Calros Solla
Evasión e captura do bandido Farruquena (e II)
Dedicado á asociación Vaipolorío.
Calros Solla
El Diario de Pontevedra do mércores 29 de marzo, en portada e baixo o titular "Los fugados de la cárcel", ofreceulles aos seus lectores unha ampla reportaxe sobre as peripecias do Farruquena et álii. Os cinco fuxitivos deran chegado a Sacos o domingo ás catro e media da tarde, xa achancando polo monte xa pola estrada de Ourense. Nesta localidade preguntáronlles a dúas mulleres: "¿Está muy lejos Cerdedo? ¿Se ve desde la carretera?". Posto que aínda lles quedaba un bo treito para atinxiren o seu ansiado destino, decidiron pasar a noite en Sacos e repor forzas na taberna de Xosé Bruno. "Tráiganos pan, queso y vino", pediron esfameados e case sen folgos. Todos cinco devoraron aquela merenda nun amén. Saciada a fame e a sede, erguéronse da mesa manifestando que as consumicións serían aboadas ao día seguinte. Neste punto, reproducimos o diálogo mantido co taberneiro:
−¡Iso no pode ser. Déixense de bromas e paghen aghora mesmo o ghasto! –dixo o taberneiro.
−Non temos cartos. Rexístrenos vostede e xa verá como non hai nin unha perra chica –responderon os facinorosos.
−¡Se vostedes no paghan, non saen de aquí! –retrucou o taberneiro.
Quixeron os fuxitivos chegar a un acordo, deixando as súas chaquetas en peñor, e mesmo un deles tirou do peto dúas ou tres medallas, recordo de familia, para sufragar a débeda (once reais), mais, nin o taberneiro nin a súa muller se aviñeron. A clientela facía forza en favor do taberneiro, polo que Enrique de Francisco, facultativo da fábrica de electricidade de Dorna alí presente, vendo que o asunto "iba tomando muy mal aspecto", ofreceuse a custear o consumido polos forasteiros. Os cinco agradeceron o xesto, abandonaron o local e reemprenderon a marcha.
Perto de Dorna, o quinteto dexergou os "charolados tricornios de una pareja de la Guardia Civil", polo que, atravesando o leirado, internáronse no monte. A parella da Benemérita tamén se decatou da manobra. Os gardas esperaron o paso da carruaxe Pontevedra-Cerdedo, cargaron os seus fusís e sentaron no cupé, a carón do maioral. Apeáronse en Pedre, na revolta da Ponte do Barco, na mesma ponte, "sitio muy estratégico para sorprender a los desconocidos", onde lles fixeron a espera. A unha carreiriña de can, nos pardiñeiros das Cortellas de Pedre, unhas décadas antes a gavela de Pepaloba e Xan Quinto, o seu fidel lugartenente, acubilláranse e maquinaran astucias.
Deron as oito. Na escuridade, un ruído de pasos amortecidos puxo en alerta os axentes, apostados tras unhas matogueiras. O cabo tocou o chifre e berrou: "¡Alto a la Guardia Civil!". Sorprendidos, Farruquena e os dous cabos de vara Rouco e Mosquera fixeron por escapulirse. Os gardas civís abriron fogo, ferindo a Mosquera no lomedro esquerdo. Rouco e Mosquera rendéronse inmediatamente, tirándose ao chan no medio da ponte: "¡Entregámonos, entregámonos!". O habelencioso Farruquena, esquivando as balas, guindouse da ponte abaixo, dende unha altura duns cinco metros: "Cayó de rodillas, incorporose rápidamente y desapareció en el acto, como si la noche le hubiera tragado entre sus sombras". Carlos Cardona e Atilano Expósito xa denantes escolleran outra ruta de escape.
Os gardas civís cachearon os detidos. O Rouco portaba na man un fardel co que envolvía dous magníficos polos, subtraídos nalgún curral. O xornalista precisou: "Los guardias se hicieron cargo de los pollos que, por cierto, estaban ya desplumados cuidadosamente y en disposición de ser pasados por el fuego".
Rouco e Mosquera, atados cóbado con cóbado, foron trasladados ao cuartel de San Xurxo de Sacos. Nada se soubo dos outros tres fuxidos. Correu o rumor que Cardona e Expósito pasaran a noite na casa dun tal Herdeiro, na aldea do Cádavo (parroquia de Santa María de Sacos).
O mércores 29 de marzo, ás nove da mañá, Rouco e Mosquera ingresaron de novo na prisión de Pontevedra. Sometidos a interrogatorio, ambos os dous botáronlle a culpa da fuga ao persuasivo e animoso Farruquena. Durante as xornadas de fuxida e persecución só enviaran un anaco de boroa ao bandullo. Acusaron a Cardona de roubar, matar e desplumar os dous polos. Dende o domingo non pegaran ollo: "Pasamos la noche y el día andando siempre por los montes con el afán de llegar a Cerdedo, luego a Carballiño y después a donde Dios quisiera". Respecto ao Farruquena, os detidos engadiron: "Al Ruquena no lo cogen Vds. más que muerto, porque corre como una liebre. Salta por encima de todo lo que encuentra a su paso y ya dice él que sólo estando sin vida podrán poner las manos en su cuerpo".
O xornalista tivo oportunidade de entrevistar o garda civil Xesús Maceiras, un dos artífices da detención dos evadidos, quen gabou a axilidade e a determinación do Farruquena. Tamén Enrique de Francisco respondeu as preguntas da prensa. O técnico da fábrica de Dorna precisou que foi Cardona quen quixo satisfacer as consumicións na taberna de Xosé Bruno, ofrecendo en troco os xemelgos da súa camisa. De Francisco sinalou que os fuxidos non levaban arma branca ningunha, pois, para tallar o queixo, pediran emprestada unha navalla na taberna; pero si se axudaban duns bos paus.
Á última hora do martes 28, os telégrafos difundiron por Pontevedra o rumor da captura do fuxitivo Xosé Benito Posse Seara, alias Farruquena. Ao parecer, coa intención de pasar a Portugal, o bandido fora detectado pola Garda Civil de Arbo mentres xantaba nunha taberna da localidade. Farruquena ventou os de verde e abandonou o establemento por unha das fiestras, dirixíndose lixeiro até a beira do Miño. Unha vez alí, acosado pola Benemérita, chimpouse á auga. Zafouse Farruquena das balas da Garda Civil que asubiaban por riba da súa cabeza e venceu, así mesmo, a forte corrente do río, mais na outra ourela agardábano expectantes os gardas portugueses.
Concluía o xornal que, probabelmente, nos vindeiros días o bandido Farruquena sería devolto ao cárcere de Pontevedra. Disque, mais coñecendo o personaxe, subido á peaña do mito co patrocinio de Vaipolorío, ben seguro, en comisarías e cuarteis, segue a figurar nas listaxes dos prófugos máis buscados.
Na revolta da Ponte do Barco (Cerdedo), ás portas da aldea de Pedre, a Garda Civil detivo os fuxitivos