Antón Roel Villanueva
O campo da feira na memoria
Houbo un alcalde hai tempo que nun viaxe institucional a Portugal quedou tan contento do trato que lle deron en Barcelos que ao chegar puxo o nome de dita cidade a unha praza que sempre foi coñecida por Campo da Feira . Non quero nin pensar que dirían os defensores dos valores tradicionais da cidade se o alcalde actual fixese o mesmo. Claro que o Campo da Feira era unha praza de xente humilde e traballadora, de feirantes titiriteiros e campesiños do rural que viñan vender a mercadoría á boa vila,e os señoritos non a frecuntaban e, por iso, calaron cando lle usurparon o nome. Agora que se anuncia unha nova remodelación aínda se está a tempo de corrixir a aldraxe, penso que hai que respectar os nomes de rúas e prazas de denominación popular e non deixalas ao capricho dos políticos de turno.
Escribía sobre o Campo da Feira hai tempo cando se remodelou por derradeira vez... Estudaba na Escola de Maestria Industrial onde agora se atopa o Colexio de Barcelos, xa daquela o noso patio de recreo era a praza, lembro cando nos días de feira, abraiados co espectaculo das transacións dos feirantes co gando saltabamos as clases para velos. Era un recuncho cheo de vida e negocio, a Feira xeraba moita riqueza sempre ateigada de xente, tamén era onde se instalaban os Circos, que era o millor espectáculo que había daquela, e nós os rillotes dos barrios sen poder adquisitivo intentabamos colarnos por debaixo das lonas. No veràn a carón da sombriza das plataneiras escoitabamos as novidades musicais dun carrusel de autos de choque co recendo a churros dunha caseta que tamén se instalaba no luar.
Toda unha xeneración fixemos a mudanza alugando os servizos duns isocarros que aparcaban a carón da praza, había tamén unha empresa de autobuses a Ponte Caldelas e dous talleres de coches, daquela a praza era un fervedoiro de actividades e punto de encontro das xentes que viñan do rural a mercar ou vender mercadoria e onde se reunían as leiteiras para repartir o leite pola cidade.
De súpeto, un día chegou o Circo do Progreso cun ilusionista que fixo desaparecer a feira e as árbores centenarias que cando xogabamos ás agachadas escondiamos tres rapaces detrás dos torsos, e os paxaros que aniñaban neles quedaron sen fogar, tamén fixo desaparecer o nome tradicional da praza e a nosa infancia.
Noraboa pola ultima reforma, sen tempo non era que alguén se decatara que unha praza publica e para o goce da cidadania, para pasear, ler, sentar nun banco vendo xogar os nenos sen perigo dos autos, que se priorice a seguridade peonil e da comunidade escolar ,que sexa un lugar de encontro da cidadania.
Penso que a Casimiro Gómez que donou os terreos lle gustaría o estado actual. Entenderia que os tempos mudan e xa non era lugar axeitado para a feira, pero non entendería que unha praza que tiña un nome de denomonación popular semellante a outras senlleiras como Verdura, a Ferraría ou a Leña; que nun tempo deu riqueza e prestixio á cidade se lle esqueza a súa parte da historia mudándolle o nome polo que sempre foi coñecida. Eu non teño nada con que se lle poña o nome de Barcelos a unha praza pero non a unha coñecida de sempre como Praza do Campo da Feira.