Marta Rodríguez Engroba
Ata cando nos van seguir mentindo?
A estas alturas, cando xa levamos seis anos de actividade nos que temos vivido case de todo, en Si, hai saída, comezamos a preguntarnos seriamente se nos están a tomar por parvos, unha dúbida que medrou de xeito importante desde que comezou a pandemia, co conseguinte confinamento e un risco algo máis que elevado para unha gran maioría de vítimas de violencia de xénero.
A pregunta non é unha ironía, nin unha frase feita, nin tampouco unha teima que se nos meteu na cabeza, se non o resultado de comprobar unha e outra vez con que descaro se maquilla a realidade da violencia de xénero, e cantas mentiras se contan ao respecto, en función dos intereses que primen en cada momento, case sempre, iso si, políticos e económicos.
Desde que comezamos a nosa andaina, tentaron vendernos que a loita contra a violencia machista se baseaba na unión, que sociedade, institucións e colectivos tiñamos que camiñar da man, que todos traballábamos na mesma dirección, e que, de feito, así se estaba a facer, e tan ben o venderon, que, a verdade, durante algún tempo chegamos a crelo, pero pronto nos decatamos de que, a medida que se ía vendo que non nos movíamos na mesma dirección, na que se supón é a "correcta", que non íamos a procura de nada que non fora facer o noso traballo, e que, por suposto, sempre estábamos abertos a apoiar, a colaborar e a axudar a quen o desexara, máis sen deixar de lado a nosa independencia, un ben tan prezado coma a nosa fe no traballo que estamos a facer e nos obxectivos que nos marcamos, as cousas comezaron a mudar.
Si, hai saída xa non sempre era ben recibido, nin ben tolerado.
Non gustaban, e seguen sen gustar, as denuncias de tantas eivas como existen no eido da axuda e protección as vítimas de violencia de xénero, e, lonxe de escoitarnos e permitirnos explicar que o noso propósito non é facer a guerra, nin tampouco a competencia a ninguén, que soamente pretendemos transmitir as necesidades, os medos, destas mulleres, que vivimos cada día en primeira persoa, e contribuir así a palialos, na medida do posible, precisamente coa axuda de quen ten potestade para facelo, a opción elixida foi a de tentar neutralizarnos, calarnos e mesmo sacarnos da circulación.
A nosa foi, desde ese momento, unha auténtica carreira de obstáculos, inzada de puñaladas polas costas, e de campañas de auténtico desprestixio, indignas, desde logo, daqueles dos que procedían, e proceden, e que se supón deberían ser referentes.
Mesmo se recurrio a algunha descualificación persoal cando se considerou que podería ser útil.
Unha mágoa, desde logo, que non empregaran o tempo e as enexias invertidas en desacreditarnos e en facernos dano en traballar para mellorar a axuda, a atención e a protección que as vítimas precisan e que en non poucas ocasións deixan bastante que desexar.
Malia isto, sempre deixamos claro que estamos ahí para canto sexa preciso, e que a nosa disposición para axudar vai máis alá das posibles diferencias, que nunca impedirán que o fagamos, se está nas nosas mans.
Que non sexa aceptada é algo que non podemos evitar.
Coa chegada da crise do coronavirus e o risco certo que implicaba para moitas mulleres que están a sufrir unha situación de malos tratos, entendimos que agora si que non había outra opción, que a unión era o único xeito de axudalas e tentar protexelas do mellor xeito posible era a obriga de todos cantos, dun ou doutro xeito, intervimos nesta tarefa, e que non había lugar nin era o momento para as diferencias, algo que demos por sentado que, por puro sentido común e humanidade, sería compartido por todo o mundo, polo que, de inmediato, nos puxemos a disposición de todas e cada unha das institucións e organismos, entendendo que o noso trato directo coas vítimas e unha xa bastante longa experiencia poderían ser de utilidade.
Foi inútil.
O ninguneo e mesmo na maioría dos casos, a falta dunha elemental cortesía para, polo menos, contestar, foron a nota común.
Día a día, observamos, totalmente abraiados, como desde os medios de comunicación daban conta dunhas medidas promovidas polo goberno que case blindaban a estas mulleres, e que as que están con Si, hai saída, as que puideron estar en contacto con nos, porque non para todas foi nin está a ser posible, preguntaban, angustiadas, onde estaban esas medidas, porque elas non as vían por ningunha parte.
Sinceramente, nos tampouco.
A realidade que nos está a tocar vivir, é ben diferente, e, desde logo, nada ten que ver con ese despregue que nos contan nos medios.
Non sei se en todo o pais acontecerá o mesmo, pero mentras as institucións seguen manexando estatísticas, números e porcentaxes, polo menos na nosa cidade o que estamos atopando é, por unha banda, malia a situación tan grave que estamos a vivir e o repunte de violencia de xénero que as propias institucións recoñecen que se está a producir, algo lóxico, dada a situación de confinamento, unha comisaría que continúa sen persoal especializado en violencia de xénero as fins de semana, o mesmo que os días festivos, precisamente cando máis conflictos se xeneran, e máis nestas circunstancias, malia asegurar estar dispoñibles as vintecatro horas os trescentos sesenta e cinco días do ano.
Un sistema que deixou un absoluto baleiro no que atinxe ao reximen de visitas de menores, malia ser de todos sabido que este é un dos principais focos de tensión, encomendando o CGPJ a solución a "boa vontade" dos proxenitores, coma se fora tan doado!.
Un xeito indigno e intolerable de botar balóns fora.
Un Punto de Encontro pechado, e sen que ninguén se tome a molestia de contactar cos usuarios, nin menos ainda se lles ofrezca unha alternativa para realizar o intercambio dos menores, de ser preciso, nin siquera para aqueles que por atoparse en situación de risco, teñen as visitas vixiadas dentro dese Punto de Encontro, nin para as nais que sendo vítimas de violencia de xénero precisan de cotío acudir a facer a entrega acompañadas por un policía.
O enorme perigo que en moitos casos isto implica non semella ser motivo de preocupación para ninguén e todo o seguimento que se está a facer limitouse, nalgún caso, a dúas chamadas nos máis de dous meses que xa levamos de confinamento por parte do policía asignado para a súa "protección".
Dous meses é tamén o tempo que transcurriu ata que foron chamadas para informalas da posibilidade de instalar a aplicación AlertCops nos seus móbiles, e que, segundo o goberno, comezou a funcionar desde o primeiro momento no que se decretou o estado de alarma.
Quebrantamentos de ordes de afastamento as que ninguén acude, porque o traballo é moito, seica, e non se pode perder tempo no que, ao mellor, é unha falsa alarma.
Ante a dúbida, mellor pasar.
Mulleres nunha situación de suma precariedade, que, malia pedir axuda, se ven perdidas mergulladas nun mar de burocracia, que lles esixe unhos requisitos imposibles de cumplir para moitas delas e que as abocará a miseria máis absoluta.
A lista non remata aquí.
Podería seguir, máis creo que o xa exposto reflicte perfectamente a gravidade e o intolerable da situación.
Qué credibilidade pode ter un sistema que, nunhas circunstancias tan extremas coma as que estamos a vivir permite situacións de tal desleixo, de tanta irresponsabilidade, mentras se gaban nos medios da protección que están a brindar, do ben que o están a facer?
Claro que non interesa que os que coñecemos a verdade falemos!.
Hai que tentar calarnos como sexa, impedir que se coñeza a realidade, e, por suposto, que se desluzca a carreira de cara as eleccións.
Da medo, verdadeiro medo, pensar o que pode pasar en calquera momento, mentras nos seguen tentando distraer co continuo baile de números e as súas eternas estatísticas que non se traducen, evidentemente, en melloras.
Por eso, porque temos medo, porque vemos a realidade de preto, porque as vítimas, os seus fillos, non están a ter nin siquera agora, cando máis a precisan, a protección e a axuda a que teñen todo o dereito,unha e outra vez nos preguntamos, ata cando nos van seguir mentindo?
Asociación Si, hai saída