Marta Rodríguez Engroba
Pandemia, campaña electoral e vacacións. O reforzo perfecto para a violencia de xénero
Catro asasinatos machistas en menos dunha semana fixo que revivíramos o vello ritual que a min me remove por dentro e que xa non soporto, de condenas, minutos de silencio, e manifestacións de repulsa.
Dous dos asasinos tiñan antecedentes por violencia de xénero, pero a eso ninguén lle concedeu demasiada importancia. Que máis ten que un potencial asasino circule pola rúa libremente?
Que importancia ten que un maltratador quebrante reiteradamente a orde de afastamento? Ningunha.
E se, por desgraza, unha ou máis mulleres acaban pagando coa súa vida o desleixo e a irresponsabilidade daqueles que se supón deberían protexelas, rápidamente os "expertos" do goberno que toque nese momento, ademais dos "chiringuitos" afíns a él e ben pagados saen ao paso soltando un chorreo interminable de estatísticas, teorías e grandilocuentes discursos que, a vista está, de nada serven, agás para que eles e moito dos seus acólitos conserven os seus ben remunerados postos, lle pese a quen lle pese escoitalo, ou, neste caso, lelo.
Curiosamente, eses "expertos" non realizan traballo de campo algún coas vítimas.
Non se mergullan na súa realidade, nin moito menos.
Eles e elas dogmatizan desde os despachos, soltando unha teoría tras outra, moi ben aprendidas, eso si, e manexan as cifras e as súas adouradas estatísticas con maestría, de xeito que as conclusións sempre resulten favorables para eles e os seus "negocios".
A dor, o pánico, a desprotección que esas mulleres, eses nenos, chegan a sentir non é algo que vivan de preto, para que?
Con acadar un par de testemuñas que se presten a contar as súas historias baixo a súa tutela nos medios de comunicación os días D, como o 25 de Novembro, abonda.
Isto non é nada novo, lamentablemente, pero, este ano, as circunstancias fixeron que a situación se tornara ainda moito peor para as vítimas de violencia de xénero, que medra a pasos axigantados.
Primeiro foi a chegada da pandemia, que acaparou a máxima preocupación de todos e as medidas para tentar protexer a esas mulleres e mesmo menores que corrían un risco certo, principalmente aqueles que se atopaban confinados co maltratador, chegaron tarde e mal.
Desde Si,hai saída lanzamos a alerta desde o primeiro momento no que o estado de alarma foi decretado, pero foi inútil.
Pola contra, moitos deses "expertos" non dubidaron en gabarse do éxito acadado, dado que as denuncias diminuiran, sen ter en conta que a razón máis lóxica e tráxica para isto era que as vítimas estaban literalmente presas cos seus verdugos.
De novo alertamos do perigo cando o estado de alarma foi levantado.
Se algo incrementa a agresividade dun maltratador, é sentir que perde o control total e absoluto sobre a súa vítima, e o inicio desa nova normalidade, na que o confinamento xa non era a tempo completo, e elas terían un chisco máis de liberdade, era toda unha bomba de reloxería, pero de novo se fixeron orellas xordas.
Tampouco durante todo este tempo, e malia que o aumento do risco era evidente, se reforzaron as medidas de protección.
Nada máis lonxe da realidade, por máis que nos venderan o contrario.
Non sei se todas, pero si moitas comisarías seguiron coa Ufam pechada as fins de semana e festivos, ou, dito doutro xeito, sen persoal especialista en violencia de xénero, e mesmo os Puntos de Encontro Familiar pecharon, sen que se lles dera alternativa aos usuarios, polo que os implicados naqueles casos nos que existía risco, algúns mesmo con visitas restrinxidas ao interior dos PEFe vixiadas,quedaron totalmente abandoados, porque o CGPJ apelou a súa boa vontade!, e, por suposto, a aquelas mulleres que, de cotío, teñen que acudir a facer o intercambio dos menores con acompañamento policial, este lles foi retirado.
Pero non había problema. Ahí estaban de novo os expertos tirando de estatísticas e dicindo que todo ía ben... mesmo mellor do agardado!
Cando ainda estábamos tentando acostumarnos as novas rutinas que o virus nos impuxo, chegou a campaña electoral, e de novo os obxectivos prioritarios, e dicir, acadar votos, se impuxeron.
As diferentes forzas políticas estiveron tan ocupadas en tentar desacreditarse unhas as outras e en botarse as culpas mutuamente de todo o malo, que a violencia de xénero foi, unha vez máis, a gran esquecida.
Esta vez non foi nin siquera utilizada coma outras veces coma un dos "slogans estrela" da campaña.
Sinxelamente apenas existiu a eses efectos, tendo, eso si, o terreo perfectamente abonado para continuar medrando sen atranco ningún.
Rematou a campaña. Estábamos practicamente a mediados do mes de xullo, e, case de inmediato, comezaron as vacacións.
De novo, como cada ano, comisarías baixo mínimos, e cunhos efectivos máis dedicados a detectar desertores da máscara que maltratadores, departamentos de Ufam nos que falta persoal e que, por suposto, continúa sen funcionar as fins de semana, e unha máis que considerable liberdade de acción para os maltratadores, con ou sen antecedentes, que saben perfectamente que poden campar practicamente as súas anchas, porque poucos ou ningún atranco van atopar para agredir, e as consecuencias, de facelo, mínimas, se é que hai algunha.
Tamén algúns dos Puntos de Encontro colgarán en breve o letreiro de "Pechado por vacacións", deixando de novo a aqueles que precisan facer uso del, non esquezamos que por resolución xudicial, sen alternativa algunha.
Desprotección e indefensión para as vítimas, que non saben a onde nin a quen acudir, porque as opcións son escasas ou prácticamente inexistentes.
Este é o panorama actual e real que estamos a vivir no que atinxe a violencia de xénero, disimulado, eso si, coas eternas e ineficaces estatísticas.
A violencia de xénero atópase agora mesmo nun momento óptimo para medrar, para multiplicarse, e en Si, hai saída temos claro que, case con toda probabilidade, por desgraza, non nos defraudará.
O verán é, unha vez máis, unha ruleta rusa para as mulleres maltratadas, para os seus fillos, pero deso non hai estatísticas.
Sinxelamente, non interesa.
Asociación Si, hai saída