Javier Carballo de Jesús
Loitas inesgotables: Kamala for the people!
Dende hai bastante tempo teño especial predilección pola política americana, especialmente dende 4 anos atrás. Non sei se polo abraio que me provocou que o pobo americano elixira unha persoa supremacista e desagradable coma Dolnald Trump coma presidente, ou pola complexidade dun sistema que, aínda que difícil de entender, na práctica resulta garantista e tremendamente útil. Só hai que ver a distribución de competencias entre o seu Senado e a Casa de Representantes. Envexable para o noso país, que reclama unha profunda reforma de competencias da Cámara Alta para que resulte unha verdadeira cámara de representación territorial útil, pero esta é fariña para outra muiñada.
Lembro hai catro anos deitarme coa esperanza de que ao mencer me erguería con Hillary Rodhan Clinton como presidenta, pero unha vez máis o teito resultou inquebrantable e o retroceso foi incrible. Dende aquela, acostumo seguir a actualidade política dos EEUU coa esperanza de que a mobilización social desbote as políticas machistas e racistas desa caricatura de presidente que foi o señor Trump.
O pasado ano, no mes de novembro, Elisabeth Warren anunciaba a súa candidatura para as primarias demócratas. Ela era a aposta pola que eu me inclinaba. Muller, xurista, de esquerdas, cunha grande experiancia en Wáshintong… Que máis queren? Despois de Warren, xurdiu a candidatura de Kamala Harris, Pette Buttigieg, Amy Klobuchar, Joe Biden… Foron unhas primarias especialmente concurridas, chegando case á cifra de 20 candidatos e cun espectro ideolóxico que abranguía dende a verdadeira esquerda de Warren e Sanders á absoluta dereita de Mike Bloomberg (pasando polo centrismo político de Biden). Finalmente, os demócratas decantáronse por Biden, unha aposta pouco arriscada pero que podía contentar o electorado máis conservador do dito partido: 78 anos, senador, vicepresidente da administración Obama… tampouco estaba tan mal.
A elección de Kamala Harris como compañeira de candidatura para a vicepresidencia non caíu de sorpresa. Os demócratas precisaban compensar cun perfil diferente a aposta convencional por Biden. Kamala era a súa mellor opción. Non era tan de esquerdas coma Warren, de longa traxectoria no profesional como Fiscal Xeral en California e Senadora demócrata. Muller, con ascendencia xamaicana e india, feminista, 55 anos e con perfil idóneo para substituír a Biden e ocupar a presidencia en calquera momento, ben durante este mandato que comeza ou nunhas vindeiras eleccións.
Despois de case unha semana de noites sen durmir, facendo un seguimento da noite e días sucesivos da xornada electoral (tras idas, voltas, viravoltas e sorpasos dende a noite do día 3), non foi ata o día 7 cando por fin o mundo recibiu a nova de que aquel teito de cristal que catro anos atrás foi inquebrantable, o team Biden-Harris lañouno (sen chergar a rompelo) e timonará o vindeiro mandato na famosa Casa Branca, onde se concentra gran parte do poder mundial. Un suspiro de esperanza para o mundo nun 2020 que se tinguiu de terror. As expectativas postas nestas dúas persoas son moi altas.
A propia Kamala expresaba onte que o seu mandato honrará as mulleres que loitaron e se sacrificaron tanto pola igualdade, pola liberdade e pola xustiza. Pero creo que as palabras que mellor representan o sentimento de alivio que puideron sentir moitos norteamericanos foron as do colaborador da CNN Van Jones: "Hoxe é máis fácil ser pai, máis fácil dicirlle aos teus fillos que a súa forma de ser importa, que dicir a verdade importa, que ser boa persoa importa e é máis fácil para moita xente porque se es musulmán non te tes que preocupar de que o presidente non queira que esteas neste país, se es inmigrante non tes que te preocupar de que o presidente queira sacarche os fillos ou expulsar os dreamers sen motivo, é un alivio para moita xente que sufriu moito estes catro anos..."
O pasado 7 de novembro cumpríanse 5 anos do día que subín a un autobús camiño de Madrid ateigado de relclamsa feminsitas para berrar pola igualdade. Aquela manifestación do 7N foi inesquecible. Este 7N, cinco anos despois, volve ser imborrable porque por primeira vez na historia de EEUU unha mulller afroamericana e india será a vicepresidenta da nación. Pero a loita non se esgota; para cando a presidencia?
Javier Carballo de Jesús