Marta Rodríguez Engroba
Perplexidade explícita (a miña)
Cando penso que a miña capacidade de asombro xa chegou ao máximo e que xa nada me pode causar asombro, non falla!, xorde algo, ou alguén, que se encarga de desmentirmo, e que supera, case sempre, a canto mo causou anteriormente.
Esta vez, o motivo foi a nova lei de liberdade sexual, a cal recolle que, a partir de agora será considerado agresión sexual todo acto que non conte co consentemento explícito da muller, algo que, a priori, soa moi ben e moi lóxico, pero a pregunta máis consecuente é, creo eu, como define a lei ese consentimento?.
E, ante tal dúbida, rápidamente a nova ministra se prestou a disipala, aclarándonos que "Ten que existir, por parte da muller, un acto explícito evidente, que non ten que ser verbal, de que quere participar nesa relación sexual", para engadir que "os xuíces contarán con probas testificais ou físicas para corroborar ese consentimento explícito".
A cousa non é, desde logo, para broma ningunha, pero podo xurar que botei de menos que alguén, no momento que lín esas explicacións, se tivera tomado a molestia de sacarme unha foto, porque estou convencida de que a cara de idiota que se me puxo tivo que ser para nota.
Non entendo nada!
Lamento moitísimo ter que dicir que non acabo de collerlle o punto a eso que a ministra lle chama "consentimento explícito", e menos aínda as "probas físicas ou testificais", ao tempo que penso que, en cuestións de agresións sexuais, anda a muller un chisquiño despistada, porque da a sensación de que cualifica como tales tan só aquelas das que hai constancia por ser cometidas en público, ou provocar, no seu defecto, lesións na muller, e, como todos deberíamos saber, non sempre é así.
Hai agresións sexuais que nunca chegan a coñecerse, nin deixan marcas visibles, e somos moitas as mulleres que, por desgraza, sabemos moi ben do que estou a falar.
Estou a referirme ás vítimas de violencia de xénero.
Non hai nin unha soa muller que, tendo vivido o inferno dos malos tratos, non fóramos forzadas sexualmente nalgunha ocasión, así de claro e de real.
Todas e cada unha de nos sufrimos algunha agresión sexual mentres dura esa relación, agresións que, a maioría das veces, non deixan pegada física ningunha, por unha razón ben sinxela: Porque cando o noso agresor nos presiona para ter esas relacións, é tal o pánico que sentimos ante as represalias que negarnos podería provocar, que, por pura supervivencia, non temos máis alternativa que tragarnos o medo, as bágoas, e mesmo o noxo, e acabar por ceder.
As únicas pegadas desas violacións, porque iso é o que son, violacións, fican na nosa alma, fóra da vista da xente, onde soamente nós somos conscientes delas.
Como pretende demostrar iso diante dun xuíz? Que evidencias cre que se poden aportar?
O corazón feito pedazos? A humillación, a aldraxe que sentimos? É iso válido diante dun xuíz?
Eu convídoa a que, se lle parece oportuno, nos acompañe un día calquera a tentar denunciar uns feitos como os que acabo de describir.
Igual, ante a máis que probable resposta recibida, se percata de que a cousa non é tan sinxela.
E que me diría ante os casos de abusos sexuais que se dan no eido máis privado, como a familia, por exemplo, e que case sempre se prolongan no tempo, sendo a vítima, ademais de presionada, como na situación descrita anteriormente, instada a calar, ou mesmo abertamente ameazada sendo esta situación ainda máis grave cando se trata de menores?.
Que probas cre que se poden presentar nun caso así?.
E de testemuñas xa nin falamos.
Temos, por outra banda, as relacións que, polo menos aparentemente, xorden dun xeito normal, e que, afortunadamente, na maioría dos casos, así seguirán sendo, incluídas as relacións sexuais, pero tamén se pode dar, e de feito, se dá, unha situación ben diferente.
Unha parella, o mesmo me dá que sexan noivos, amigos, ou que acaben de coñecerse, que aparentemente, deciden de mutuo acordo, ter sexo.
Obviamente, agás algún caso de "subidón" puntual, isto non vai suceder en público, polo que, unha vez ambos estean a soas, quen pode demostrar que esas relacións foron consentidas?
Quen pode dar testemuña de que, como as veces sucede, finalmente a muller decidiu non seguir adiante, e o home todo o contrario, forzándoa a continuar?
Porque, agás que a agresión lle deixe pegadas visibles, no caso de que ela se decida a denunciar, será a súa palabra contra a del, que, obviamente, manterá a versión de que as relacións foron consentidas.
Por que, de non ser así, como vai isto?
Cando unha parella decide, estando ambos dacordo, polo menos en apariencia, ter relacións sexuais, vai asinar previamete un documento onde quede recollida a voluntariedade, por parte da muller, desas relacións?
Ou cada episodio sexual terá que ser presenciado ou mesmo recollido e testado por alguén que acredite que non existiu violencia ou coacción?. Porque diso á acta notarial media un treito ben pequeno!
Tal vez isto que estou dicindo vos soe a ironía, ou mesmo a chiste.
Podo asegurarvos que non é así, e, os que me coñecen, saben que eu, con estes temas, bromas, ningunha.
Lonxe diso, estou abraiada, indignada, e, por riba de todo, asustada. Si, asustada, porque todo apunta que, malia ter novo goberno, nada vai mudar.
Con todos os meus respectos á señora ministra, non dubido que de teorías estará moi ben servida, e que terá unha formación algo máis que esmerada e considerable, pero, de realidades anda bastante escasa.
Realmente pensa que o que expón se sostén por algún lado?
Porque, se é así, agradeceríalle infinitamente, e tampouco agora estou ironizando, que nos explicara a viabilidade desa lei, polo menos tal como ela a expón, porque nos daría moita tranquilidade.
Tal vez hai algo que se nos escapa e que non nos deixa ver a súa eficacia, pero, eu, de momento, o único que teño claro é que, malia o cambio, as mulleres seguimos estando VENDIDAS, e que, no meu caso, o máis explícito é a miña perplexidade, porque, repito, non entendo nada.
Din que avanzamos. Será verdade. Igual crelo é unha cuestión de fe, porque, polo momento, os feitos, francamente, non deixan lugar ao optimismo.
Asociación Si, hai saída