Celso Xavier Milleiro Sánchez
Futuro
O pasado 31 de decembro fun un dos últimos usuarios en pagar a peaxe da autoestrada Cádiz-Sevilla, con ledicia porque os/as andaluces/as acadaran o que os/as galegos/as aínda non podemos por unha decisión política do PP no Estado e a submisión dos seus na Xunta de Galiza.
Existe no País Galego unha autoestrada que a percorre de norte a sur, importante para o desenvolvemento do noso sector económico. En Marín temos a sorte de tela moi perto de nós polo que o poder político da dereita marinense debería ser consciente da vital necesidade da liberación da peaxe, favorecendo de tal xeito o tecido industrial local.
Mentres, Marín perde poboación a marchas forzadas, nin a Escola Naval Militar, nin o Porto de Marín, e mesmo unha ENCE a carón da nosa ría fan que a nosa economía sexa dinámica e diversa, que fixe poboación e sexa motor social para o desenvolvemento dun PXOM máis morto que Metuxalén.
O triste do conto é que o goberno municipal carece dun proxecto de futuro para Marín, as migallas do “pan e circo” son comida para hoxe e fame para mañá se non hai propostas alternativas serias.
Marín ten solución, mais non virá polos que hoxe nos gobernan.