Tribuna Viva
Os olvidados
A avogacía e a procuradoría están nun limbo. Nin traballamos, nin podemos deixar de traballar. Estamos catalogados como servizo esencial, e así debe ser para garantir o dereito fundamental á defensa, pero non á conta de nosa propia indefensión. Atendemos dúbidas e consultas dos nosos clientes, e seguimos tramitando os poucos procedementos declarados urxentes, pero a maior parte dos asuntos xudiciais e administrativos están paralizados, polo que sen ingresos nin axudas debemos afrontar todos os gastos, salarios, cotas e impostos habituais.
Cando esta emerxencia sanitaria por fin termine, sabemos que a nosa situación será tan precaria como a dos nosos clientes, pero cun agravante: as mutualidades da avogacía non están a cubrir o cesamento de actividade nin a diminución do 75% dos ingresos, e os compañeiros que cotizan polo RETA non poden acollerse ao cesamento de actividade ao estar declarados como servizo esencial, polo que á actual desprotección haberá que engadir unha longa lista de falta de pagamentos e a xa tradicionalmente insuficiente remuneración da Quenda de Oficio.
Much@s compañer@s, ante a gravidade da situación, dirixíronse estes días aos seus Colexios, aos Consellos Xerais da Avogacía e dos Procuradores, e por suposto ás Mutualidades, obtendo no mellor dos casos respostas evasivas, e nas peor denegacións ou silencio.
Non estamos a pedir privilexios, só que se nos axude a subsistir en igualdade de condicións que o resto dos cidadáns, polo que reivindicamos:
- Articulación efectiva dos medios de protección necesarios para a realización das actividades consideradas esenciais.
- Exoneración das cotas de Autónomos, Mutualidades e Colexios profesionais mentres estea vixente a declaración de Estado de Alarma, así como a flexibilización do abono das cotas nos 12 meses seguintes á finalización da devandita declaración.
- Eliminación das franquías aplicadas polas Mutualidades na cobertura das baixas médicas por Covid-19 .
- Equiparación de mutualistas e autónomos nas medidas de protección actuais e futuras.
Somos un colectivo máis de traballadores, e como tales apelamos ás palabras do Sr. Presidente do Goberno: "Non deixaremos a ninguén atrás".
Grupo de avogados da provincia de Pontevedra. #AbogacíaMaltratada