Marta Rodríguez Engroba
O outro feminismo, do que case ninguén fala e a tantos molesta
Teño que confesar que comezo a escribir estas liñas cunha gran tristura, por que nelas vou reflectir algo que, tal vez inxenuamente, pensei que sería pasaxeiro, que, coma tantas outras cousas na vida, o tempo acabaría por poñer no seu sitio, mais, lamentablemente, ese tempo pasou, e, nin foi así, nin se albiscan posibilidades de que así chegue a ser.
Desde o primeiro momento no que Si, hai saída, o colectivo de axuda a vítimas de violencia de xénero do que formo parte, botou a andar, quedou claro que o noso afán non eran as fotos, nin o desexo de facernos notar.
A nosa prioridade era, e segue sendo a día de hoxe, axudar as mulleres que se achegan a nos, tentando facerlles un pouco mais doado ese duro camiño para rachar coa violencia de xénero, sen necesidade de facer público o noso traballo, nin o noso día a día, sentíndonos moi felices as veces, cando vemos que algunha muller atopou, co noso apoio, o seu camiño para vivir esa vida sen medo a que teñen todo o dereito, e tristes e frustradas outras cando os nosos esforzos non dan o froito desexado, pero tendo sempre moi claro a liña a seguir.
Nunca temimos dar a cara por todas e cada unha delas, enfrontándonos moitas veces a quen tiñamos claro que non estaba ben visto facelo, ainda sabendo que isto nos pechaba portas, pero co convencemento que da estar a facer o correcto.
Tampouco lucrarnos ou sacar algún rendemento desta labor foi algo que consideraramos nunca.
Pola contra, lonxe de encher os nosos petos, a actividade de Si, hai saída contribue a baleiralos, porque todas e cada unha das accións que facemos corren da nosa conta, desde algo tan trivial como tomarnos un café cunha muller que acude a nos, ata desplazarnos a onde se nos convida para participar nalgún acto ou impartir unha charla.
Non aceptamos ningún tipo de subvención ou convenio, e non por soberbia nin porque censuremos a quen o fai, todo o contrario, se non porque apostamos por acadar e manter unha independencia que, doutro xeito, non sería posible.
Foi, sinxelamente, unha opción, como unha opción é tamén a daqueles que optan polo contrario e que, por suposto, malia non compartila, respectamos.
Nunca pensamos que isto molestara a ninguén nin moito menos que fora ningún atranco para realizar o noso traballo.
Tampouco que nos granxeara inimigos. Demos por sentado que o respecto que nos sentimos era recíproco.
Non puidemos errar mais.
Pronto comprobamos que non eramos ben vistas en certos círculos, concretamente naqueles que, dando mostra dunha elevadísima autoestima, ou tal vez soberbia, eríxense pouco menos que nas creadoras do termo feminismo, ademais, por suposto, das impulsoras do movemento, e que teñen claro que o xeito de practicalo é única e exclusivamente o que elas dictan.
Fumos acusadas de non ser feministas, cando non se nos chamou abertamente machistas, e as críticas chovéronnos en abundancia, e o seguen facendo a día de hoxe, principalmente a miña persoa por ser a cara visible do colectivo, chegando a arremeter contra aspectos tan "feministas" como o meu xeito de vestir, porque semella que para ser feminista hai que respectar un "dress code" e non facelo provoca que sexas repudiada de xeito inmediato.
Tampouco gustou que non nos engadíramos a certos actos colectivos, como concentracións ou minutos de silencio detrás dunha pancarta.
Ninguén se parou a considerar que, ao mellor, os desprecios que se nos fixeron cando, ao comezo da nosa andaina, si acudíamos a eles, foron motivo mais que sobrado para non repetir a experiencia, como tampouco reparan, polo visto, en que, ademais de ter moi claro que non se pode medir a todo o mundo polo mesmo raseiro, ao mellor o que non compartimos é o oportunismo de certas persoas que atopan na violencia machista un filón inesgotable, que medra e medra limitándose a sair a rúa un par de datas no ano ou cando a violencia machista se cobra unha vida mais.
Presumen, eso si, de ser activistas as 24 horas do día, 7 días a semana, pero, curiosamente, malia que alardean de ser antisistema, a maioría viven del tan ricamente, o que lles otorga, entre outras cousas, esa flexibilidade horaria para exercer o seu "activismo" full time nas datas pertinentes.
Tampouco no eido institucional nos foi moito mellor.
Non se nos perdoa non facer a vista gorda ante as gravísimas eivas que tantas veces se cometen na atención e protección das vítimas da violencia machista e dos seus fillos, e, malia que sempre apostamos polo diálogo, non temos reparos, cando todos os intentos por levalo a práctica non atopan resposta, en facer público o que consideramos que non se está a facer ben, sempre desde o respecto, pero con toda a contundencia precisa.
Obviamente, isto está a anos luz da postura políticamente correcta que se esixe para ser "ben vistas", e non tardamos en ser "agasalladas" con críticas tamén por esta banda, e por atrancos tan rastreiros como negarnos unha xuntanza nunha institución para falar de asuntos directamente relacionados con vítimas.
E qué dicir do eido político?
Tras algún intento de "alugar" a nosa "marca" para integrar algunha lista, porque sempre queda ben, supoño, levar a alguén que se supón exerce o activismo, non tardaron en decatarse do seu erro, porque na filosofía de Si, hai saída non ten cabida moderar a nosa postura ou edulcorar aquelo que claramente está a contribuir a que a violencia de xénero continúe medrando, e claro, non está a cousa para arriscarse a perder votos, como tampouco se perdoa o non querer exhibirse en certos actos que están nas Antípodas das nosas conviccións.
Como xa dixen ao comezo, pensamos que todo isto se iría arranxando co paso do tempo, cando se decataran, dun e doutro lado, que o único que queremos e facer o noso traballo con tranquilidade e que nos respecten o mesmo que nos respectamos aos demais, pero, por desgraza, non está a ser así.
Si, hai saída circula, como boamente podemos, por unha especie de "terra de ninguén", tentando eludir os atrancos do camiño, algo que cada vez é máis difícil, e que supoñemos que acabará por ser imposible, porque non hai nada que una mais nesta vida que a ambición e o afán de poder, que fai que se alíen mesmo aqueles que nada teñen que ver entre sí, pero que non dubidan en xuntar forzas para desfacerce de quen molesta, neste caso nos.
Si que nos doe, certamente, que se exclúa do feminismo o traballo que estamos a facer, porque se loitar cada día para que tantas mulleres poidan esquecerse por fin do terror, para que a lei, a xustiza, as ampare, as protexa como se merecen, para que elas e seus fillos sorrían por fin, non é loitar polo feminismo, que é?
Ben é certo que o noso traballo non sae na prensa, nin nos sacan fotos cada vez que asistimos a unha muller ou a acompañamos a denunciar, ao Xulgado... Non hai testemuña gráfica, non como das "fazañas" dalgunhas ou dos milagres que algunha institución fai de cando en vez, que lles fan elevarse a categoría de heroes.
Co gallo do 8M, isto faise especialmente evidente, e o curioso é que ninguén semella reparar en que despois dese día, a maioría destes "colectivos de referencia" (non todos), desaparecen ata a seguinte data de rigor.
O que está claro é que o traballo do día a día, calado, sen afán mediático, non vende, non se valora, e que ten mais mérito, polo que se ve, un minuto ben vendido, que o traballo continuado, sen horarios, sen datas, sen vacacións.
Escollido, por suposto, pero non doado.
Este é o outro feminismo. O calado, o que moi poucos queren ver, pero que, e eso o temos mais que constatado, molesta a moitos, e de que maneira!.
Asociación Si, hai saída