Boris Rodríguez Pintos
Resumo da Xornada 5 da LEC
A xornada traía a Origen - Fantic como partidazo da semana. Se este partido xa prometía emoción por si só, os tropezos de Misfits e G2 dábanlle aínda máis. Origen chegaba coa oportunidade de colocarse líder en solitario mentres que Fnatic forzaba o cuádruplo empate se se facía coa vitoria.
No outro lado da clasificación, Vitality conseguiu a primeira vitoria da tempada e se xunta con SK e o Schalke 04 na loita por saír da última praza.
Ignorando as leis da natureza, esta vez foron os coellos os que se impuxeron aos leóns nun encontro moi igualado.
No lado de Misfits atopábase un Razork moi activo que chegou a poñerse cun 2/0/2 participando en todas as kills do seu equipo. Mentres, no lado de Mad Lions era o support quen cun 2/0/0 levaba todos os asasinatos do seu equipo.
No minuto 17, o Sett de Dan Dan conseguía unha dobre baixa que poñía o 2-6 no marcador de mortes e unha diferenza de 4 k de ouro para os coellos.
Misfits tamén dominaba os obxectivos con dous dragóns e dous heraldos, que precisamente usaron para levar o inhibidor da top lane.
Ao minuto 21 Misfits facíase rapidamente co Nashor. Os leóns chegaron tarde para evitalo e deixábanlle un triplo kill a Aphelios. Parecía un desastre para Mad Lions, pero unha gran xogada deixaba a pelexa nun catro por catro.
O buffo de Nashor só quedáballe a Febiven, pero a vantaxe conseguira Misfits permitiulle acabar a partida sen moitas complicacións.
Os dous pechacancelas enfrontábanse nun duelo no que un dos dous sairía bastante prexudicado.
Vitality buscaba a súa primeira vitoria e collía as rendas do encontro ao minuto 10 cunha dobre baixa que acabou nas mans de Comp. Na top lane o Schalke respondía cunha kill para Abbedagge.
O partido foise arrefriando aos poucos, algo que beneficiaba aos alemáns que xogaban para o escalado de Viktor.
No intento de conseguir a prioridade do mapa xurdían pequenas escaramuzas que permitían ao Schalke 04 darlle a volta ao marcador de mortes.
Chegados ao minuto 29 os alemáns lanzáronse a por o Barón. Os xogadores de Vitality tentaron evitalo pero só conseguiron perder a dous dos seus integrantes.
O buffo e o momento doce que atravesaba Viktor permitiron finalizar a partida sen moitas complicacións, e dáballe ao Schalke a súa segunda vitoria seguida.
O equipo de Excel conseguiu manterse no partido máis tempo do que moitos esperaban, pero G2 foi superando aos poucos aos seus rivais ata facerse coa vitoria.
Durante a fase de picks o equipo de Excel escollía a Vayne para enfrontarse ao Ornn de Perks. En G2 Jankos volvía escoller a Karthus, con quen xa sorprendeu a inicios do ano pasado.
Era precisamente o xungla dos samuráis, co Réquiem, quen aseguraba varias kills sobre os rivais. Unha delas, tras un fallo parvo do adc rival.
Ao minuto 14, e a pesar da diferenza no marcador de mortes, o equipo de Excel mantíñase parello a nivel de ouro.
A partir do minuto 18, e a pesar de que Vayne empezaba a ser perigosa, producíronse unha serie de teamfights nas que G2 pasou como unha apisoadora sobre os xogadores de Excel.
No minuto 27 G2 facíase facilmente cun Nashor que lle serviu para resolver a partida sen problemas.
SK, do mesmo xeito que G2, tamén apostaba por Karthus para a xungla. Con todo Origen traía a materia estudada e sorprendía cunha Nidalee que non deixaba ningunha opción ao xungla rival.
O early game resolveuse sen moitas baixas. O primeiro sangue puido chegar ao minuto 11 nunha teamfight na que varios xogadores escaparon ao límite. Foi Limit quen a conseguiu tras perseguir ao top laner rival. O support de SK quedaba nunha posición comprometida que permitía a Origen matalo na súa huída.
Origen dominaba facilmente os obxectivos, gañando a SK en heraldos, torres e dragóns.
Para evitar que Origen seguise dominando os dragóns, SK comezou a priorizalos, levándose os dous seguintes.
O feito de que SK xogará pola zona de bot permitía a Origen facerse co Nashor sen complicacións.
O buffo sería suficiente para terminar a partida se non fose porque Tham Kench salvaba, sempre ao límite, a varios dos seus compañeiros
No minuto 34 SK conseguía o seu terceiro dragón pero perdía a tres xogadores na pelexa que lle daban a Origen dous inhibidores. Coa presión exercida polos supersubditos, o segundo Nashor e a partida leváballa o equipo de Guilloto.
Os dous equipos chegaban empatados na clasificació (5-3) e coa esperanza de saír un pouco máis preto do liderado que mantiña G2.
Na partida destacou o Zac top de Bwipo, que segue sorprendendo cos seus picks, e un Rekkles, que con Ezreal, levou 9 kills en dúas xogadas, con pentakill incluída.
O primeiro sangue leváballa Némesis na top lane tras acudir en axuda do seu compañeiro.
Ao minuto 11, Rogue usaba un heraldo en bot que lles daba a primeira torre, pero un bo teleport de Bwipo forzaba unha pelexa que se saldou cun dous por un para Fnatic.
Os equipos tentaban facerse co control do mapa, o que provocaba pequenas pelexas que non acababan de beneficiar a ningún dos dous equipos.
No minuto 26 Fnatic lanzábase a por o Nashor. Os xogadores de Rogue tentárono evitar pero só deixaban catro mortes no marcador persoal de Rekkles.
Co buffo de Nashor, Fnatic presionaba aos poucos aos seus rivais, que se viron obrigados a pelexar unha teamfight na que Rekkles levaba a primeira pentakill da tempada e outra vitoria para o seu equipo.
Vitality conseguiu o sábado, tras sufrir durante 40 minutos, a súa primeira vitoria do ano.
A partida empezaba ben para Vitality, que a pesar de non conseguir o primeiro dragón, sacaban dúas baixas, unha para o midlaner e outra para o adc.
SK respondía pouco despois levándose dous kills, un heraldo e o seu segundo dragón.
No minuto 21, os equipos encerelláronse nunha pelexa na que SK parecía saír moi ben parado, pero da que acababa fuxindo tras perder ás súas dúas carries
Dous minutos despois Vitality enfocaba todos os seus esforzos en conseguir outro dragón, o que permitía que SK levase o Nashor moi facilmente. Con esta xogada o marcador de ouro inclinábase cara ao lado de SK, pero Vitality gañaba unha pelexa que volvía igualar o marcador de ouro.
A partir de aí os dous equipos buscaban facerse co Nashor, conseguindo a visión da zona e tentando cazar a algún dos seus rivais.
Foi Trick o que pecou de inocente, o xungla de SK adiantouse de máis e deixou ao seu equipo cun menos, que lle daba a Vitality un Barón moi sinxelo.
SK perdía todo o control da partida que conseguira ata o momento e mesmo parecía que Vitality podería acabar, pero non atopaban a forma.
No minuto 38 houbo un simulacro de carreira de bases, pero os equipos recularon no último momento. Isto beneficiaba a Vitality que conseguía facilmente o seu segundo Nashor.
No minuto 40 produciuse unha pelexa polo sétimo dragón da partida, o cuarto para cada equipo. A pelexa e o dragón levoullos SK, pero Saken foi máis listo que todos e cun bo teleport ás costas destruíu o nexo inimigo e deu ao seu equipo a súa primeira vitoria da tempada.
O Schalke repetiu fórmula cun Viktor medio que lle deu bos resultados o día anterior.
O Karthus de Excel dedicábase a farmear a xungla tranquilamente mentres Lurox axudaba todo o que podía ao seu equipo.
As cousas poñíanse moi de fronte para o Schalke cando Viktor levaba unha kill nun para un contra Ornn.
Excel non se rendía e respondía cunha boa teamfight e un heraldo que lles permitía levar dúas torres e un dragón.
O equipo de Excel tiña 3 dragóns que obrigaron ao Schalke a apostar todo polo cuarto. Isto deixaba aos rivais libres para facerse co Nashor. Con todo, os alemáns acabaron rápido co dragón e chegaron para levar a tres xogadores de Excel, deixando só a dous co buffo.
Pouco despois, no minuto 33, prodúcese un pelexa na que o Schalke chegábase a eliminar a tres adversarios sen perder ningún xogador, pero unha boa actuación de Caedrel e Patrik deixaba o resultado da pelexa nun cinco por tres.
O equipo de Excel facíase co cuarto dragón e o seu segundo Nashor pero non atopaban o modo de terminar a partida.
Houbo que esperar a unha batalla polo Dragón Ancián, que gañaba o Schalke ao conseguir o dragón e eliminar a tres rivais.
A pesar disto, os alemáns non se deron conta de que Expect estaba a facerlles unha backdoor que lle daba a vitoria ao seu equipo.
Misfits apostaba por un equipo enfocado ao early game que non tardaba en dar os seus froitos. Os coellos situábanse con 3-0 no marcador de mortes, levándose os dous primeiros dragóns e os dous heraldos.
Ante a imposibilidade de loitar o equipo de Rogue decidía acertadamente presionar as liñas laterais, que non deixaban estar cómodos aos xogadores de Misfits.
Aos poucos o equipo de Rogue íase facendo co control da partida. Con todo, un pequeno fallo dáballe a prioridade de medio a Misfits. Nun intento de evitalo Inspired precipitábase e morría, regalando o Barón aos coellos.
Aos 30 minutos de partida xa se notaba a clara superioridade de Rogue, que acababa con todos os rivais nunha batalla polo dragón que levaba Misfits.
Nun intento desesperado por gañar Dan Dan lanzábase sobre Hans Sama, que sobrevivía, dándolle a volta á pelexa e conseguindo a vitoria para o seu equipo.
A partida entre leóns e samuráis comezou con moita acción.
O primeiro sangue levoulla Caps no minuto 3. Os leóns responderon cun diveo en top que Wunder aguantou con moita clase.
No minuto 8 produciuse a primeira teamfight da partida, un 5 contra 5, no que G2 levaba o heraldo e unha kill.
G2 usaba o heraldo para conseguir a primeira torre na top lane e rotar rápido á mid lane para deixar o 1-4 no marcador de mortes.
Pouco despois, os leóns responderon cun tres por cero en top, que lles permitía facerse co heraldo.
En Mad Lions Humanoid púxose o mono de traballo. O midlaner levaba cinco das seis kills do seu equipo e daba medo en cada pelexa. Ironicamente foi unha cazada ao midlaner a que empezaba unha teamfight que gañou Mad Lions e que lles permitía facerse co Nashor Aproveitando a vantaxe que lles daba o buffo, os leóns deixaban aos samuráis sen base, obrigándolles a pelexar unha teamfight que non podían gañar e que engadía outro tropezo a G2
A Origen - Fnatic viña como o partidazo da semana e as derrotas de G2 e Misfits non facían máis que engadirlle emoción. Origen chegaba coa posibilidade de colocarse líder en solitario na competición mentres que a vitoria de Fnatic forzaba unha empate cuádruplo na primeira posición.
Fnatic apostaba por Ornn para a rúa central, onde se está facendo habitual ver ao campión. Tamén aparecía Phanteon para Bwipo tentando facerlle fronte á Soraka top de Alphari.
A táctica de Fnatic non tardou en funcionar. Ao minuto 6 Selfmade conseguía a kill sobre Soraka, que gastaba o Flash e obrigaba a un cambio de liñas entre mid e top.
O cambio non funcionou. Soraka morría tras un diveo na mid lane mentres Bwipo mataba a Nukeduck nun un contra un.
Os equipos decidiron trasladar a acción á bot lane. Primeiro confundíronse Rekkles e Hylissang que daban dous kills a Origen. Pouco despois Fnatic enviaba aos seus cinco xogadores ao dragón, e tras conseguilo atraparon a tres xogadores de Origen que estaban moi mal posicionados.
Fnatic fíxose co control da partida e conseguía o Nashor. Ante esta situación, Origen optou por pushear as liñas laterais con Nukeduck, pero as ultis de Taliyah e Phanteon non lle daban ningunha oportunidade.
Ao minuto 28 Fnatic conseguía o seu cuarto dragón e o seu segundo Nashor e forzaba unha pelexa na que eliminaban por completo ao equipo de Origen, e que deixa un cuádruplo empate na primeira praza da clasificación.