Luis Bará
A debilidade de ENCE
ENCE compórtase coma un monstro xigante con pés de barro. Mobilizar a pasta para intentar mercar vontades é unha tarefa imposíbel, cando o que se pretende é convencer das bondades do seu "centro de operacións de Lourizán" (sic), que non ole, non bota fume, non contamina a ría, é sustentábel e mesmo vai estar marabillosamente integrado na paisaxe. Manda truco!
Nin sequera nestes tempos de crise-estafa, nesta época de rebaixas ideolóxicas, a estratexia de ENCE ten posibilidades de cambiar a realidade dunha fábrica que fede, que contamina, que destrúe a ría e a saúde, e que constitúe un atentado ambiental e estético de dimensións xigantescas. E a grande cantidade de medios que a empresa utiliza para intentar cambiar a opinión pública é a mellor medida da súa debilidade, da súa derrota social, do seu fracaso. Contra a evidencia dos feitos, o exceso na propaganda é equivalente á mentira que se pretende contar: presume do que es e direiche do que careces.
Consciente da súa derrota social e política en Pontevedra, é a connivencia dos grandes poderes económicos e a submisión do PP a única vía posíbel para consolidar o monstro en Lourizán. Mediante a tentativa de adscribir a fábrica ao porto de Marín, a aprobación do Plan Sectorial de Incidencia Supramunicipal, o intento de construción da papeleira, o asalto ao pleno da Corporación, o PP e os seus aliados financeiros e sindicais intentaron torcer a vontade cidadá e impoñer o complexo industrial na ría de Pontevedra máis alá de 2018. Nese terreo ENCE móstrase forte mais até agora a cidadanía de Pontevedra e o seu concello gañaron unha batalla tras outra, nas urnas e nos tribunais de xustiza.
Consciente do fracaso destas vías e da imposibilidade de desbancar o goberno municipal de Pontevedra, a alianza PP-ENCE maniféstase agora no cambio da lexislación de Costas, coa pretensión de privatizar de por vida os terreos de dominio público da enseada de Lourizán. Esta alianza xa deixou co cu ao aire a máis de un dirixente da dereita local, que dicía publicamente unha cousa e defendía a contraria nos despachos autonómicos e ministeriais e nos consellos de administración.
A propaganda imposíbel de ENCE é unha proba evidente da culpa. Como nos van convencer que non é fedor a peste que asolaga a cidade con vento do suroeste! O perigo de ENCE está na peste (e na pasta) que se move polos despachos de Santiago e Madrid, que quere conseguir pola forza da lei o que non pode conseguir coa razón. Mais unha cousa é a Lei e outra moi distinta a Xustiza. E a única Xustiza posíbel é a dunha ría recuperada, rexenerada, libre do complexo contaminante, gañada para o ben común e non para o beneficio privado e o mercadeo no IBEX. ENCE FÿRA DA RÍA!
29.07.2013