Alberto Oubiña
Pontevedra está de parabéns no Día Internacional dos Montes
Neste 11 de decembro celebramos o Día Internacional dos Montes e desde o Concello de Pontevedra non podiamos estar máis de parabéns! Queremos poñer en valor o noso monte, dignificalo e amosalo ao mundo; contribuír co Efecto PO2.
Queremos mostrar que nas nosas terras temos unhas potencialidades únicas que achegan un gran valor engadido se as tratamos como merecen: con plantacións autóctonas (carballos, castiñeiros, ameneiros, freixos, nogueiras... e tamén coas oliveiras que poboaban o país ata que os Reis Católicos as mandaron cortar), traballando manualmente e sen químicos contaminantes, coidando a nosa terra e os mananciais e, sobre todo, colaborando coas comunidades de montes que son quen mellor coñece o territorio e quen leva anos loitando por defendelo.
Seguindo ese propósito, estamos realizando dous novos parques forestais. Por unha banda, o parque forestal da Tomba, na parroquia de Campañó, está a transformar a ladeira da parcela de Montecelo nun espazo recreativo e produtivo a escasos 2 quilómetros da cidade. Por outra, as parroquias da Canicouva, Tomeza e Marcón disporán nuns meses do parque forestal da Fracha, o máis grande dos tres dos que dispón o Concello, conxuntamente co xa rematado parque forestal do Pontillón, en Verducido.
Novos espazos con usos diversificados, abertos a toda a veciñanza e tendo en mente os obxectivos marcados.
Dicía ao comezo desta carta que en Pontevedra estamos de parabéns. Cremos nas potencialidades dos nosos espazos naturais. Seguiremos a traballar por un monte sustentábel e produtivo, por unhas rías saneadas, pola compostaxe como método adecuado para o tratamento dos biorresiduos, por dotar as parroquias da maior rede de abastecemento de toda Galiza, por eliminar tráficos innecesarios, pola seguranza viaria... en resumo, por seguir a aplicar o que xa se coñece no mundo como o Efecto PO2: Pontevedra polo futuro do planeta.