Pedro J. Peón Estévez
+ Cine por favor
Recén finou o xenio autor desta frase. Que os deuses o tenhan na sua Albanta persoal pintándonos solpores de sangue e albas de sangoenta prata; a vida e a morte nun todo; bodegón excesivamente realista: unha pluma, un pincel, unha guitarra…palmeiras e madronhos.
Dado que encho o confinamento con moito cine, acordei retomar o tema coa maxistral película daquel xenial nugalhán que foi Ibáñez Serrador: La Residencia, un filme sinxelamente maxistral, icónico, sublime e, por suposto, infravalorado, de cando Stephen King aínda facía palotes. Contén unha escea de descarnada dureza a cárrego da entón xovencísima actriz Cristina Galbó que é a melhor mostra de interpretación que eu tenho visto, endexamais, proxectada nunha pantalha. Naquela residencia pasaban cousas estarrecedoras pero, claro, era unha obra de ficción. Nas residencias reais non acontecen tales cousas…ou si ?
Falando de residencias, pero da terceira idade, alguén me pode dicir que pasou con aquel programa de Chicote arredor da alimentación dos maiores internados ? Aquilo cheiraba moi mal, e mesmo fisicamente, a xusgar polos atrancos,evasivas e amagos de ameazas por parte de cert@s exaltad@s. Algo de verdade tinha que haber pois o programa desapareceu de socate sen ningún tipo de explicación. Quen sabe. Algunha lei mordaza non escrita. Hai centos.
Á vista do rosario de cadaleitos que saen a diario das residencias de anciáns, algún malpensado pode sospeitar que alí endentro, a resgardo de olhadas curiosas, estase levando a cabo algún tipo de "solución final”. Eu coido que non. Sería demasiado macabro. Agora ben; certo abandono, desidia, desatado afán de lucro, etc. non diría eu que non.
O caso é que os centros propiedade da muntinacional DomusVi non dan abasto. Os mortos acumúlanse sen ningún tipo de supervisión por parte da Administración pública dado o tradicional hermetismo deste grupo e a ameaza do virus que impide o achegamento de familiares e autoridades. Os relatos dos familiares destes anciáns son sobrecolhedores e por forza tenhen que ser certos pois non hay mente, nin a máis febril, que sexa quen de imaxinar tanto horror.
Por máis sensibleiros que se queiran por explotadores e políticos, as residencias son un negocio, isto é un feito e nada tenho que objectar sobre elo. Pero aínda nos negocios hay que observar unha ética e unha moral, máxime cando se opera con seres humanos, como é o caso. Quen dirixe ten a obriga de conhecer a cada un dos internados, interesarse polas suas demandas e tratalos con respecto. O persoal debe estar ben cualificado e desmpenhar o seu trabalho con celo e boas maneiras. E para que todo isto se cumpra hai unha Administración (Xunta) para que comprobe, corrixa e sancione se fora preciso. Sobre todo cando esa Administración é a mesma que otorgou a concesión.
Neste asunto exisen dous tipos de víctimas: os internos e o persoal coidador. Os internos son senhores e senhoras que tenhen DEREITO a seren atendidos e ben atendidos. Insisto sobre isto para que quede fóra de toda dúbida este concepto: os anciáns e anciás son sempre persoas respectables e dignas , polo tanto, da melhor atención. Doutra banda, xs trabalhadorxs deben de ser suficientes e eficientes. A empresa di que son sufucientes e a Xunta di que amén. Pero a verdade é que o persoal afirma que son poucos, con turnos de trabalho abusivos e que non disponhen de protección para defenderse do virus e a proba e que xa hai demasiados contaxiados entre eles. Como se explica entón que o alcalde de Cotobade ande repartindo mascarinhas a esgalha? Como as ten el e non quen corre alto risco de contaxio? E a empresa non está obrigada a por os equipos de proteción pertinentes a disposición do persoal? En canto a que o persoal é escaso é un problema da Xunta como responsable da concesión e que está na obriga de esixirlhe á empresa un aumento de plantilha pero, claro, como vai ir en contra dos intereses do seu protexido? Ademais o ter que contratar máis pesoal podería facer que o seu principal propietario, o francés YVES JOURNEL, baixara algún posto no ranking dos máis ricos de Francia e iso si que sería un problema grave.
O caso é que, entre que a empresa non quere dar información ós medios e algunhas comunidades autónomas falsean os datos, a cousa anda bastante enmerdada, e máis que vai a estar. Os de certo partido están pillados na alhada e reaccionan coma sempre: a base de confusionismo folloneiro. É a estratexia do ventilador que espalha lorda urbi et orbi con moito ruído. O verse pilhados nas patacas explica a présa que tenhen os reaccionarios por chimpar ó tandem Sánchez-Iglesias a calquera prezo. Quen nos dera unha dereita civilizada coma a de Portugal! Pero iso é como pedir peras ó eucalipto.
Agardo que unha das cousas que se leve o virus por diante sexa o chascarrilho tan sobado ese de que as privadas son melhores. Espero que este virus arrample coa falacia do privado e ponha en valor o público, o común. Pero para iso non necesitamos virus ningún. Iso podemos facelo nós. Só fai falta que queiramos.
Historias de residencias todos conhecemos e todas son tristes pero esa é unha das cousas que tenhen que cambiar para que ninguén poida secuestrar ós maiores impunemente. Se as residencias van ser centros de exterminio, entón será cousa de botalas abaixo. Os xitanos non tenhen garderías nin asilos e hai que ver como coidan uns dos outros. Hai quen fala de recuperar a tribo… e pode que non lhes falte razón.
Antes de rematar, un aviso a navegantes conservadores: se matades ós velhos a ver quen vos vai a votar nas vindeiras. Non sei se o pensastes.
O noso inesquecible John Balan era, entre outras cousas, un visionario. Mágoa que finase antes de rodar a súa derradeira película " El asilo de los viejos perros malditos " tal e como deixara dito naquela memorable noite no Principal. Loor, velho amigo.
Se intentan averiguar quen é o verdadeiro propietario do grupo DomusVi ténheno crúo. Iso está máis blindado que o contrato do arquitecto da cidade da cultura. É un enrevesado chiringuito onde o único nome de persoa é o do franchute de antes, o resto non hai por onde colhelo, unha sanfransia de sociedades transnacionais ben amalgamadas. A Xunta, que os contratou, ha de sabelo. Pois se o sabe que o diga, caralho! Moito me temo que aquí hai poucos enterradores e moitos a botar terra.
Máis cine, por favor…O gran Chicho I.S. aínda rodara máis unha película. Coido que se titulaba " Quién puede matar a un niño?” Ou era a un velho? Non recordo… hai tanto tempo xa…