Pedro J. Peón Estévez
Meteoroloxías e outras manías
Falar do tempo (meteorolóxico) foi, de sempre, un recurso do que a humana xente botamos man naquelas ocasións nas que non temos de que, ou non nos convén, falar. É o que en castelán se chama sairse pola tanxente, andar polos cerros de Úbeda ou botar balóns fóra. Eu tan só o fago por cambiar de tema ou, o que é o mesmo, por distender. Vamos ó conto.
Como queira que un non ten un curmán químico, ándolhes ben preocupado por isto do cambio climático ( pregúntome eu ata que punto un químico, curmán ou non, pode saber desta temática ). Será ese mesmo o que informa ó "non grato" sobre cando escampará para ir corricar pola urbanización adiante a falta de "roteiro da auga e da pedra"
É venme á memoria aquel outro Mariano, pero Medina, da televisión en branco e negro que co seu saber e experiencia atinaba máis que que os actuais, malia utilizaren estes, satélites, guepeeses e demais parafernalia tecnolóxica. Vaia unha saudosa lembranza para o entranhable científico coas súas isobaras, o barco J, o barco K e o seu savoir faire de grande profesional…todo un mestre. Lembro de paso ó noso docto paisano Don Santiago Pemán que desde o ecrán da T.V.G. tanto nos aprendeu. Grazas de corazón don Santiago; desde que vostede falta, non volveu chover a gusto de todos. E xa metido en meteoroloxías e televisión, vénhenme á cabeza un par de cuestións: Unha. Nas tempadas vacacionais chamadas altas, as televisións espanholas (todas) amosan as soleadas costas mediterráneas. Pero hai veces en que no Mediterráneo hai temporal e en galiza gozamos dun clima excelente. Daquela calan coma putas!, pero é por facernos un favor, non sexa que nos invadan os chairegos en avalancha coma se fuxiran do coronavirus.
Outra. A pesar das moitas relacións de todo tipo que mantemos ca vecinha Portugal, as televisións (todas!!!) deixan a ese país en branco nos partes do tempo pintando unha península Ibérica surrealista, mutilada. Que é o que pasa? É que os ventos, nubes, precipitacións ou temperaturas paran na fronteira como se tiveran algo que declarar? É que Portugal carece de clíma? Certo é que a ninguén que viaxe ó pais vecinho se lhe ocorrirá consultar o tempo na televisión pero, coma así, cómpre unha pouca dignidade, un mínimo respecto. Vendo ese Portugal albino estoutro día na tele, dicía un senhor que andaba por alí: "La culpa es de su gobierno de rojos que le ha quitado hasta el color"
Por incrible que poida parecer, seica onde máis chove é na serra de Grazalema, EN CÁDIZ !, despois en Vigo e Pontevedra e aí xa me parece melhor. Vigo está ben desenhada para evacuar os enxurros cara o mar e Pontevedra case. Pero chover, o que se di chover foi cando o dioivo universal con Noé maila gabarra xigante que fixera por orde de Jehová. Estoutro día alguén do goberno falou de crear arcas de Noé e vai Casado, esa criatura tan lista, sen consultar nin máster nin cománder e dille: "A arca fíxose antes do dioivo e non despois" Ai claro! Pero é que Noé tinha información privilexiada, aínda así tardou cen anos en rematala, pero ténhase en conta que para armar semelhante gabarrón a base de serrote, aixola e garlopa, fai boa falta o tempo. Seica choveu sen acougo perante corenta días e as suas noites e só parou cando dixo Noé, aborrecido de tanta chuvia, aquela frase tan galega clamando ó ceo: "Xa podía chover merda que, polo menos, estercaba as leiras". Desde entón os expertos levan séculos á procura de reliquias da tal arca e non saben, os moi burros que a Arca de Noé está na Rúa Rosalía de Castro número 14.
Os catro componhentes clásicos da materia ( Sol=lume, terra, aire, auga ) son os actores principais da meteoroloxía. E son clásicos porque xa foran establecidos polo lumbreira de Aristóteles, auténtico Perogrullo da antigüidade, sabio de "chichinabo" torpe pero útil.
O cuarto elemento,a auga, sen ser violento de seu e un ben escaso ademais, é protagonista das meirandes catástrofes naturais: aludes, sarabiadas, riadas, tempestades…Cobre a meirande parte do planeta en estado sólido nas grandes extensións xeadas, líquido en oceanos, lagos e ríos e gasoso nas nubes. Disque en Galiza temos máis de cen palabras para nomear a auga e é certo. Ben; non fai falta saber de ciencias pois basta co refraneiro pouplar para entender de climas ( de climas, non de clímax ) botando man de refráns, mesmo casteláns como "Cuando el grajo vuela bajo, hace un frio de carajo" que na versión galega di: " Cando voan baixo os abelhóns, fai un frío de c…..non vexas o frío que fai ! Ou estoutro: "Si llueve en Agosto, frío en el rostro", neste caso nós temos este: "O pasar a Peregrina, inverno encima" Tamén se soe usar "Abril, aguas mil" pero o noso é mais potente: "Abril abrilote, todos a flote" e ademais: "Nin casa en sombrío nin horta xunta o río" ou mesmo: "Ríos e caminhos, malos vecinhos" "Aurora roiba, ou vento ou choiva". Este si que é bo: " Auga pura do Lérez, vai suxa ó mar nos Praceres "
- Ese é un refrán galego?
- Desde hai un tempo para acá, si.
E máis nada a non ser dicir que a palabra chuvasquero é de orixe galego, pois deriva de chuva. Que as riadas non son tan malas pois sacan toda a merda a flote e lavan os caminhos e xa para rematar, voulhes deixar uns versos alusivos ó tema do gran poeta xaponés Shinosuke Nohara:
"Chove sen fin e ti estás lonxe de min…
Ai como chove
Ai como venta
Como se molha a tía Vicenta.
Ai como venta
Ai como chove
Como se molha o tío Xacobe.
Pois iso.