Manuel Pérez Lourido
Funky Lurpias
Cando decidiron chamarse Funky Lurpias, Tania protestou porque se lle arrimaba moito para ela a Nancys Rubias, o enxendro da parella de Alaska. As outras tres contestáronlle que fose a rañala, que era o que adoitaban dicirlle a Tania cando se puña pesada. Sabela, a baixista, ceibou un suspiro de alivio cando Beatriz lle ofreceu un cigarro á protestona e esta prendeuno e colgouno dun beizo. Era o sinal de que calaría un anaco.
Cando naces e vives en Xinzo da Limia, non queda outra que papar frío no inverno, cocerte nos veráns e aturar aos paspáns que se refiren a túa terra como "Ginzo de Limia", sendo Google Maps un dos máis notorio entre eses papáns. Ou poñerte a aprender a tocar algún instrumento musical para ver de pasar a adolescencia dun xeito máis entretido. Iso foi o que fixeron Sabela, Beatriz (guitarra) e Noa (batería) nun obradoiro de música que levaba un deses románticos altruístas que por sorte sobreviven á inexorable decadencia da especie humana. Cando a idea de montar un grupo estaba xa a soar forte nas súas cabeza, apareceu Tania coa súa voz de serea e a súa chulería de cidade. Tania viña de Vigo, nun proceso migratorio de signo contrario ao habitual, e amosou sobradamente que o de levar a contraria era o seu. Por iso chegou a Xinzo falando galego e mesturouse coas outras tres nas postremeiras dun bacharelato que as levaría da man ao ingreso universitario (Maxisterio en Ourense, Beatriz; Veterinaria en Lugo, Sabela) ou ao mundo laboral (no restaurante dos pais, Noa) ou a lanzadeira da FP (Tania, na rama sanitaria). O certo é que perseveraron nos ensaios en fins de semana e vacacións ata artellar un discurso sonoro que comezou a levantar admiración na contorna. Foi un tema da vocalista, "Lingua de trapo", o primeiro "hit" das Funky Lurpias. Disparaban contra o maltrato ao galego sen misericordia. O son da banda tiña ben pouco de funky, estaba máis no terreo de My Bloody Valentine cun aire pop estilo El mató a un policía motorizado que tamén arrecendía á Velvet Underground. Esas eran as referencias das que falaban en canto tiñan ocasión, e non andaban lonxe da verdade (salvando as distancias).
Despois dun par de veráns vendendo o seu produto por todo o territorio galego, adicaron o seguinte outono e parte do inverno a gravar "Cadelas de palleiro", o seu primeiro album, que asomou os fuciños en Spotify, youtube e Bandcamp. Incluíase naquel traballo un tema que levaban en directo con grande éxito, unha versión moi electrificada do "More than this" de Brian Ferry. Unha nova tempada de concertos, que ampliaron o seu radio de influencia á comunidade asturiana e o norte de Portugal, un amplo triunfo do disco entre os entregados seareiros e unha multinacional veu chamar á súa porta.
"Senso" rompeu todas as previsións. A xente toleou con aqueles temas: "Virus vivendi", "Lóstregos e vértebras", "Dime con quen andas" e "Noxo" soaron en emisoras de todo o país, o que era un fito histórico para unha banda que cantaba en galego. Tocaron no Primavera Sound e no Azkena Rock e deixaron o listón altísimo agardando á terceira entrega, que chegará nesta vindeira primavera.