Marta Rodríguez Engroba
Vítima de violencia de xénero solicita axuda psicolóxica. Non sempre é unha boa nova
A Secretaría Xeral de Igualdade ven de dar, hai unhos días, os datos do primeiro semestre do ano no que atinxe a violencia de xénero.
De moitos é sabido que en Si, hai saída non nos sentimos especialmente representados polas estatísticas, e que ninguén me interprete mal.
Non cuestionamos a súa utilidade, e, por suposto, respectamos profundamente a aqueles que as elaboran e aos que as manexan, pero, en honor a verdade, teño que dicir que, tras seis anos de traballo con vítimas de violencia machista, non se axustan en absoluto a nosa realidade, moito menos optimista que a que as devanditas estatísticas adoitan reflectir, ou tal vez non saibamos interpretalas correctamente, pode ser, porque a nosa perspectiva é que, en violencia de xénero, a situación empeorou notablemente, e non nos baseamos para facer tal afirmación en cifras, nin en porcentaxes, se non na nosa experiencia diaria en contacto directo coas vítimas
Outra cousa é que, polas actuais circunstancias, este letal azoute para a vida de numerosas mulleres, máis das que se poden imaxinar, e mesmo de moitos menores, se vaia relegando cada vez máis, e o nivel de invisibilización que está chegando a acadar é algo máis que alarmante, malia que ninguén semelle decatarse, nin moito menos preocuparse, o que ainda é máis grave.
Os datos feitos públicos deste primeiro semestre non son unha excepción.
Apuntan a un incremento nas chamadas ao Teléfono de Información da Muller para realizar consultas, mentras que descenderon as denuncias, concretamente un 19,5%.
As conclusións que extraemos deste dato en Si, hai saída non son para nada alentadoras, nin moito menos indicativas de que a situación mellorara, se non todo o contrario.
O que desprendemos de tales datos é que moitas mulleres tomaron conciencia da súa situación ou de que esta empeorou, e decidiron tentar asesorarse, buscar unha posible saída, pero isto non derivou en posteriores denuncias, o que se traduce en que aumentou o número vítimas pero que, por unha ou outra razón, non se decidiron a dar o paso de denunciar algo totalmente compatible, ademais de co lóxico medo e a incerteza ante o seu futuro e, nalgúns casos, co dos seus fillos, coa situación de confinamento que se viviu durante parte dese primeiro semestre do ano.
Lamentablemente, ese vello dito que todos coñecemos que afirma que "a falta de novas, son boas novas", non é aplicable as denuncias por violencia machista. máis ben, por norma xeral, sucede todo o contrario.
Por outra banda, din desde a Secretaría Xeral de Igualdade que a maioría das consultas tivo relación coa atención psicolóxica, e, neste punto, de novo a experiencia nos dí que compre ter cautela a hora de valorar este dato como positivo.
Qué tipo de atención psicolóxica requeriron, a orientada a superar a ruptura co seu maltratador, de apoio para tentar levala a cabo, de reforzo para tentar iniciar unha nova vida sen maltrato, pero con aquelo ao que case todas máis temen, a soedade?.
Estou segura de que moitos non entenderán o sentido desta pregunta, pero o ten. Todo o do mundo.
Son moitas, moitísimas, as mulleres que sufren malos tratos que solicitan axuda psicolóxica, pero non para dar o paso de tentar rachar co seu maltratador, se non, e isto é tremendo, moi duro, para aprender a sobrelevar a situación, a actuar de xeito que non o alteren, e continuar adiante coa relación.
Son conscientes de que están a ser maltratadas, pero teñen asumido que a culpa é delas, que o seu comportamento, a súa maneira de ser, alteran as súas parellas, das que están namoradas, ou cren estar, porque, obviamente, eso non é amor, e, por sorte, algunhas delas, co paso do tempo, chegan a entendelo.
Autoincúlpanse de non saber "levalos", de que necesitan unhas pautas de comportamento para que eles non se alteren e, porén, non soamente non as agredan, se non que, pouco a pouco, os vaian transformando, grazas a que elas aprenden a "portarse ben" e volvan a ser eses príncipes azuis, eses encantadores de serpes que as namoraron e que lles prometeron o ceo, para conducilas despois ao inferno máis absoluto.
Non son poucas as que, despois de moitas horas de conversa, admiten, primeiro, que están a ser maltratadas psicolóxicamente, para, finalmente, recoñecer que as agresións físicas xa fixeron tamén acto de presenza, case sempre acompañadas de violencia económica, mediante a cal o agresor as priva de todo recurso para telas totalmente sometidas por pura supervivencia.
Malia isto, cando se lles ofrece asistencia legal para tentar sair desa situación, e lles aclararamos que é totalmente gratuita e que, por suposto, estaremos con elas durante todo o proceso, moitas delas a rexeitan e de novo inciden na necesidade de axuda psicolóxica para continuar baixo o xugo do seu maltratador.
A dependencia emocional da parella e tal, que non lles cabe na cabeza a posibilidade dunha separación.
Alegan que o queren, que saben que realmente él non é así, que as súas agresións son froito do alcohol, do estrés, dos problemas económicos…..ou delas mesmas, que non "aprenden", e caen unha e outra vez nos mesmos "erros" que os sacan de quicio.
Por eso, en Si, hai saída cremos que ese incremento de consultas sobre a atención psicolóxica hai que estudalo, ou máis ben "cribalo", e analizar en profundidade as razóns reais desas consultas.
Unha vez máis non podemos evitar incidir en que non se pode loitar contra a violencia de xénero exclusivamente desde os despachos, por moi formado que estea o persoal que os ocupa, que non dubidamos de que así sexa, pero formación e experiencia, nin son sinónimos, nin sempre van da man.
E precisamente esa experiencia é a que nos dí que o aumento de peticións de axuda psicolóxica por parte das vítimas de violencia de xénero non sempre é unha boa nova.
Asociación Si, hai saída