Antón Roel Villanueva
Os Maios no tempo da pandemia
Aquí seguimos no confinamento, vendo como pasan os días paseniño, imaxinando o que imos facer cando todo pase, mirando o verde desde a xanela dos freixos.
Con tristeza penso que, a que para min é unha das festas máis fermosas, a festa dos Maios non imos poder celebrala.
Era o tempo cando toda a primavera collía na Praza da Ferrería feita de pedra e camelia.
Como agora sóbranos tempo para a nostalxia lembro con agarimo os dourados días da infancia cando formei parte daquela fermosa historia.
A festa dos Maios é poesía, laranxas, fiuncho, ovos, panpullos, calas e flores. Era aventura cando iamos ao río dos Gafos onde os do barrio da Virxe do Camiño tiñamos a nosa despensa. Á saída da escola de Álvarez Limeses, carrexabamos as ramas das árbores para o armazón e vimbios para atalos, todas as veciñas protestando porque daquela os camiños eran de terra e levantabamos nubes de po que manchaban a roupa que tiñan a clarear nas beiras do río.
As mozas eran as encargadas de coller as flores ventureiras para despois xunto cos ovos laranxas e margaridas e pampullos enfiar nun cordel para confecionar os colares e abelorios para a coroa.
Existen dúas datas do ano cando a Ferrería transfórmase: unha é que a Festa dos Maios onde é un verxel co aroma a flores e rosca e no aire a poesía das letras das coplas, outra é en novembro no día de Todos os Santos cando a praza é un mar de crisantemos e o aroma das castañas asadas.
Van pasando os día do tempo do silencio e cada vez cústanos máis. Agora, sen tempo non era, os nenos van poder saír un pouco, eu que fun un neno da rúa sei o dificil que é para pais e nais estar todo o día sen poder sacalos dos pisos e como ter xilgaros nunha gaiola, cando volvan ás casas dos seus paseos contarannos o que sente ao pasear en liberdade co vento na cara e o sol acariñando.
Se van polo paseo do río dos Gafos contaranos se xa floreceron os lirios e as mapoulas, oxalá que neste ano aínda podamos ir cos de Vaipolorio a limpalo aínda que sen a nosa presenza, que o emporcamos todo, supoño irá máas limpo.
Din que agora baixou moito a contaminación das cidades, oxalá que cando salgamos siga así e volvan os estorniños e os gorrións, e o aire sexa mais puro e que, sobre de todo, aprendésemos a lección de que o que máis importa é a nosa saúde e salgamos desta un sendo un pouquiño mellores persoas e respectemos máis a natureza e a toda a xente que se está xogando a vida por nós.
Moito ánimo e afouteza. Entre todos ímolo lograr.