Tribuna Viva
A Plataforma veciñal Ponte Sampaio-Canicouva denuncia a retirada dunha pancarta
A Plataforma veciñal Ponte Sampaio-Canicouva quere denunciar a retirada da pancarta que instalou na fachada do centro médico de Ponte Sampaio na que reclamaba a reapertura da instalación para a atención dos veciños e veciñas das parroquias do sur de Pontevedra.
Segundo a información da que dispón a Plataforma, a pancarta foi retirada da fachada por orde do Sergas logo da visita do vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda as súas instalacións.
A Plataforma critica que a retirada se producira desta maneira, por decisión política e coartando a liberdade de expresión dos veciños e veciñas que aínda reclaman o retorno do médico á consulta.
Logo da presión veciñal, este luns incorporouse a ATS ao centro médico pero os veciños e veciñas aínda solicitan que se incorpore o médico, obxecto polo cal permanecía a pancarta na fachada do consultorio. De feito, non descartan volver a instalala e manter a presión para que volva o facultativo.
A Plataforma tiña recollidas, nun só día, 610 sinaturas coa petición da reapertura do centro médico. Cabe lembrar que a alternativa da poboación era achegarse ao centro médico Virxe Peregrina, no centro da cidade de Pontevedra, nun momento no que estaban moi limitados os desprazamentos e tendo en conta que os usuarios máis habituais son os veciños de máis idade.
PLATAFORMA VECIÑAL PONTE SAMPAIO - CANICOUVA