Xosé Manuel Feijoo
O parque forestal, o traxe dos domingos do Monte da Fracha
Despois da coitelada da A-57 entrégannos a navallada do parque forestal, ámbalas dúas actuacións benqueridas, e aplaudidas polo goberno municipal de Pontevedra. O parque forestal, co beneplácito das comunidades de montes de Marcón, Tomeza e A Canicouba, dalle ao Monte de A Fracha esa dose de "Vicks VapoRub".
Ben, con este traxe modelo "parque forestal" A Fracha xa pode presumir e recibir as visitas dos "amigos da natureza".
Co consentimento de Calros Solla déixovos o artigo recollido no libro - OS ESPELLOS DO PASADO, A lenda dourada do Gafos –
A FRACHA, UN MONTE DE LENDAS
"No teatro e tremoia de Pontevedra, a vila sería o escenario, a aldea por platea, o Lérez faría de foso, A Caeira, de galiñeiro e o trampantollo da Fracha recortaríase no pano de fondo.É ben merecida a súa consideración de montaña máxica, posto que, á luz das vellas xeografías, o monte da Fracha é prolongación do monte do Seixo cara ao sur e oeste. En 1856, o naturalista Antonio de Valenzuela Ozores escribía: Elévanse los montes Frachas a 568 metros sobre el nivel del mar ... Este valle, en la parte que corresponde a la región del Seijo, está constituido principalmente por la cuenca del Tomeza, río que, naciendo en la vertiente occidental de los montes Frachas, lleva su curso de S. a N. hasta desembocar en el Lérez, cuando ya este río mezcla sus aguas con las del Océano.
A Fracha e a Frachiña Nova, paisaxe cotiá, montesa, quebrada e fragosa. Loureda, batólito granítico de dúas micas e vetas de cuarzo intrusivo.
As toxeiras dos Padróns, olleiros do Pintos –siamés do Tomeza-Gafos– e fronteiros con Ponte Caldelas. O Penderico, encovada parideira da Lobeta, nai de todos os cans feros. A Fonte Chorenta, de bágoas e flores unha dona encantada. O Campanario, sino de oca badalada; torre pedral avogosa de meras e tronantes. As Porcaspreñas, lamorqueiras dun suposto río subterráneo que, por labiríntica galería e peada, ora amecería nas Corvaceiras, ora ao pé da ponte do Burgo: antolladizo cambio de agullas. O imbatíbel coello dos sete tiros, dos sete tobos ou dos sete xuramentos. A fatídica pedra do Carrandolo que se virá do mundo enriba cando se cumpran as idades.
A Mina da Moura, onde na alba do día de San Xoán (pola hora de Londres) o sol encana ao nesgo da bocafurna e alumea dereito unha porción de moedas do Antigo Reino; onde ao mediodía dese día se aliña a Señora con peite de brillo; onde na mesma noite do solsticio, con lúa chea, acocora a galiña de ouro cos seus pitos na riola. O outeiro dos Ladróns, acubillo de bandoleiros e escondedoiro de fuxidos no tempo da gherra. O curucho do Coto Franqueira (552 m), labrando na lentura do ceo ás rabuñadas.
O Chan de Parafita, peñascón muy alto y derecho (Sarmiento dixit). A Pedra Lonca de Pintos e a Pedra Lonca de Valadares, peañas do solpor, soño e pesadelo dos cambiamarcos.
O Outeiro Navío que, aproveitando da marea viva a derradeira, botarase polo regueiro do Pombal abaixo deica o Gafos e máis alá, cara ao mar, acugulada a cuberta de almas migrantes. A Pedra da Ra e a súa rasteña, xoguete de nenos pobres.
A Pedra do Yeti, efémero xonki anacoreta; diaclasa de natural erosionado e faciana a barbeito. O Outeiro das Casas, coa Casa Grande e mais coa Pequena, beirados e parapetos para os rillotes de Marcón e Tomeza dirimiren a coiazos as márdeas de cadanseu territorio. O Outeiro das Olas, lascaredo no que se encaixa a Pedra da Malicia, petón furado e xusticeiro en cuxa vinca prende e non desprende quen conta mentira.
A Cachadiña da Cruz, co seu escorregadoiro, e mais a Cachadiña Nova, coa súa mulida. A Pedra do Asento, pouso e asexo de moi senlleiros cus. A costa da Meniña Afeitada, sobriña neta do lobo da xente, licántropa e peeira de lobos. O Cabalo Mariolo, rincho de vento, gallope de pedernal e chispa. A chagorza dos Bañadoiros, areas movedías. O Coto Loureiro coa súa andrómena das tres minas: unha de ouro, outra de prata e outra de veleno; cangos e ripas da mansión mourisca. A Boreira de Covas, furados e refurados. Burrodeguas de Arriba e mais de Abaixo, herbeiras da marroa. O Outeiro da Ventá, antepeito mirón das terras emerxidas...
E o coitelo matachín, serie A-57, arma de destrución masiva, despezando o canal da Fracha en corpo de animal sacrificado. Polos cumes da Fracha, ano 2015."
Posiblemente sabedes que o Monte da Fracha leva dado moito sustento, a saber: PIÑAS que se levaban a vender ás vilas para acender as cociñas, e traer un pouco de peixe para casa. TOXO para facerlle a cama ao gando. FOLGADAS que daban herba verde no verán para o gando. PEDRA para facer casas, postes para as viñas e "Palacios" na capital… LEÑA para cociñar e quentarse. MADEIRA para elementos da construción e venta da mesma. AUGA dos seus innumerábeis olleiros para beber, regar as veighas, aportando para os regatos e regueiros caudal con nutrientes para o río dos Gafos e a ría de Pontevedra, ultimamente tamén para encher piscinas. PICO ou COSCO para esterco. BROTIA para abono das terras cultivables. LANDRAS alimento para os porcos. CAROCHAS como alternativa ás piñas para acender o lume. CASULOS para os braseiros e para vender a semente en Montero Ríos. XESTAS e CODESOS para facer vasoiras. CARQUEIXAS secas para chamuscar o porco. TROBISCO para a "pesca". CARRASQUIÑA para o cacho das herbas de San Xoán.
REFUXIO E ALIMENTO para os animais salvaxes e… PAIXASE!
Q'atopar non poidera un consoliño que chegase á acougarme o pensamento,... Pérez Ballesteros
OS ENTERRADORES DA PAIXASE NON ACOUGAN!
QUE SIGAN OS ENTERROS!