Manuel Pérez Lourido
A voltas coa moción de censura
Levou nas orellas. Iso foi o que pensou do líder de Vox calquera que seguise a moción de propaganda que levou adiante esta especie de partido. Non era unha moción de censura: o que lle interesaba a Vox era espallar os seus ouveos e que saíran en prime time, iso si, a costa do erario público. Era algo máis que perder o tempo e facelo perder, era gastar por gastar.
Xa está todo dito sobre o acontecido: Casado aproveitou a ocasión para darlle nos fuciños tanto a Vox coma ao seu líder, marcando distancias por unha vez coa política e a forma de facer política dos ultra dereitistas. A ver se é verdade, que unha cousa é predicar e outra dar trigo. E as formas de Casado foron un tanto sobreactuadas. É moi difícil explicar que lle chames "fraude, mentiroso, estafador, personaje sin escrupulosos (...), político indigno", "traidor", "villano de cómic" o "estafador" a quen che deu os votos para que gobernes en tres comunidades autónomas. E lembremos finalmente que unha cousa é predicar e outra dar trigo. Esperemos feitos por parte do PP, sobre todo se Vox toma represalias.
Non fai falta ser un lince para decatarse de que a formación popular non tiña outro camiño: Arrimadas xa leva un tempo arrimándose ao PSOE, tentando coller a vía do centro político. Seguir facéndolle as beiras a Vox para facelo medrar nas urnas e despois ter que depender da súa axuda? Alguén soubo convencer ao líder popular que mudara o rumbo e agora Feijoo saca peito: axiña saíu a dicir aquelo de “iso hai tempo co viña dicindo eu”.
Non lle iría nada mal a este país se as ideas retrogradas de Vox non atoparan eco, se fósemos quen de darlle de comer aparte, pero isto vai ser complicado porque vivimos nun mundo tamén moi complicado, cheo de medos e de inquedanzas dos que se encargan de aproveitar para o seu medre partidos como este. Isto é aasí en toda Europa, un territorio que adoece de falta de confianza en si mesmo.
A cousa vai empezando a ir polo rego. Agora só falta que deixen gobernar a Sánchez e a Iglesias: a desconfianza que desperta o ideario de Unidas Podemos entre o establishment é algo palpable cada día nos medios de dereitas (en prensa, radio e televisión). Criticar a este goberno por levar adiante políticas progresistas non digo que non lles asuste, iso está claro, pero é moi raro que lles sorprenda, polo que hai que concluír que se trata dunha sorpresa esaxerada.