Marta Rodríguez Engroba
"Señora, cíngase a ese día!"
Con esta frase tan atinada resumía unha muller que pasou hai tempo por Si, hai saída,e a que lle quero dedicar este artigo, o mesmo que a todas as que sofriron ou están a sofrir unha situación semellante, o crime machista cometido en Gijón, no que Lorena foi presuntamenate asasinada pola súa ex parella.
Porque a violencia machista tampouco faltou esta semana a súa cita, que cada vez cumpre con máis puntualidade e con menos marxe entre unha e outra.
Despois de ser botada en falta no seu traballo, Lorena apareceu salvaxemente acoitelada no seu domicilio, no que todo parece indicar un novo asasinato por violencia de xénero, cometido pola súa ex parella, que ao mesmo tempo desapareceu, sen que fora localizado e detido ata pasados catro días.
Menos mal que se agochou en Gijón, porque se chega a fuxir a Madrid, ou Barcelona, por poñer un exemplo, non dan con el na vida.
En fin...
Tras o asesinato, e continuando con ese sagrado ritual que se segue cada vez que unha muller é asasinada, rapidamente se aclarou, faltaría máis!, que non existían denuncias por parte de Lorena. É moi importante deixar eso ben sentado. Se te matan, muller. a culpa é túa, por non ter denunciado.
Máis, o que son as cousas!. Antes de Lorena, tres mulleres si o fixeron, e o home, ao que, por certo, os que o coñecen describen coma mui agresivo, mesmo chegou a entrar en prisión por algún deses feitos.
Dito doutro xeito, había antecedentes por violencia de xénero máis que evidentes, o que non impediu que J. Manuel, como sucede na inmensa maioría dos casos semellantes, estivera libre.
Foi preciso que matara, que unha muller fora asasinada, para que, como recolleron os medios de comunicación, Policía Nacional e Policía Local "blindaran Gijón" tentando achalo.
Ata ese momento, ninguén se parou a considerar que este home era un perigo, un asasino en potencia, aínda existindo as denuncias de tres mulleres.
E aquí cobra todo o sentido a frase da nosa amiga coa que lle dou título a este artigo, unha frase que ela, coma moitas outras mulleres, ten todo o dereito a dicir, e ben alto ademais, porque sabe ben do que fala, sinxelamente porque o viviu na súa pel.
Lorena non denunciara ao seu presunto asasino, certo, pero, de telo feito, que pensades que ocurriría se ela mencionara, se é que os coñecía, os antecedentes da súa ex parella por violencia de xénero?.
Porque tal vez o episodio que a levara a denunciar non fora considerado tan grave coma para solicitar algunha medida, pero se ela fixera constar o seu temor polo pasado agresivo do home, a resposta sería, case con toda seguridade a consabida "Señora, cíngase a ese día".
É máis, por lóxica, no hipotético caso de que Lorena tivera denunciado, e malia que ela, tal vez por descoñecemento, non mencionara os anteriores episodios de violencia machista de J. Manuel, obviamente saltarían de inmediato nese momento.
Serviría eso para brindarlle protección a ela, ou detelo a él se ela non presentase lesións graves?.
Case con toda probabilidade, a resposta sería, unha vez mais, "Señora, cíngase a ese día".
Porque esa é a prevención da que tanto nos falan desde as Institucións, os políticos, cando lles poñen un micrófono ou unha cámara diante despois dun novo asesinato machista, ou cando celebran algún deses foros, ou mesas de traballo, ou como se lles queira chamar, nos que se xuntan o mellor do mellor e todos gañan.
Unha "prevención" que agarda a que o asasino mate para tomar medidas.
Ata ese momento, a súa liberdade vai ser respectada e nunca coartada.
A das mulleres, a liberdade mais elemental de vivir sen medo, de non ter que estar mirando as costas cada vez que saimos a rúa, especialmente as que nalgún momento da nosa vida nos topamos cun malnacido que tiña como principal obxectivo rematar con ela, é secundaria, por non dicir inexistente.
Un historial de violencia de xénero coma o do presunto asasino de Lorena tería que abondar para que se tomaran, cando menos, unhas medidas mínimas de vixiancia, de control, pero todos sabemos que eso non se fai.
De que lle serve agora a ela o despregue policial?. Acaso lle van devolver a vida?.
O que non me entra na cabeza é que, como mentras a violencia de xénero non deixa de segar vida tras vida, se pode ter o descaro, desde as altas instancias, de dicir que se está a loitar contra ela, que se están a tomar medidas, que se está a previr?.
Como se pode ter tan poucos escrúpulos para seguir lanzando, sostendo, unha mentira que non deixa de axudar a matar?.
Pero é inútil.
Os casos como os de Lorena están a repetirse cada vez con mais frecuencia, pero nada muda, nin siquera o descaro de botarlle enriba a responsabilidade a vítima por non ter denunciado.
E se algunha o fai, xa sabe o que ten que facer, "Señora, cíngase a ese día!".
Asociación Si, hai saída