Marta Rodríguez Engroba
Pasou o 25N e, unha vez máis, do fundamental ninguén falou
Os que me coñecen ben, saben que non esaxero se digo que, poucos días despois do 25N, o meu estado emocional non se pode cualificar máis que de precario.
É para min, por máis que o intento, sumamente difícil sobrepoñerme a todo ese "show" que se monta arredor da violencia de xénero, e que tan ben, agás a unhos poucos, que tamén os hai, que participan de corazón, lles ben a moitos….e a moitas, que sentan ese día as bases para un negocio que lles vai ser ben rendible.
Todo, eso sí, cunha posta en escea impecable.
Actos institucionais aos que ninguén con peso pode faltar, xestos compunxidos, minutos de silencio, lecturas de manifestos, fotos, por suposto, esas que non falten, cores lilas, consignas, forman o entramado dun día, din, no que se condea a violencia contra a muller.
É un día no que se fala ata a saciedade de machismo, de patriarcado, de que se nos tocan a unha, tócannos a todas, e tamén, se reclaman inversións, orzamentos, máis recursos…..algo, evidentemente, moi necesario, imprescindible, de feito, pero, curiosamente, ano tras ano, acto tras acto, hai un tema que non se toca, nin de pasada.
Semella ser unha especie de tabú, do que xa o resto do ano se fala as agochadas, pero que o 25N,agás rarísimas excepcións, directamente non existe.
Nin para os políticos, nin para os colectivos que falan de activismo, nin para a sociedade en xeral.
Estou a referirme as máis que evidentes e gravísimas eivas que existen na protección das vítimas de violencia de xénero que denuncian ao seu agresor, e que xa tiveron como consecuencia máis dun asesinato de mulleres e de menores.
Hai unha semana escasa, sen ir máis lonxe, un home en Chiclana, cunha orde de afastamento da súa ex parella, e en situación de búsqueda e captura, tentou queimar a vivenda na que ela estaba cos seus fillos.
Afortunadamente, neste caso non houbo que lamentar mortes, pero, por desgraza, as veces o desenlace fatal chega a consumarse, e son moitas, demasiadas,as ocasións nas que isto sucede.
É moi curioso, porque xa é un clásico, cando unha muller é asasinada, escoitar ou ler eso de "non existían denuncias previas", pero, pola contra, ninguén, no medio de tanta reivindicación, berra o contrario, "si existía denuncia, si había unha orde de afastamento, pero ninguén a protexeu!".
E eu pregúntome, por qué ese silencio sobre algo vital para a loita contra a violencia machista?.
Tal vez porque isto implicaría directamente a un eido, o policial, ao que ninguén lle quere plantar cara?.
Porque é evidente que algo está fallando estrepitosamente, e que o fallo provén da base. Non é ningún misterio.
A traxedia, nunha gran maioría dos casos, comeza a consumarse no momento no que a vítima sae da comisaría despois de denunciar e a deixan desprotexida.
Podo chegar a entender, que non a xustificar nin disculpar, que quede claro, o silencio institucional, porque, como ben dí un refrán moi vello "can non come a can", e pido desculpas se non soa moi ben, pero o significado é o xusto e do máis definitorio.
Agora ben, o que non me entra na cabeza é que ninguén dos e das que tanto reivindican diga nin chío da que é, sen dúbida, a base da loita contra a violencia de xénero, unha base, por certo, moi feble, sobre a que nada sólido se pode construir, algo que está máis que demostrado.
Se o sistema policial, falla, se a asistencia, a protección, que se lles dá as vítimas non é a que precisan, se as deixan indefensas ante un mal nacido que circula libremente, todo o demais sobra.
Outro tanto se pode dicir da xustiza.
Se as penas non son todo o rigorosas que require un delito tan atroz como é a violencia de xénero, se os agresores, os asasinos de mulleres semellan chegar a crer, por mor da tibieza do sistema, que teñen patente de corso, nada de canto se faga ten sentido.
Non sei que opinaredes vos, pero a min, este silencio, este xeito de finxir que algo tan grave non existe, resúltame, ademais de inxustificable, altamente sospeitoso, principalmente no caso dalgún colectivo que se autoerixe como o exemplo vivo da loita feminista, da defensa das mulleres, pero que no medio das súas demandas nunca hai unha que fale do máis vital.
Por eso me sinto mal, moi mal, porque, un ano máis, o espectáculo repetiuse, un ano máis a violencia de xénero, as vidas de mulleres, de nenas e nenos, serviron para o lucimento e promoción de moitos, pero, un ano máis, do fundamental ninguén falou.
Asociación Si, hai saída