recibín, cun intervalo de semanas, tres correos do mesmo remitente anónimo. A persoa, coido que unha muller, falaba en nome do matrimonio. Querían pór no meu coñecemento que, tras aconsellarse cos seus devanceiros en Portalén, decidiran vender as súas propiedades en Vigo e instalarse nunha aldea da comarca de Montes (non vou dicir cal).
Ao ano seguinte, un deses sabidos interpretadores, que subira catro veces ao monte, publicou un libro cuxo contido viña corroborar que Portalén vén sendo un atallo dimensional, pois o buraco de verme (que tamén confundira a santo Ero) fíxolle crer que o seu labor de investigación lle levara catro anos.
En 2011, recibín o correo dunha persoa que, erguéndose voceira dun grupo de excursionistas, aseguroume que, unha tarde de verán, mentres se fotografaban en Portalén, presenciaran como unha meniña, allea ao grupo, os saudaba antes de atravesar cantareira a lumieira da porta. Ao parecer, a nena (duns seis anos de idade) deixou atrás a súa moneca. Aseguroume o remitente que seguiran a rapaza, que a buscaran, que chamaran por ela; mais xamais nunca a volveron ver. Descoñezo se algún dos excursionistas conserva aínda a moneca, á que, por certo, lle faltaba un ollo.
Tamén en 2014, guiando un dos roteiros daquel ano, unha parella de participantes, aproveitando un relanzo, achegouse a min para dicirme que o verán anterior, mentres merendaban nas inmediacións de Portalén, viran saír pola porta un can –un can de palleiro–. O animal achegóuselles alasado e pingando, coma se estivese correndo toda unha eternidade baixo a chuvia (había semanas que non chovía). O cadelo levaba un colar de coiro ao pescozo e, no colar, unha plaquiña datada en 1952 coa se certificaba a súa vacinación antirrábica. Escuso dicir que a parella adoptou o can e que decidiran apuntarse ao roteiro co adaxo de mostrarmo.
En 2016, co gallo da XXXIX Romaxe de Irimia, unhas 2.000 persoas déronse cita no monte do Seixo. A organización do evento recaeu sobre os colectivos Capitán Gosende e Canón de Pau. Baixo o lema "Romeiros do Alén", os algarismos daquela reunión de bos e xenerosos, sen precedentes coñecidos na zona, van sen difíciles de igualar. Aínda así, boa parte da paisanaxe local aleccionada e/ou amedrentada pola cacicaxe seguía repetindo como mantra "Esas pedras non existen". Abonda un dato: de entre as máis de cinco mil persoas guiadas até o de agora polo Roteiro da Montaña Máxica, cóntanse cos dedos dunha man os veciños de Cerdedo (agás os irredutíbeis membros do Capitán Gosende).
En 2017, un gandeiro da zona avisoume de que ía trancar o van de Portalén cuns cachotes, porque notara no seu rabaño montés a falta de dúas vacas. O gandeiro sospeitaba que as reses cruzaran Portalén, porque nas inmediacións seguía tinguileando unha choca, pero as vacas non daban atopado o camiño de volta.
En 2020 lin na prensa que un veciño de Cotobade, que pilotaba un quad polo monte, se extraviara entre a néboa (os vellos xa avisaran que a néboa do Seixo ten habelencia). Aturdido e desorientado, o paisano bateu con Portalén e, coma Moisés, creu ter descuberto a terra prometida. Tomando o Sinaí polo Seixo, a peneda seica se dirixiu a el en perfecto castellano, inspirándolle unha novela.
Etc., etc.
Como se comproba unha e mil veces, a realidade sempre supera a ficción. Xustificando o meu desafogo, parapétome en Bertolt Brecht para salientar que "cando a verdade sexa demasiado débil para defenderse, terá que pasar ao ataque".
Portalén no solsticio de inverno
Roteiros guiados
Unhas dúas mil persoas se deron cita no monte do Seixo co gallo da XXXIX Romaxe de Irimia, ano 2016