Tribuna Viva
O descontento da Asociación de Familias do alumnado Os Piardeiriños
A Asociación de Familias do alumnado Os Piardeiriños, da escola infantil Galiña Azul de Vilaxoán de Arousa, amosamos o noso total desacordo e descontento coas xestións e medidas tomadas polo Consorcio acerca dos constantes cambios de educadoras no noso centro.
En pleno proceso de adaptación cámbianse as educadoras das aulas 4 e 5 (ámbolos grupo das idades 1-2). E ninguén explicou nada as nais e pais, simplemente incorporáronse dúas educadoras, trasladadas desde o Centro de Carril, co lóxico descontento das familias das crianzas de Carril.
Temos que dicir que as educadoras, adaptáronse enseguida coas novas compañeiras e co seu novo alumnado, facendo todas unha gran labor coas crianzas as que lles custaba adaptarse á escola. E así as nenas e nenos, van avanzando e adaptándose. Falamos de adaptacións longa, que duraron dous e tres meses e foron duras para as nais e pais, así como para as súas fillas e fillos, a nivel no so emocional, senón tamén a nivel laboral.
Superada a adaptación as crianzas xa teñen o seu apego e a súa figura de referencia moi marcada, algunha das nenas e nenos coas educadoras que agora queren levar para Carril.
E agora de novo, sen previo aviso as familias, trasladan de novo ás dúas educadoras de novo para o Centro de Carril, de onde en ningún momento a Xerencia debería telas movido, por ser as referentes das crianzas, pero por riba non para voltar co seu alumnado de referencia, senón para un grupo novo de nenos.
A AFA Os Piardeiriños prantexamos:
- Non seria menos prexudicial para as nenas e nenos, que un grupo novo empece cunhas educadoras novas, e non que aos grupos xa creados e consolidados lles cambien a medio curso as súas educadoras?
- Nas aulas, de onde a Xerencia volta a obrigar marchar as educadoras para Carril, hai nenas e nenos aos que aínda lles costa quedarse se non están as súas educadoras de referencia, nalgún dos casos as referentes son as educadoras que trasladan a Carril, vémolo os días que estas non están; hai crianzas aos que lles costa xantar e todalas educadoras do centro están traballando pouco o pouco este tema coas crianzas que lles teñen de referencia, basándose sempre nese apego que teñen coas nenas e nenos, e nesa confianza mutua que foron gañando nestes meses.
- Qué cree a Xerencia que vai a pasar agora cando estas crianzas se lles cambien as súas persoas de apego? Son conscientes do paso atrás que darán moitos deles e o mal rato que lles farán a eles e as súas familias?
- Non nos esquezamos que son crianzas que acaban de cumprir 1 ou 2 anos, todo máis. Custoulles facer da escola o seu espazo e ver as súas educadoras como do seu entorno máis cércano. Este proceso require moito esforzo por tódalas partes, e moito tempo, e non é xusto que unha decisión de despacho desfaga todo este traballo e prexudique aos máis indefensos e importantes, as nenas e nenos.
- Cal foi o motivo polo que a Xerencia tomou a decisión de non contratar dende setembro 2 educadoras novas para o Centro de Vilaxóan, e así non desfacer Carril?
Con estas decisións, por parte da Xerencia do Consorcio, temos a impresión de que non se pensa en absoluto nas crianzas, e xa non digamos nas familias.
Polo exposto, solicitamos que se rectifique esa decisión e que as dúas educadoras acaben o curso no centro de Vilaxoán. E que os cambios organizativos que sexan necesarios para levar a cabo o vindeiro curso, se organice dende xa o novo curso e consensuando as decisións coas AFAs dos centros, coas nais e pais e coas traballadoras/es. Creemos que é o xusto e o lóxico.