Manuel Pérez Lourido
Cara de catalán
Cando vaia por Cataluña téñome proposto poñer cara de catalán. O que faga falta, con tal de non poñer nun apuro lingüístico aos meus interlocutores. Isto ven a conto dunhas declaracións da alcaldesa de Vic, que pediu aos cataláns que se dirixiran na lingua propia de Cataluña aos que, polo seu acento ou polos seus rasgos, non aparenten ser cataláns. Non precisou cales son eses rasgos, o que foi unha mágoa porque xa postos a facer o ridículo o que cómpre é facelo ata as últimas consecuencias. ¿Canto de catalán podes ter ti, amigo lector? Asómate ao espello a ver que che di. Aí, na intimidade, é como máis fluído sae este idioma, se nos fiamos do ilustre políglota vigoréxico José María Alfredo Aznar López (que non nos fiamos; eu non, polo menos).
A vida política ofrece unha cantidade realmente inimaxinable de oportunidades para facer o parvo ou pintar a mona ou ás dúas cousas. Queres defender unha campaña como "No me cambies la lengua” que busca animar aos cataláns a non cambiar de idioma cando falen cun non catalán (poñendo na picota o famoso seny catalán e amosando a falta de amabilidade). "Trátase de axudarnos a non perder a lingua” dixo a señoriña, rivalizando con Toni Cantó cando saíu con aquelo de que o castelán estaba en perigo na Galiza.
A verdade é que non se ve tan en perigo ao idioma de Cataluña como para espallar consellos tan drásticos, pero bueno. Agora, esa forma de explicalo, señora alcaldesa... o dos rasgos cataláns... empezamos defendendo un idioma de non se sabe que inimigos e rematamos cos pes no terreo da xenofobia.
Non sabemos que vai pasar cos cataláns con pinta de cataláns que sexan sorprendidos na rúa (ou nas cafeterías) falando en castelán. No futuro, quero dicir. Agora non lles pasa nada, e talvez sexa iso o que lle preocupa tanto á lideresa de Vic,
Hai nalgúns sectores do independentismo catalán un arrecendo supremacista moi preocupante, un certo xesto do apéndice nasal apuntando para enriba, cando non se acompaña cos dedos índice e polgar suxeitándoo diante dos non cataláns. É ben certo que Cataluña é unha terra da que aprender moito en moitos sentidos pero algúns cataláns pecan de soberbia cando se comparan con outros territorios da península, que se comparan, e moito máis do recomendable. Por compararse tanto cos vascos, entre outras cousas, é polo que se lle comezaron a inflar as gónadas e buscarlle tres pes ao gato.
A señora alcaldesa de Vic primeiro dixo que fora malinterpretada e despois pedíu desculpas. O que vostede diga. Pero vénseme á cabeza aquel pasaxe das Escrituras que di que do que abonda no corazón, fala a boca. Pois iso.