Marta Rodríguez Engroba
Indignación virtual. Non cansa e loce moito... e diso se trata
Teño que confesar que non me resultou nada fácil comezar a escribir este artigo.
Foron varios os intentos, e, en todos e cada un deles se me removía algo por dentro por varias razóns, e continúo sentindo o mesmo, pero vou tratar de explicalo do mellor xeito posible.
Estou a referirme a esas imaxes que inundaron as redes sociais, nas que se vía como unha muller era brutalmente agredida nunha rúa de Eibar pola súa parella, que despois de propinarlle unha brutal malleira, a acoitelaba en presencia do seu fillo, un neno de tan só catro anos, que tentaba, desesperadamente, defender a súa nai.
Sobrecolledor, sen ningunha dúbida .
Eu non fun unha excepción, e tamén me sentín moi afectada por esas imaxes, unhas imaxes que trouxeron a miña memoria, sen poder evitalo, unha noite de hai xa moitos anos na que vivín unha situación semellante.
Eu tamén sufrín unha brutal agresión por parte do mal nacido que era a miña parella naquel momento, e tamén un neno moi pequeno, meu neno, tentou salvarme.
Creo que non é difícil imaxinar como me sentín vendo e revivindo unha situación que, nun momento da miña, vida foi a mesma para min.
Pero non foi soamente eso, revivir tan salvaxe situación, o que me alterou sobremaneira.
Houbo algo máis.
Tan pronto como as imaxes foron publicadas nas redes, comezaron a xurdir os comentarios de indignación polo feito de que unha persoa estivera gravando a agresión e non deixara de facelo para defender a muller e chamar a policía.
Non serei eu, desde logo, se isto foi así, quen o dea por ben feito, obviamente, e digo se isto foi así, porque, unha vez máis, e como teño por costume, quero e debo ser prudente.
Eu non estaba alí, e non sei, porén, como se desenvolveron os acontecementos.
Non se me ocurre, por suposto, nada máis deleznable que presenciar unha agresión de tal calibre e ficar impasible, e, aínda por riba, gravala. Quen faga isto non merece ser chamado ser humano.
Pero hai algo que todo o mundo semella esquecer. O ataque, dunha brutalidade extrema, foi en plena rúa, a luz do día. Imposible non decatarse del, o que quere dicir que, ademais da persoa que estaba a gravar, case con toda seguridade, moita máis xente o presenciou, pero ninguén fixo, aparentemente,nada, nin para tentar axudar a muller e, non esquezamos, ao seu neno, nin para recriminar a quen gravaba.
E, agora, permitídeme unha reflexión.
O agresor, ou mellor debería dicir o animal, foi detido grazas a que a gravación permitiu identificalo.
Por outra banda, todos os que coñecemos de preto a violencia de xénero sabemos perfectamente o que, agás rarísimas excepcións, sucede cando unha muller, despois de ser agredida, acude a denunciar.
O argumento estrela co que a vítima é non poucas veces cuestionada é o de "non hai probas", acadando unha certa credibilidade se presenta lesións ou feridas, pero, ainda así, se non existen testemuñas, toca escoitar o de "é a túa palabra contra a súa", algo que doe tanto ou máis que a propia agresión e que a mentira de quen tentou matarte, que alegará unha caída, ou un golpe fortuito, e que son a causa de que non poucas vítimas de violencia de xénero desistan de continuar adiante coa denuncia, ou, de facelo, se acollan, cando chegan ao Xulgado, ao seu dereito a non declarar, e as máis que probables represalias do maltratador, a indefensión e a desprotección derivadas de non ser cridas, poden chegar a ser a súa sentencia de morte, un motivo, evidentemente, totalmente disuasorio de acusar ao seu agresor.
Pero non foi isto que acabo de expoñer o único que contribuiu a alterarme.
A guinda do pastel chegou da man dos múltiples comentarios que acompañaban as numerosas publicacións da agresión, todos eles de repulsa, de condena, ao agresor, si, pero principalmente ao autor da gravación.
A indignación estaba servida!
Evidentemente, non coñezo a todas as persoas que facían tales comentarios, e amosaban, ademais, unha "exemplar" implicación na loita contra a violencia de xénero, pero si a moitas delas, e eu si que sentín indignación, rexeitamento, e unha inmensa impotencia por non poder dicirlles a cara todo canto pensaba.
Acaso cren que hai tanta diferencia entre a persoa que gravou o vídeo e os que, por exemplo, escoitan cada día como ao outro lado da parede a súa veciña é agredida a diario, pero finxen ignoralo?
Pensan que é peor que os que coñecen o calvario da súa compañeira de traballo, da súa amiga, pero non fan nada?
Consideran que teñen unha maior solvencia moral os que cando súa filla, súa irmá ou súa amiga lles confesan o seu terror, o inferno que están a vivir xunto a súa parella, que non poden máis, lles din eso de "Muller, algo sempre hai que aguantar", "Ti non lle leves a contraria para que non se enfade", ou, peor ainda, "Aguanta polos nenos"?
E que opinan eses que dín, mesmo a min, "E que as mulleres agora non aturades nada. Isto pasou toda a vida!".
Ou os que vendo ou escoitando unha agresión, non son quen de levantar un teléfono e chamar a policía porque "Nas cousas de parella, mellor non meterse. ademais, se chamas a policía, despois todos son problemas".
Como se pode ser tan sumamente hipócrita?
Son moitas, moitísimas, as mulleres vítimas de violencia de xénero cuxo inferno é de sobra coñecido polo seu entorno, familia, amigos, compañeiros, algúns dos cales non dubidan en lanzar comentarios indignados contra as agresíóns machistas en público, nas redes sociais, ou mesmo chegan a participar, cando non a encabezar, manifestacións de repulsa e minutos de silencio, pero que non son quen de tenderlles unha man, nin moito menos, de denunciar ao agresor... Impensable!
Dan leccións de implicación, de loita, de feminismo!, pero nos eidos xustos, perfectamente escollidos e calculados.
Actos públicos, medios de comunicación, e, por suposto, redes sociais.
O xusto para lucirse, para aparentar o que non son, pero sen mollarse.
Se pola noite chegan as súas casas, e escoitan o choro da súa veciña, os berros da súa parella e os golpes, suben o volumen da tele.
Se ven que unha muller está a ser agredida cando camiñan pola rúa, rápidamente se desvían por outra, e simulan non ter visto nin escoitado nada.
Porque implicarse, indignarse, está moi ben, de feito é imprescindible para según e que cousas, pero intelixentemente, sen complicarse a vida, e facelo virtualmente, é unha das mellores maneiras.
Loce moito, non dá traballo, e, moi importante!, todo o mundo é testemuña da súa "indignación", porque, de non ser así, que sentido ten?
A cuestión é que a xente se entere.
As vítimas, axudalas cando o precisan, é algo superfluo, por eso, o seu é indignarse, implicarse, si... pero virtualmente!
Son, iso si, moitos mellor persoas que quen gravou a agresión, faltaría máis!
Asociación Si, hai saída