Julio C. Piñeiro
Crítica de cine: El Profesor (Detachment)
El Profesor (Detachment)
DIRECTOR: Tony Kaye
GUIÿN: Carl Lund
MÿSICA: The Newton Brothers
FOTOGRAFÍA: Tony Kaye
REPARTO: Adrien Brody, Christina Hendricks, Sami Gayle, Marcia Gay Harden, James Caan, Lucy Liu, Bryan Cranston
Dura e elaborada radiografía das profundas lagoas da sociedade occidental contemporánea, tendo como núcleo os desafíos e ameazas, crecentes, dun dos seus supostos pilares: o sistema educativo. A estética da realización e a forma narrativa achéganse ao docudrama, cunha especie de relato paralelo que opera a modo de voz en off. Argumento cunha gran vixencia e pertinencia coa axenda social e política actual: dende os progresivos recortes, privatización e precariedade da educación ata as crises de identidade e autoestima dos adolescentes na era da hiperactividade dixital e o consumo masivo. O realizador, Tony Kaye, volta así en serio ao terreo da ficción, tras moito tempo á sombra do alto listón que se marcou co seu debut, a tamén controvertida pero sobresaínte American history X.
Gran traballo de Adrien Brody, outro que tamén leva un certo tempo á sombra da súa maiúscula interpretación en O Pianista, de Polanski. Un chisco sobreactuado nalgún que outro intre, pero soportando sobre as súas costas a práctica totalidade do metraxe. Acompáñao unha interesante mistura de actores amateurs, veteranos secundarios (James Caan, Blythe Danner, Marcia Gay Harden ou o tamén destacado Tim Blake Nelson) ou os televisivos Christina Hendricks (a voluptuosa secretaria roxa de Mad men), William Petersen (o axente Grissom de C.S.I.) e Bryan Cranston (abnegado pai de familia en Malcolm e narcotraficante á forza en Breaking bad), desencansillándose dos seus respectivos personaxes que lles deron a fama.
Crítica ampliada en EnClave de Cine
Trailer de El profesor (Detachment)