Tribuna Viva
'Canas e barro' do Presidente da Federación Galega de Pesca e Casting
Aceptar a diferencia coma unha cousa normal, entender que somos diferentes, relacionarse cos demais con respecto e empatía, significa ser tolerantes. Cando dende a Federación Galega de Pesca e Casting se fan propostas para a xestión da pesca fluvial en Galicia, non se fan contra ninguén, fanse a prol da pesca. Esas propostas poden gustar ou non, poden ser compartidas ou non, poden ser aplaudidas ou mesmo criticadas, pero debería ser sempre dende o respecto. Unha proposta é en certo modo darlle forma a unha opinión ou posición fronte a unha situación concreta. Por sorte vivimos nunha sociedade democrática e todos temos dereito a expresar e difundir libremente as nosas opinións, iso si, sempre dentro duns lindes, entre eles os da propia imaxe. Por tanto non todo vale. Debemos ter sempre presente que os nosos dereitos rematan alí onde empezan os alleos, e viceversa.
Cando optas por calar perante a crítica faltona, ou mesmo a provocación, non o fas por falta de argumentos ou valentía, non. O que acontece é que diante de conductas pouco ou nada elegantes, quen garda a dignidade necesaria para que a súa conciencia estea tranquila, esa conciencia que o leva a calar, a sorrir con indiferencia e a poñer por un tempo distancia, (sobre todo cando a pluma da ignorancia cruza a fronteira do respecto e mesmo fai uso do menosprezo), actúa coa prudencia suficiente para chegar a entender que as mentes ancoradas no pasado son incapaces de asimilar proxectos de futuro. Que canto máis fortes son as palabras que usan no seu relato máis febles son os seus argumentos. Máis aínda cando esas críticas ou esas provocacións teñen como alicerce principal a máis profunda das ignorancias. Se digo ignorancia non é que me refira á falta de cultura ou coñecementos. falo de aqueles que carecen de tolerancia, de empatía e sensibilidade para tentar entender posturas alleas, deses que están continuamente espallando xuízos de valor preñados de desprezo. A esa clase de ignorancia me refiro.
A ningún de nós se nos escapa que o noso medio natural está sendo cada vez máis agredido, nin que ningún dos nosos ríos quedou fóra desa agresión, todo o contrario, pola sinxela razón de que todo acaba no río, mesmo unha parte da medicación que cadaún de nós nos tomamos. Nestes intres un grupo de pescadores, que non imos cuantificar en se son máis ca ou menos que, se son mellores ou peores ca outros, tentan ser parte da solución. Centran os seus esforzos na procura dunhas poboacións ictícolas máis numerosas e estables, sen pretensión algunha de impedirlle o exercicio da pesca a ningún afeccionado, ao revés, se as poboacións son máis numerosas e estables redundará en beneficio de todos. Limitar o número de días nos que se poidan sacrificar as capturas, ver que o cambio social se traduce nunha concepción diferente da pesca á de fai unhas décadas, non é para nada botar aos pescadores do río. Vivimos ademais na sociedade da abundancia, os pescadores con cana non dependemos, por sorte, das troitas que pillemos para poder alimentarnos. Pero a nosa actividade si depende de que nos nosos ríos teñamos troitas.
Na actual administración autonómica as persoas con competencias na xestión da pesca fluvial son abertas e dialogantes. Escoitan, valoran e toman decisións. Que esas decisións vaian en contra dos nosos argumentos non as convirte en inimigas, como tampouco en aliadas cando as nosas posturas son admitidas. Aquí cadaquén tenta asumir e xestionar as súas responsabilidades da mellor maneira posible. Deberiamos aproveitar esta situación para avanzar en lugar de declarar guerras innecesarias, a non ser que, coma os fabricantes de armas, vivamos da guerra. Inda así, fronte a estes grupos belicosos, non convén dar a batalla perdida por adiantado deixando andar, calando, permitíndolles que sen ningunha oposición aireen reiteradamente os seus ataques.
A Lei do patrimonio natural e da biodiversidade de Galicia, no seu artigo 5.- Deberes de conservación. 2. A administración autonómica e as administracións locais galegas teñen os seguintes deberes: c) colaborar e cooperar entre si e coas entidades de dereito privado, nos termos establecidos nesta lei, para garantir un uso sustentable do patrimonio natural e da biodiversidade. Por tanto os nosos ríos e as especies que neles habitan non son propiedade exclusiva duns señores en posesión dunha licenza de pesca. Os nosos ríos, as nosas troitas, os nosos reos e salmóns forman parte do patrimonio natural e da biodiversidade de Galicia, é dicir son de tódolos galegos e galegas, con licenza de pesca ou sen ela. Deberiamos concienciarnos todos na necesidade de defender o noso, non permitir que uns determinados señores o reivindiquen coma patrimonio propio. Hai momentos nos que calar, quedar á marxe, non cabe.
Manolo Mouzo
Presidente da Federación Galega de Pesca e Casting