Celso Xavier Milleiro Sánchez
Maradona
O pasado 25 de novembro falecía Maradona, se cadra o mellor xogador da historia do fútbol, co permiso de "Pelé".
Días despois a xogadora pontevedresa Paula Dapena negábase a gardar un minuto de silencio na súa honra.
Paula é neta do famoso xogador de fútbol do Pontevedra "Cholo" Dapena e polo tanto vencellada a Marín polo seu bisavó Sebastián Dapena, veciño de Lourizán e Inspector do Tranvía e máis tarde do trole Marín-Pontevedra, cando menos, entre os anos 20 e 30 do século pasado.
Indo ao caso, Paula exerceu un dereito fundamental que é o de protesta á figura dunha persoa que tivo unha vida persoal infausta, desde drogas até maltrato de xénero.
Paula rexeitou que se gardara un minuto de silencio por Diego Armando e non polas vítimas da violencia machista.
Haberá quen non concorde coa súa postura, mais eu estou con Paula.
O seu xesto dignifícaa como muller e sobre todo como persoa, mais tamén ennobrece ao fútbol.
O que debe ser e non este deporte e quen debe ser exemplo para os/as nosos/as cativos/as, as persoas do futuro.
O seu aceno foi un máis, que nos fai forzar aos homes na modificación das nosas condutas machistas e educándonos na conformación dunha sociedade igualitaria e máis xusta, obxectivo final da humanidade.