Tribuna Viva
Retirada de profesores do colexio de Campo Lameiro
Carta aberta da Asociación de Nais e Pais do Alumnado do Ceip Pedro Antonio Cerviño de Campo LAmeiro ao Xefe Territorial da Consellería de Educación César A. Pérez Ares
Estimado Sr.:
O motivo da presente non é outro que poñerlle de manifesto a nosa preocupación ante a posibilidade de que se vexa diminuído, aínda máis, o número de profesores que veñen desempeñando as súas funcións educativas no CEIP Pedro Antonio Cerviño de Campo Lameiro.
Sendo conscientes das circunstancias actuais que rodean a "nova normalidade" e as necesidades educativas dun municipio rural do interior da provincia de Pontevedra como é Campo Lameiro,
consideramos necesario que se faga un esforzo desde a administración autonómica para poder ofertar aos nosos nenos e nenas a mellor educación posible desde a igualdade de oportunidades. É preciso apostar dun xeito claro e decidido polas familias que decidimos vivir no rural, enraizando a poboación e sen renunciar en ningún momento á calidade educativa pública dos nosos cativos.
Como ben sabe, a comunidade educativa do CEIP Pedro Antonio Cerviño ven sendo moi comprensiva coas limitacións e a reasignación do persoal que desde hai tempo se ven acometendo desde esa xefatura territorial e que fai que, concretamente, durante este curso pasado que acaba de rematar se deran casos de acumulación de nenos e nenas de 1º e 2º de primaria e de 3º e 4º nunha mesma aula, incluso compartindo mestres con outros centros educativos da zona a través da presenza de mestres coa xornada repartida.
Cremos que ese esforzo colectivo entre a administración, a comunidade educativa e os pais e nais do centro está xa ao límite.
Solicitamos que reconsideren a posibilidade de diminuír, aínda máis, os efectivos educativos.
O rumor destes últimos días, de que a Consellería podería recolocar a dous mestres fóra do noso colexio, está xerando unha situación de malestar e preocupación entre pais e nais do CEIP Pedro A. Cerviño. A capacidade formativa do equipo docente encargado dos nosos cativos verase minguada, cuestión que nos parece innecesaria e que habería que avaliar para atopar fórmulas alternativas que non perxudiquen a calidade e o nivel de atención do ensino público aos nenos e nenas dun modesto municipio do rural do interior da provincia de Pontevedra como é Campo Lameiro.
Ademais, dentro dos parámetros que se están evidenciando para planificar a acción educativa na "nova normalidade" entraría en contradición severa cunha diminución de profesionais do ensino no noso centro e provocaría serias dificultades á hora de manter os ratios, o distanciamento social e un axeitado nivel organizativo; sen esquecer tamén a capacidade formativa e pedagóxica do CEIP que tamén se vería afectada. Un excesivo proceso de concentración de alumnos de diversos niveis, idades e condicións psicosociais e psicoeducativas poderían influír negativamente no seu proceso de formación académica e da súa personalidade, algo que ninguén desexa.
Coa finalidade de poder tratar este e outros temas, solicítolle que nos conceda unha entrevista persoal coa intención de poder analizar en profundidade este problema que, de producirse, vai a afectar moi directamente á nosa comunidade educativa e, en especial, ao cadro de persoal e ás propias posibilidades formativas e educativas dos nosos fillos e fillas.
Agardando quenos poida recibir en breve, saúdao
A presidenta da ANPA "San Miguel" do CEIP Pedro A. Cerviño
Dna. Yolanda Fentanes Fontenla en representación dos país e nais dos alumnos de Campo Lameiro
Campo Lameiro, 20 de xullo de 2020