Tribuna Viva
Carta da Asociación de Canteiros de Poio-Pontevedra: Competencia desleal e maltrato á paisaxe
A atención dos/as alcaldes/alcaldesas e representantes políticos:
A Asociación de Canteiros de Poio foi creada no ano 2008 por ex-alumnos/as da Escola de Cantería co obxectivo de reclamar a homologación das titulacións que se expiden na citada Escola pertencente a Deputación de Pontevedra.
A Escola de Cantería leva máis de 40 anos de funcionamento. É unha Escola na que os/as alumnos/as reciben máis de 4.600 horas de estudos durante 5 anos. A Escola actualmente expide dous títulos, un de Canteiro/canteira unha vez superados os 3 anos de formación e outro título de Mestre/a Canteiro/a ao superar os cinco anos de formación.
Queremos deixar ben claro que, estes dous títulos que ven expedindo a Escola dende os seus inicios e ata o momento presente non están Homologados polo Ministerio de Educación, e que polo tanto non teñen validez curricular a hora de inserirse no mercado laboral, non serven como formación regrada para apuntarse no INEM ou non puntúan nun proceso selectivo.
Pola contra, os/as alumnos/as que se formaron na Escola teñen un bo nivel formativo e de execución de traballo e moitos/as deles/las actualmente atópanse traballando en monumentos tan importantes como o Capitolio, Big Ben, Sagrada Familia, Catedral de Santiago, etc.
Analizando o momento actual, somos conscientes de que os oficios tradicionais non teñen un relevo xeneracional, especialmente o oficio de canteiro/a, este relevo e importantísimo para que o noso patrimonio pétreo se conserve. A asociación, consciente desta situación, que non e aleatoria, senón que ten relación con non ter unha Escola de Cantería que cumpra coa formación regrada e expida títulos homologados,(cada vez a Escola ten menos alumnado debido a esta situación, chegando a mínimos históricos que perigan a súa continuidade) está loitando para que a Escola se converta nun centro de F.P. por educación, con titulacións de grao medio para o título de Canteiro/a e grao superior para Mestre/a Canteiro/a.
Outra das demandas da nosa Asociación e reclamar que a Escola de Cantería deixe de utilizarse polas institucións , nomeadamente polos Concellos da Provincia de Pontevedra e pola Deputación Provincial, como fornecedora de obra pública, tanto escultórica como de calquera outro tipo. Esta reclamación ten dous obxectivos, por un lado evitar que os/as alumnas da Escola sexa "utilizados/as" como man de obra barata, obrigados/as a realizar estas obras, interrompendo o seu plan de estudos existente para realizar obras para uso público. O cal repercute na pobreza da súa formación. Non se da esta situación en ningún outro centro de formación regrada dependente da Consellería de Educación. Non coa asiduidade coa que se veu facendo ao longo dos anos na Escola e tamén coa opacidade. Porque se ben nós entendemos que a Escola podería ter colaboracións puntuais con algún organismo público, estas terían que ser claras, publicas e puntuais, sempre tendo en conta a formación do alumnado. Cremos dende a Asociación, que a Escola remataría con esta situación de ser un organismo con formación regrada.
O segundo dos obxectivos desta reclamación e denunciar que se esta producindo COMPETENCIA DESLEAL ou mesmo que se estea a incorrer nun delito, dende os propios organismos públicos. As obras públicas, escultóricas ou de calquera outro tipo deben de saír a concurso público. Isto e o que marca a lei. Se observamos a nosa contorna, vemos a cotío en prazas, rotondas e outras zonas dos nosos Concellos obras en granito da Escola de Cantería. Estas obras son realizadas con coñecemento da Deputación desta situación irregular e con fins político-electoralistas, e o que consideramos máis grave, elaboradas obrigatoriamente polo alumnado da escola, interrompendo o plan de estudos existente. Non podemos permitir que a Escola de Cantería se converta nun aserradoiro, nin ten moito sentido que se estean formando profesionais por un lado e quitándolles o traballo por outro.
Nesas condicións, calquer exalumno/a autónomo/a, ou empresa do sector ten moi complicado competir con encargos realizados con DIÑEIRO PÚBLICO destinado á educación e ao funcionamento do centro. Así mesmo queremos denunciar e poñer en alerta aos Concellos, de que se están realizando obras sen uns míninos criterios estéticos que deterioran a nosa contorna. A aldea rural de Meis, os carneiros ao espeto de Moraña ou o conxunto escultórico do Grove, son algúns dos exemplos que cremos supoñen un MALTRATO á PAISAXE, e un indicio do baixo nivel cultural tanto da dirección da Escola, como dos políticos que realizan estes encargos. Coidar a nosa contorna supón unha grande responsabilidade, xa que estas obras perdurarán por moitos anos. É o noso patrimonio, e debe ser creado e mantido por profesionais que dignifiquen o oficio de canteiro, tan significativo para a cultura Galega. Polo tanto, pedimos aos plenos dos Concellos:
1- Un acordo plenario para reclamarlle a Deputación que inicie os tramites precisos para contactar coa Xunta e ao mesmo tempo co Goberno Central, para que entre os tres organismos implicados resolvan homologar a titulación da Escola de Cantería, de xeito inmediato.
2- Un acordo unánime do pleno do Concello para :
a- Non aceptar obra publica cedida pola Deputación de Pontevedra que sexa executada polo alumnado da Escola de Cantería, ou que non teña unhas bases publicas claras para a súa execución.
b- Comprometerse sempre a someter a concurso público a concesión de execución de obra escultórica pública.
Asdo. Manuel Sestelo (presidente da Asociación Canteiros de Poio Pontevedra) e Xavier Dieguez (vicepresidente)