Calros Solla
Os sucesos de Nueva Puebla: A matanza dos cinco Ventín (III)
Dende a prisión provincial de Zamora, o mesmo día 27 de outubro, Ramiro "Elois" Ventín, sen alcume, fillo de Xosé e Severina, nado o 22 de abril de 1915, de 21 anos de idade, natural de Piñeiro (Quireza-Cerdedo), solteiro, de oficio canteiro, sabendo ler e escribir, sen antecedentes penais, de face redonda, ollos garzos (azulados), boca pequena, nariz chato, pelo negro, cellas "al pelo" e estatura regular, dixo saber por que era procesado, ratificou as súas declaracións do 6 de outubro, refugou engadir máis nada e asinou "Ramiro Lois Ventín".
No mesmo día e lugar, Olegario Ventín Rivas, sen alcume, fillo de Vítor e (María) Xosefa, nado o 11 de decembro de 1912, de 23 anos de idade, natural de Codeseda (A Estrada), casado, pai dun neno, de oficio canteiro, sabendo ler e escribir, sen antecedentes penais, de face corrente, ollos negros, boca grande, nariz ancho, pelo negro, cellas "al pelo" e estatura regular, dixo saber por que era procesado, ratificou as súas declaracións do 6 de outubro, refugou engadir máis nada e asinou "Olegario Ventín".
No mesmo día e lugar, Perfecto Erundino Ventín Rivas, sen alcume, fillo de Vítor e (María) Xosefa, nado o 21 de novembro de 1907, de 28 anos de idade, natural de Codeseda (A Estrada), casado, pai dun neno, de oficio canteiro, sabendo ler e escribir, sen antecedentes penais, de face delgada, ollos negros, boca corrente, nariz regular, pelo negro, cellas "al pelo", estatura corrente e cunha cicatriz na meixela dereita, dixo saber por que era procesado, ratificou a súa declaración do 6 de outubro, refugou engadir máis nada e asinou "Perfecto Ventín".
No mesmo día e lugar, Manuel Ventín Rivas, sen alcume, fillo de Vítor e María Xosefa, nado en novembro de 1906, de 29 anos de idade, natural de Codeseda (A Estrada), casado, pai de dúas nenas, de oficio canteiro, sabendo ler e escribir, sen antecedentes penais, de face corrente, ollos negros, boca grande, nariz recta, pelo negro, cellas "al pelo" e estatura alta, dixo saber por que era procesado, ratificou a súa declaración do 6 de outubro, refugou engadir máis nada e asinou "Manuel Ventín".
No mesmo día e lugar, Perfecto Ventín Barreiro, sen alcume, fillo de Manuel e de Dolores, nado o 25 de marzo de 1883, de 53 anos de idade, natural de Quireza (Cerdedo), casado, de oficio canteiro, sabendo ler e escribir, sen antecedentes penais, de face longa, ollos claros, boca regular, nariz achatado, pelo entrecano, cellas "al pelo" e estatura 1’75, dixo saber por que era procesado, ratificou a súa declaración do 6 de outubro e engadiu que, o día 21 de xullo, a súa actuación fora presenciada por Manuel Quideu[?] Barros e unha tal Manuela, muller de Xosé Porto Picáns (da parroquia estradesa de Vinseiro), tamén procesado. Perfecto Ventín insistiu, así mesmo, en que o garda civil Domingo o mandara retirar do seu lado porque estaba en perigo, e que disto podían dar testemuño Xosé Porto Picáns e o seu sobriño Perfecto Ventín Rivas. Perfecto Ventín Barreiro asinou "Perfecto Bentín Barreiro".
O 8 de setembro, o alcalde de Cerdedo Xerardo Lorenzo González remitiulle ao xuíz un certificado de boa conduta dos seus veciños Perfecto Ventín Rivas e do seu sobriño Ramiro Lois Ventín: "son tenidos por personas de buena conducta, tanto moral como política, habiéndosele conocido siempre en esta localidad como individuos de orden y de tendencia moderada y derechista".
O 9 de setembro, o cura da parroquia de Quireza (Cerdedo) Xosé Rey Rivas remitiulle ao xuíz un certificado de boa conduta dos seus fregueses Perfecto Ventín Barreiro e do seu sobriño Ramiro Lois Ventín: "cumplieron siempre, mientras aquí estuvieron, con la Iglesia y no se significaron en actuaciones marxistas".
No tocante á Igrexa cerdedesa, sabemos da postura conciliadora do cura de Quireza Xosé Rey Rivas, en contraste coa actitude vingatíbel de Xesús Rodríguez Anllo, o cura de Castro; ou de Manuel López Vizcaíno, o cura de Figueiroa. O extremismo da dereita cerdedesa fica ben esclarecido tendo en conta que o quirezán Xerardo Lorenzo González, o primeiro alcalde franquista de Cerdedo, acusado de "brando" polos falanxistas, recibiu unha malleira dos propios ao pouco de chegar á alcaldía. En 1950, será substituído no cargo por Manuel Gutiérrez Torres, xefe da Falange local.
O 9 de setembro, o cura da parroquia de Codeseda (A Estrada) Antonio Rodríguez Souto remitiulle ao xuíz un certificado de boa conduta dos seus fregueses Manuel, Perfecto Erundino e Olegario Ventín Rivas: "son de buena conducta civil y moral y como tales los tiene aquí el vecindario, pues no se sabe de ellos nada en contrario, y son también de padres honrados y apreciados en la parroquia".
O 30 de novembro de 1936, o fiscal xurídico militar da División (apelidado Santaló) formulou as conclusións provisionais:
"El día 19 de julio de 1936, los elementos del Frente Popular, especialmente los marxistas, al tener conocimiento de la iniciación del movimiento llevado a cabo por el glorioso Ejército Nacional, y que tenía como finalidad la salvación de la Patria, acordaron oponerse por todos los medios a la consecución de tan noble propósito.
Así sucedió en la zona de la provincia de Zamora, donde están enclavados los pueblos de Nueva Puebla, Padornelo, Lubián y Campamento, en los que los procesados que después se señalan, puestos de común acuerdo, los días 20 de julio y siguientes, exigieron violentamente armas a los particulares, robaron los polvorines de la Sociedad constructora del ferrocarril de Zamora a Orense y, organizados en grupos numerosos, atacaron los cuarteles de la Guardia Civil de Nueva Puebla y Campamento, en el último de los cuales hubo de sufrir bajas el benemérito instituto, y volaron además con dinamita un puente de la carretera.
En estos hechos tomaron parte los procesados cuyo nombre y actuación es la que sigue: (figuran 64 nomes, e entres eles:) "[...] José Porto Picáns fabricó explosivos y los transportó [...] Manuel Lorenzo Campos asaltó el cuartel de Campamento [...] Manuel Bentín Ribas, Perfecto Erundino Bentín Ribas y Perfecto Bentín Barreiro obligaron a la gente a montar en camiones que iban a Nueva Puebla para realizar los actos de rebelión indicados [...] Olegario Bentín Ribas adoptó idéntica actitud que sus hermanos Manuel y Perfecto [...] Ramiro Elois Bentín adoptó la actitud de su tío Perfecto Bentín [...]
Estos hechos probados [...] constituyen un delito de rebelión militar [...] Son autores de este delito y por ello responsables criminalmente todos y cada uno de los procesados [...] Procede imponer la pena de reclusión perpetua a muerte".
O 2 de decembro de 1936, o tenente de Infantaría Serapio Vaquero Chimeno substitúe o alférez Antonio de la Hoz Rodríguez (destinado á fronte) como xuíz instrutor da causa 513/1936.
O mesmo 2 de decembro, na prisión provincial de Zamora, os 64 procesados, de entre unha listaxe de candidatos, escollen por unanimidade como avogado defensor ao tenente da Comandancia de Carabineiros de Zamora Rafael Bahamonde Romero. Nesa listaxe de 64, aínda figura Ramiro Lois Ventín, porén, o de Piñeiro (Cerdedo), o sábado 7 de novembro, coa escusa de trasladalo de prisión, fora vítima de "saca" e "paseo" a mans dos fascistas.
O mesmo 2 de decembro, o gobernador civil de Zamora informou o xuíz instrutor de que durante a condución do detido Ramiro "Elois" Ventín "para trasladarle de prisión por exigirlo las necesidades del servicio, intentó fugarse, viéndose obligada la fuerza conductora a tratar de impedirlo por medio de las armas, de cuyo accidente resultó muerto".
No extracto da acta de defunción figura que, polas causas anteditas, Ramiro Lois Ventín falecera en Zamora o día 7 de novembro de 1936. Déuselle sepultura ao seu cadáver no cemiterio municipal de Zamora (San Atilano).
O mesmo 2 de decembro, o xuíz instrutor fíxolle entrega da causa "para su estudio" ao tenente de Carabineiros Rafael Bahamonde Romero, defensor dos 63 procesados. O xuíz salientou que "por tratarse de un procedimiento sumarísimo, sólo podía tenerla en su poder tres horas".
Na Audiencia Provincial de Zamora, ás dez horas do 3 de decembro de 1936 comezou o consello de guerra. O presidente do consello era o tenente coronel da Garda Civil José Redondo Crespo. Actuaron como vocais os capitáns Agustín Martín Rodríguez, Ángel Espías Bermúdez, Agustín Marquina Laviano, Luis García Calvo e Ignacio López García.
Nas "Memorias de Ángel Espías Bermúdez", editadas en 2004 por Gabriel Jackson (Ebre 38 nº 2), lemos que o gobernador civil de Zamora, o tenente coronel de Infantaría Raimundo Hernández Comes, decretaba "sacas" de presos a cotío, levadas a cabo por partidas de falanxistas con nocturnidade e aleivosía. Estes escuadróns da morte estaban liderados, entre outros, polos pistoleiros Martín Mariscal, Segundo Viloria, Juan Luis Rodríguez, José Avedillo Brioso, Luis Valera o Manuel Girón (Fonte: Foro por la Memoria de Zamora).
Continuará...
- Manuel Ventín Rivas
- Manuel Ventín Rivas e a súa dona
- Olegario Ventín Rivas.