Tribuna Viva
Manifesto 25-N, da Asociación Si, hai saída
Desde a asociación Si, hai saída contra a violencia de xénero desexamos, co gallo do 25N, día contra a violencia de xénero, manifestar, un ano máis, a que cremos é a mellor homenaxe para vos, mulleres, nenas e nenos que estades a sufrila.
A nosa intención é, como todas e cada unha das datas do ano, ficar ao voso carón, loitando con e por vos, brindándovos o noso apoio, e o noso firme propósito de acompañarvos na vosa loita, que é tamén a nosa.
En Si, hai saída non somos, como ben sabedes os que nos coñecedes, partidarios da gran maioría dos actos que se celebran nestes días, non porque teñamos nada en contra deles en si mesmos, se non pola utilización que moitos, totalmente indiferentes a esta tremenda barbarie durante o resto do ano, fan deles no seu beneficio ou mesmo para xustificar os rendementos obtidos, supostamente, por un traballo neste eido que moi poucas veces se traduce en solucións ou medidas reais.
O noso propósito é ainda máis firme se cabe neste difícil ano, no que, por mor da pandemia, a vosa desprotección se está a facer máis patente que nunca.
Moitas das que xa tiñades dado o paso de rachar co voso maltratador, estades a sufrir como a vosa xa dolorosa e dura situación se engaden, en moitos casos, o desemprego, unha total falta de ingresos, imposibilidade de acceder, por múltiples causas, a axudas, e outros graves atrancos que traen as vosas casas frío, escuridade e fame, para vos e para os vosos fillos, o que está a provocar que algunha pensedes en volver cos vosos agresores para que os que máis queredes, os vosos fillos, poidan subsistir, malia que as vosas vidas, e quen sabe se tamén as súas, corran un risco certo.
Outras, que tentabais atopar a forza para rachar cos vosos verdugos, estades agora mesmo, despois de meses literalmente presas na súa letal compaña, e obrigadas nesta segunda onda da pandemia a convivir prácticamente tan so con eles, anuladas, esgotadas e sen forzas nin recursos para escapar do voso inferno, sendo esta a causa real da diminución de denuncias, por moito que se nos tente vendela coma unha boa nova.
Pronto chegará o Nadal, e con él, malia o repunte da violencia machista que sempre se da nestas datas, e que este ano se presenta máis conflictivo ante as posibles restriccións que tal vez dificulten ainda máis situacións sempre problemáticas como pode ser o intercambio de menores no período vacacional, a vosa desprotección,a dos vosos fillos, con Comisarías e demais Institucións baixo mínimos, sen que se implemente ningunha medida preventiva, algo que sería, nais actuais circunstancias, imprescindible, será ainda maior e máis perigosa.
Por isto, desde Si, hai saída, non vos prometemos solucións máxicas, nin vos anunciamos medidas que soan moi ben, pero que non se axustan as vosas necesidades reais.
Tampouco vos imos pedir que vos empoderedes, porque cando careces do máis básico, non existe empoderamento posible.
Tan so vos reiteramos que estaremos con vos, como sempre tentamos facer, dentro das nosas limitadísimas posibilidades, pero coa mellor das vontades, e, por riba de todo, de corazón.
Asociación Si, hai saída