Pedro J. Peón Estévez
2 de Ciencias Verbenís
Fixen este modesto trabalhinho por ver se me convalida primeiro de verbenoloxía algún destes catedráticos que merodean a cotío arredor da radio e televisión autonómicas. Achegueime á facultade de Ciencias Sociais de Pontevedra e dixéronme que alí non era, que este tipo de expertos soen ser autodidactas e que, tratándose de verbenas e outras ervas medicinais, melhor era que buscase en Bioloxía. Entón acordeime de dona Interneta e ela aclaroume que verbena é unha festa popular que, xeralmente, se celebra na honra dalgún santo ou cousa así e que tomou este curioso nome do raminho desa erva que as mozas de antano adoitaban levar á festa.
A tal festa está organizada por un grupo de voluntariosoos vecinhos da vila, parroquia ou barrio que dese xeito convidan a todo o mundo ás celebracións. A festa,verbena incluída, é un acto totalmente aberto e gratuito pero moi complexo e trabalhoso, tan altruista como desagradecido. Se queres rematar mal dos nervios, métete na comisión de festas.
Cantos filhos das verbenas haberá en Galiza? Ninguén o sabe pero seguro que moitos pois, en certo aspecto, as verbenas vinheron substituir os fiadeiros e as muinhadas…e as esfolhadas ( non lhe busquen connotacións eróticas ó termo pois esfolhar, en galego, é tirarlhe as folhas á espiga de milho. Só iso.) Era ese un labor do campo que adoitaba facerse, como tantos outros, de xeito comunitario. Pero iso foi hai moito tempo, cando aínda eramos civilizados.
Ás verbenas íase guarachar ( olho ó verbo ), pero maiormente a “ligar” é dicir: mocear, face-las beiras, namorar “no eres de aquí, no?” “No, yo te soy de Vigo”. Daquela todos eramos de Vigo ata que as rapazas comenzaron a ser de Madrid ou, cando menos, de Santiago pois sempre era máis doado remedar o sotaque picheleiro que o castizo. Pero as verbenas eran, por encima de todo, un lugar onde botar a atarraia por ver de pescar algunha parrocha que, como todos sabemos, é sinónimo de xouba ou sardinha pequena. Os días seguintes eran para contar conquistas, aventuras…mentiras e máis mentiras, cada quen máis gordas. Era o chamado “sexo oral”.
EU comecei a ir ás verbenas de pantalón curto, o que non deixaba de ser un tanto humilhante. Daquela os homes vestían pantalón longo; os homes tinhan barba, os nenos peluxe; os homes fumaban,vían películas de maiores e ían a Vigo cada canto. Os homes facían nenos e os nenos, macacas. Moi longa se me fixo a nenez e que curta se ve agora…!
Pero, para festas, as da Estrada. Tras dúas eternas horas de viaxe no Estradense, acadei aquela fermosa vila que, para min era Nova Iorque e París, todo nun. Pasei unha semana enteira de festa …sen dar pau a auga! Aquela situación facíaseme un pouco rara pois na minha casa sempre había cousas que facer. Pero paseino ben; os meus companheiros eran o xérmolo dos míticos Chiquis, os reis do pop no Deza-Tabeirós e tinhan amigas a ducias e ben bonitas, ou iso me parecía daquela. Era 1965 e algo estaba a cambiar no mundo. Os bares xa tinhan Jukebox e nelas soaban arreo “ Downtown” da doce pétula Clarck e tamén “Pouoée de cire”, recente ganhadora de Eurovisión e os mozos non paraban de falar de 007 e dos mesmísimos Beatles, que estaban a piques de chegar a Madrid e Barcelona. E pouco máis; a Yenka arrasaba e as festas da Estrada remataron coa tirada de fogos “ de lucería “. Como todas.
Mentres todo isto acontecía, os máis ignorabamos que un grupo musical galego percorría o mundo con notorio éxito. Eran cinco músicos profesionais; tres da Corunha; un de León e outro de Pontevedra. Os cinco grandes intérpretes multiinstrumentistas, creativos, simpáticos, xeniais. Eran, por así dicilo, un conxunto de transición, a medio caminho entre orquestra tradicional e grupo pop que se xuntaron un día para unhas cantas actuacións e botaron case unha década actuando por case todos os países europeos, Estados Unidos e case toda Sudamérica pero outros tan exóticos como Irán, India ou nos Xogos Olímpicos de Tokio, onde compartiron esceario cos mesmísimos Platters. OS seus compoñentes foron: Manuel Pérez “Lito”, saxo, clarinete, guitarra e violín; Marcelino López “Candelas”, batería, trompeta, violín; José Luís Muñoz, guitarra e baixo; Miguel Laiz, piano e acordeón e o xenial pontevedrés Antonio Moldes , trompeta, guitarra, violín, baixo e máis o que lhe botaran ademais de compositor e arreglista.
Fixéronse chamar Los Españoles pero nunca esqueceron a sua condición de galegos pois xa no seu primeiro disco, un EP de 1968, figuran dous temas netamente galegos: “Morrinha” e “Unha Noite na Eira do Trigo”. E non son as únicas. A primeira información dos Esoañoles que me chegou foi a través do meu irmán Minucho que me levaba dez anos. El cantaruxaba algún dos temas daquela xente e faloume das maravilhas que facía Moldes ca trompeta. Nunha ocasión fumos trabalar na súa casa de Cantoarea e lembro que pasou boa parte da tarde tocando nunha pianola os primeiros compases da famosa Soledad. Estaba facendo arreglos orquestais para algunha das formacións coas que colaboraba. Antonio Moldes foi un namorado da música. A ela entregou toda a sua vida desde a máis tenra infancia. Nunca se xubilou da música.
Os Españoles era un grupo moi especial. Soaban moi ben pero parecían nadar contra corrente. Cando o Beat británico comezou a imponherse, moitos grupos en todos os países cantaban en inglés, uns pouco,outros moito e algúns todo. O inglés estaba (e está) de moda. Pois ben; os Españoles nunca, xamais cantaron nin palabra en inglés. SI o fixeron en francés, italiano e mesmo en portugués, si portugués en plenos anos sesenta. Para facerse entender na luxofonía ou, simplemente, porque lhes petaba. Pero tamén cantaron en árabe e en grego! Sen dúbida foi a nosa orquestra máis cosmopolita. A discográfica Polydor gravóulhes uns 150 temas que non eran simples versións pois a todos marcaron co seu selo persoal ponhendo neles toda a súa maestría e grandes doses de bo humor.
Repasando a sua discografía nótase axinha o seu bo facer pero tamén a baixa calidade das gravacións. Claro está que Polydor facía o que podía ou o que sabía pero os bos estudos de gravación, os melhores equipos e enxenheiros estaban na Gran Bretanha e probablemente por iso non tiveron a difusión que merecían. Sen embargo, para nós os siareiros é melhor así pois podemos aprezar mellor a música artesanal onde os efectos facíanse á man, sen trampa nin cartón con intrumental unpluged, como se di agora, agás unha guitarra de jazz usada ocasionalmente, pero sempre facendo música artesanal e en directo.
A mediados dos sesenta chegaron os Beatles e xa non houbo volta atrás. Naceran os últimos clásicos e toda unha xeración fumos tras deles. Unha nova era tinha comezado.
NOTA: A ver se algún antorpólogo, aínda que sexa afecionado, me aclara por que se ligaba en castelán nas verbenas.