Marta Rodríguez Engroba
Primeiro, que tenten matarnos. As medidas, se hai sorte e sobrevivimos, despois
"Non existían denuncias previas".
Esta é a "frase estrela"que xa forma parte da nosa vida cotián e que escoitamos a maioría das veces nas que a violencia de xénero se cobra unha vida ou provoca feridas graves, as veces irreversibles, e non estou a referirme tan só as físicas.
Con esta frase, un sistema a todas luces ineficaz en materia de violencia de xénero, e, o que peor, que semella non ter visos de melloría, tenta xustificar o inxustificable, o que non ten perdón, o seu desleixamento ante un delito que trunca vidas e máis vidas de mulleres e mesmo de nenos e nenas sen parar, pero que segue a ser considerado menor, a gran mentira que nos están a contar tentando facernos ver que están a protexernos, e que, por suposto, a prevención non é algo que contemplen máis alá dunha consigna política, ou como titular ou pe de foto da entrevista de turno.
E non soamente eso. Con esa frase, "non existían denuncias previas", a responsabilidade por ser agredida é trasladada a propia vítima.
Asi lava as mans un sistema cómplice do maltratador, que non poucas veces, ante un delito de violencia de xénero, opta por mirar a outro lado, o que unido ao machismo que, por moito que tenten vendernos o contrario, ainda subxace nas institucións con competencias directas e fundamentais neste eido, nos colocan as mulleres ao borde do precipio, e case sempre con todas as papeletas para acabar caendo por él.
Pero, qué sucede cando a vítima si denuncia?
E, sobre todo, qué sucede cando, apelando a esa prevención da que tanto falan e que tanto recomendan nos medios de comunicacións, nos atriles dos seus mítins, os nosos políticos, as institucións as que antes aludía, ante unha serie de indicios, ou ameazas máis ou menos explícitas, malia que ainda non se consumara ningunha agresión, acude a denunciar, tentando evitar males maiores e manifesta o seu medo e a seguridade de que o ataque, máis cedo ou máis tarde se vai producir?
É atendida como esa suposta prevención indica que debe ser?
Son activados os mecanismos, protocolos, ou como se lles queira chamar, de protección precisos, ou, pola contra, nada se fai por mor dese outro argumento case tan empregado como o de "non había denuncias previas", o de "non hai probas"?
Son, somos, moitas as mulleres que, por desgraza, coñecemos a resposta, e se hai un caso no que isto se reflicte con toda claridade é o de Ana María, a muller de Sant Feliu de Guíxols, e a súa filla, unha nena de tan só cinco anos, as que a ex parella da nai rociou con sosa caústica.
Tamén a coidadora da nena foi atacada.
Ana Mª., ante o incesante acoso do home, presentou, non unha, se non varias denuncias.
Manifestou que a ameazaba con queimala e con sacarlle os ollos se non se ía con él, máis todo foi inútil.
Ainda non a queimara, e conservaba os dous ollos, polo que non había, seica, motivos para tomar medidas ao respecto.
Sei que haberá quen pense que o meu xeito de expresar isto é demasiado duro, pero é a realidade.
De feito, o maxistrado, co acordo da fiscalía e sen que o representante legal da vítima presentara recurso algún (tamén merece unha medalla!), desestimou unha orde de protección, porque consideraba que "Non se daban as esixencias para adoptala", tendo a precaución, eso si, de engadir a "aclaración" eximente de responsabilidade, "coa información entón dispoñible", porque claro, que unha muller che diga que alguén, ademais de acosala continuamente, ameaza con queimala e sacarlle os ollos, non é información abondo. Hai que agardar as evidencias.
Tampouco o representante legal de Ana María debeu considerar que abondaba o que a súa representada estaba sufrindo. Había que agardar, supoño, ata ter probas, como dí o manual.
Porque a vítima,a súa testemuña, é o menos relevante de todo.
Para eso están os que saben, os "estudados", que, son, polo que se ve, incapaces de asumir que quen mellor pode prever as reaccións dun maltratador somos as propias vítimas, por razóns obvias, e ese coñecemento non se adquire estudando ningunha carreira nin con todos os títulos e diplomas do mundo.
Hai algo que sempre reitero, sobre todo cando imparto algunha charla, que nunca me cansarei de repetilo ata a saciedade e que dedico a todos, pero moi especialmente aos Corpos e Forzas de Seguridade do Estado,e, por suposto, aos xuices : Cando unha vítima de violencia de xénero vos diga, "vai vir a por min", por favor, escoitádea e protexedea, porque nunca erra.
E, como era previsible, Ana Mª. tampouco errou, e, de xeito irremediable, as probas chegaron.
Ana María perdeu a visión do ollo esquerdo, ten o dereito afectado, e a cabeza queimada, xa que tentou protexer a súa filla, tamén con lesións, co seu corpo,cando o home as rociou con sosa caústica.
Están, ademais, as pegadas psicolóxicas, que non son unha cuestión menor e probablemente ficarán nas súas vidas xa para sempre, porque as pegadas da violencia machista nunca se borran de todo.
E agora si, agora chegou a orde de protección, despois de que nai e filla foran salvaxemente agredidas, e tamén a coidadora da nena resultara ferida.
O caso de Ana Mª. non é o único no que a vítima non soamente é cuestionada, se non que o seu medo, un medo con fundamento e baseado en feitos e ameazas reais, é minimizado, cando non ridiculizado, mesmo por quen se supón que debería defendela e esixir a protección a que ten todo o dereito.
Cando un famoso, un político, alguén, en resumo, relevante en calquera eido da sociedade, é ameazado ou acosado e se intúe que pode estar en perigo, ou, sinxelamente sentirse, él ou ela, e tal vez tamén os seus achegados, violentados por ese acoso, rápidamente se actúa en consecuencia, brindándolles vixilancia, protección, o que faga falta canto tempo sexa preciso, algo, por certo, que pagamos todos e cada un dos cidadáns, pero cando é unha vítima de violencia de xénero a acosada, cando o perigo que corre é evidente, e pide axuda, a maior parte das veces todo é inutil.
Nada vai conseguir sen non presenta sinais físicas de ter sido agredida, a, ainda así, as veces se pon en dúbida a súa credibilidade, algo que non sucede coa presunción de inocencia do agresor, que se respecta ata as últimas consecuencias, mesmo cando consuma o seu crime.
É un sistema tan viciado o que temos, que degrada de tal maneira as mulleres, que considera a violencia de xénero un "delito secundario", que da auténtico pavor ver como, xa non o resto de actores que interveñen cando unha vítima denuncia, se non mesmo quen ten a responsabilidade da súa defensa, sendo, porén, unha peza fundamental para que se lle dea a protección que precisa, demasiado a miudo non se toma a molestia de loitar por isto como debería facelo, nin moito menos ten conciencia de que está xogando con vidas.
Tampouco, por desgraza, teñen, estes personaxes, a mínima ética e profesionalidade para rexeitar levar estes casos.
Eles si os esquecen sen problema en cante saen dos despachos ou dos Xulgados, aos casos e as vítimas, vítimas algunhas que non sobrevivirán, e outras, todas, de feito, quedarán marcadas para toda a vida.
E unha vez máis me vexo na obriga de aclarar que non meto a todos os profesionais no mesmo saco.
De feito, síntome unha auténtica privilexiada e dou grazas cada día por ese magnífico equipo que integra Si, hai saída, que é a antítese do que acabo de describir, e que, por desgraza, existe.
En pleno século XXI, e malia a toda a literatura que nos están a vender, para que a nos, as mulleres, as vítimas de violencia de xénero, se nos dea credibilidade e se nos protexa, primeiro teñen que tentar matarnos, e despois, o de tomar medidas, o da protección, se sobrevivimos, xa se irá vendo.
Asociación Si, hai saída